miércoles, 8 de enero de 2025

Os vikingos-escandinavos de Canduas

 
Mota castral de Sinde en Canduas

Na parroquia de Canduas desauga o río Allones, chamado Vir-Viri ou Beres polos romanos. Segundo a etimoloxía do hidrónimo Allones, esta vén do latín "alienus" "alius", co significado de "río dos outros", dos estranxeiros, da xente vida de fóra. Tamén a toponimia de Cabana de Bergantiños fai alusión de xeito intencionado e reiterado a un modo de construción en madeira de suposta feitura estranxeira coa finalidade de diferencialo das tradicionais construcións de pedra, tan habituais nos castros en Galicia.
No concello de Cabana de Bergantiños atópase a parroquia ou freguesía de Canduas, xusto nunha pequena rada na desembocadura do río Allones. A etimoloxía de Canduas fai referencia á raíz "scand" da que derivan palabras como "cándido", co significado de branco, e tamén "Escandinavia", nome co que o escritor romano Plinio nomeu ás terras máis septentrionais e brancas da Europa e de onde proviñan precisamente os normandos.
Na parroquia de Canduas, a parroquia máis escandinava de Galicia, atópase o lugar ou aldea de Sinde, un topónimo de clara orixe xermánica ou normanda procedente da raíz "sinth", co significado de "viaxe", "expedición bélica", "parada nun traxecto" ou "pousada nun camiño ou nunha viaxe", "escala",  que co tempo converteuse na principal base de operacións dos vikingos en Galicia e un lugar estratéxico de recalada no Atlántico para organizar as súas expedicións militares dende o norte de Europa cara o Mediterráneo. A área xeográfica que comprende Canduas, Brantuas e Mens semella ser "o pequeno reino dos vikingos na Galiza". De feito a palabra Brantuas fai referencia a un ganso de cara negra chamado polos daneses brant que curiosamente fai a ruta migratoria dende Dinamarca ata as costas do norte da Coruña. Tamén brant en danés significa empinado.
 
 
Brant Barnacle Migración
 
 

 

 
Por norma xeral os vikingos situaban os seus asentamentos preto da costa e en zonas un pouco inhóspitas ou recónditas para evitar de primeiras conflitos coa poboación local. Aproveitaban un pequeno abrigo rochoso ou vik que servise de porto ou refuxio natural para a continuación ascenderen un pouco terra adentro polo pequeno val marítimo correspondente onde situaban a súa fortificación ou mota, xeralmente aproveitando un castro previo existente no lugar, e a partir do cal facían despois as súas incursións bélicas no territorio. Dende o castelo do Casón en Ortigueira, a mitra compostelana controlaba as incursións vikingas dende o Vicedo e dende o castelo de Brandufe (o lume de "Ulfo o galego") en Mazaricos e o castelo de Luaña en Noia, a mitra compostelana controlaba as incursións vikingas dende Canduas. Canduas, Ferrol-Ares-As Mariñas e o Vicedo eran os principais focos de irradiación vikinga en Galicia.
 

Vikingos do Vicedo


Vikingos de Ferrol

 
Vikingos de Canduas


A palabra "mota" vén do anglo-normando "mot", co significado de pequena elevación ou montículo construído de xeito artificial con barro, chamado mudder en idioma danés. A existencia dunha mota castral ou motte and bailey, de orixe normanda-vikinga no lugar de Sinde, na parroquia de Canduas, pódese comprobar claramente nas fotos aéreas. Teño visto moitas fotos aéreas de castros e iso non é un castro normal cos seus parapetos a modo de circunferencia, mais ben é un círculo sobreelevado ou mota, ou un castro reconvertido en mota. Non sei por que motivo os vikingos aplanaban os castros, eliminando e sustituíndo os parapetos por empalizadas de madeira para convertelos en asentamentos fortificados, quizais era unha cuestión de funcionalidade ou reciclaxe e rapidez construtiva. O certo é que os asentamentos galaicos "tuneados" polos normandos aparecen con superficies moi planas e bordes limpos e recortados onde soamente sobreviven os taludes. Supoño tamén que a construción en madeira require de superficies moi planas pero por outro lado tampouco quererían renunciar ás cualidades defensivas e topográficas dun asentamento castrexo nun territorio alleo e hostil como o galego, xurdindo deste modo unha nova tipoloxía híbrida, máis común na costa norte e que desaparece totalmente cara o interior, que tamén se deu noutras zonas de Europa conquistadas tamén polos normandos. Ocorre o mesmo no próximo castro de Cerezo en Ponteceso do normando "sire" (señor) ou "seer" (to set, to install, to put in place), no castro de Nemeño ou no castro das Modias en Cabanas, na ría de Ares. Máis no interior temos o castro de Cereo e da Insua en Coristanco ou o estratéxico lugar de Ser e a torre de Randufe en Santa Comba, Cabanas na Baña, Vilar de Francos en Carballo, ou Sergude en Xornes en Ponteceso (tamén do normando sire 'señor' ou da importante raíz normanda seer "to set"do latín "sedere")A penetración normanda no interior de Galicia tradúcese moi ben na distribución do topónimo Cabanas e do topónimo Serantes, máis frecuente no interior e no norte das provincias de Lugo e da Coruña e apenas inexistente en Pontevedra ou en Ourense. Quizais tamén houbo asentamentos normandos en Noicela, Gondomil en Corme, coa súa famosa serpe alada, ou en Cereixo en Vimianzo. Ou en Espasante, Randamil, Ceranzos ou no mesmo Vicedo (da raíz "vik" que significa baía), como principal área dos vikingos na costa de Lugo. 
De confirmarse a mota and bailey de Sinde, entón tamén poderiamos falar dunha mota and bailey como orixe da fortaleza de Mens, do danés "Mogens" (pronunciado mœns), co significado de "poderoso", e tamén dunha mota no lugar da Modia en Cambados e no castro das Modias no concello de Cabanas, na ría de Ares, e responsable, se cadra, das razzias normandas polas terras de Monfero e Curtis. A palabra "modia" procede xustamente da raíz "mota".

 



Mota & Bailey de Mens

 
 
A Modia no Outeiro en Cambados

Xa que logo, Canduas, Brantuas e Mens, e por extensión o castro das Modias no concello de Cabanas, na ría de Ares e o lugar dos Moutillós no concello do Vicedo ou mesmo o "castro" de Beo en Malpica, semellan ser asentamentos vikingos ou normandos na costa de Galicia, debidamente reciclados ou reacondicionados. 
O castro marítimo de Beo chámase castro de Punta Galiana por este motivo. Precisamente os irlandeses chamaban Gal aos normandos por proceder das costas de Francia. Recentemente o famoso castro irlandés de Dún Aonghasa confirmou a súa reciclaxe vikinga co achádego de dous enterramentos con dous corpos datados aproximadamente pola volta do século X. Por outra banda o monte Beo en Malpica, onde se atopa a famosa capela de San Adrián, e quen botou ás serpes fóra de Galicia, vén da palabra danesa "be", co significado de "orar" ou "lugar sagrado". Tamén hai un monte Veo en Santa Mariña, en Camariñas e o topónimo de Malpica tamén ten unha etimoloxía nórdica, froito da unión do termo "mole", co significado de "peirao" e o termo "pik", co significado de "saínte" ou "aguillón". 
A realidade é que a toponimia de orixe nórdico esténdese por toda a costa norte de Lugo e da Coruña. Dende Candás en Asturias ata Cambados en Pontevedra, alí onde hai unha pequena rada cunha pequena praia, chamada por eles "vik", hai un topónimo nórdico. A meirande parte dos pequenos núcleos situados na beira do mar aceptan unha interpretación etimolóxica de orixe nórdica. Así, por exemplo, Xove vén do danés "hov", co significado de "baías, mares entre terras". Celeiro vén do normando "selle", co significado de "to seat" "room" ou "silla de autoridade" "trono". Cedeira do normando "sedeir", da raíz "seer" co significado "to settle". Mugardos e Mogor en Mañón, poden vir do noruegués "mugg", co significado de "mofo", "alga", "esvaradío", polo que Mugardos significa "lugar lamacento con algas"Ferrol comparte a mesma raíz etimolóxica que "fiordo", da raíz nórdica "ferr", co significado de "atravesar en bote". Tamén os topónimos de Narón (cerca), co seu castro de Vicas ou o lugar da Modia, Neda (abaixo) ou Fene (fermoso), teñen unha verosímil orixe nórdica. Tamén A Modia na insua en Miño coa praia de Cabanas en fronte. Sada parece vir do danés "saet", co significado de "asentamento". Lorbé procede da raíz escandinava "lur", co significado de "trompeta" e maila raíz "bae", co significado de baía, polo que Lorbé significa baía con forma de trompeta. Mera vén do normando "meer", co significado de "mar". Sorrizo vén do noruegués "sjø", co significado de "mar", e "rísa", co significado de "encrespado". Seaia en Malpica vén do normando "seair" (to set). Brantuas en Ponteceso. Serantes, do normando "seer", co significado de "establecerse", Cabanas en Laxe, Soesto do noruegués "sjø" "stå", co significado de "xunto ó mar", Cabanelas en Traba. Arou do noruegués antigo "ár", co significado de "regatos" "veas". Camariñas do danés "kam" (peite), co significado de costa recortada coma un peite. Xaviña pode vir do danés "hav", co significado tamén de "mar". Cereixo, do normando "seer", co significado de "establecerse" ou "asentamento". Leis do noruegués "leie" "lægi" ou do danés "leje", co significado de "atracadero de barcos" "anchorage" "berth" "sea" pero tamén pode significar "rendar" ou "to lie" "to settle", co significado de asentamento ou campamento principal ou lugar de pago de rendas na área de Nemancos. Merexo do normando "mer", co significado de "mar". Moraime vén do céltico "mor", co significado de "mar" e do noruegués "eim" ou "aimaz", co significado de "vapor", "bafo", polo que Moraime significa "cheiro do mar". Lires do danés e do noruegués "lera", co significado de fango. Vigo en Fisterra. Estorde do noruegués "stord", co significado de "terra cuberta de matogueira"Cee pode vir do normando "sé" (to set). Brens do noruegués "brenne" ou do alemán "brenn", co significado de "lume" ou "queimar". Lira do noruegués "lera", co significado de "fango". Taxes en Louro do danés "tage", co significado de brétema. Serres en Muros, do verbo normando "seer" "serrez", do latín "sedere". Máis ao sur en Porto do Son temos o lugar de Cabanelas. 
Tamén fálase da existencia dun túnel mitolóxico e lendario que conectaba a fortaleza de Mens coa praia de Seiruga (do normando seir, co significado de "establecerse", "instalarse") para permitir escapar ós señores en caso de ataque ou agresión. O que si é verdade é que existe unha importante vía de comunicación natural que unía e permitía manter conectados os castros de Punta Galiana, Mens, Nemeño, Cerezo e Sinde, conformando o chamado "pequeno reino dos vikingos-normandos na Galiza", ben protexido dos fortes ventos do sur e do forte vento do nordés, o vento frío do noroeste non lles afectaba tanto e tolerábano mellor. A serpe e a cruz de Gondomil en San Adrián de Corme e a serpe e a cruz existente nun muro lateral da igrexa parroquial de Malpica semella que marcaban os lindeiros deste pequeno reino vikingo. Tamén o topónimo de Leiloio parece vir do noruegués "leilig" co significado de "lugar apropiado ou axeitado".
Por toponimia, practicamente dende Xove ata o Porto do Son, incluso Cambados como o asentamento importante máis meridional, non quedou case que ningunha pequena rada natural na costa de Galicia sen seren ocupada polos vikingos-normandos. En Cambados tamén parece que houbo un importante asentamento vikingo-normando. Topónimos reiterativos existentes no lugar como A Mouta, A Cabana, A Modia, Serantellos ou Serantes en Vilanova de Arousa, ratifican esta hipótese. Tamén en Rianxo, Boiro e Vilagarcía, de feito o nome da ría de Arosa vén do nórdico "ár-oss", que significa "desembocadura dun río". E Fefiñáns vén do normando "feffe", co significado de "aquel a quen se lle concede ou transfire un dereito sobre a terra, feudo". Unha auténtica peste ou infestación. Mentres os vikingos son os responsables dos pequenos núcleos de poboación na beira do mar, os normandos tiñan máis iniciativa territorial e son responsables de núcleos máis interiores chamados "Serantes" que mantiveron a importante raíz normanda "ser", do latín "sedere", ou ben o topónimo de "Cabanas".
A ocupación vikinga de Galicia foi un fenómeno intenso pero eminentemente costeiro e restrinxido ás múltiples e pequenas radas existentes na costa de Lugo e da Coruña. Foi un fenómeno "okupa" ou de "xitanada" marítima, moi intenso pero pouco organizado, e que foi o berce da meirande parte dos núcleos de poboación existentes nas inhóspitas e despoboadas radas do norte de Galicia, polo que apenas entraron en conflicto coa poboación local ou polo menos conviviron ou coexistiron polos recursos marítimos de xeito máis ou menos pacífico ou parello. Si houbo por parte dos normandos algún caso existoso por intentar controlar o territorio ou cando menos unha intentona de permear o interior de Lugo e da Coruña como sería o asentamento estratéxico de Ser en Santa Comba, algún outro non localizado na zona de Carral, Abegondo ou Curtis, e tamén pola zona de Vilalba e Abadín en Lugo. Neste senso é moi significativa a distribución dos topónimos de "Cabanas" e de "Serantes" no norte da provincia de Lugo e da Coruña. Tamén o topónimo de "Seara", como unha variante da raíz normanda "ser" ou "seere" "sear", do latín "sedere" e co significado de "asentamento" ou "herdanza".
 
 

 

 
Tanto o apelido García, do indoeuropeo "gher", co significado de "brillar" e que xerou palabras como "grey", "grå" en danés, "gris", "garza" ou "garzo", como o apelido Gomes, de "guma", "gumi""gome" ou "gumaz", co significado de "home", "heroe", "guerreiro" en noruegués, son sobrenomes de orixe xermana procedentes do nórdico antigo. Insua, Collazo, Leis e Posse (amo, señor, do latín "posere" "poder") tamén semellan ser apelidos de orixe vikinga.
Non é de estrañar, logo, que os ollos máis fermosos de Galicia estean nestas partes estremeiras dos concellos de Cabana, Ponteceso, Malpica ou Camariñas, como os ollos do concursante de televisión chamado Eduardo Insua, prototipo do vikingo galego e procedente da Insua de Ponteceso, ou os ollos do fotógrafo e actor de Camariñas Vito Diéguez ou os ollos do modelo vimiancés Damián Álvarez Tajes. Mentres os suevos tiñan rasgos físicos máis "soft" (suavones), os vikingos teñen rasgos físicos máis "sharp" (afiados).
 
 
Vito Diéguez, Eduardo Insua, Damián Tajes

 
O apelido Insua recolle toda a tradición vikinga

 
O apelido Tajes (tåge) significa néboa, vapor de auga ou moita humidade, en danés


Os lugares de Arou e Camelle sempre defenderon e presumiron con orgullo do seu pasado lendario como vikingos. De feito o topónimo Camelle vén da raíz danesa "kam" ou "kaem", co significado de peite, e coa finalidade última de destacar unha costa moi recortada, con pequenos e numerosos entrantes e saíntes, que se espallan de xeito continuado e en horizontal, semellante a un peite ou coma un peite.

 
Imaxes da mota castral de Sinde en Canduas,
 
 

 




 
 

 

 

 

 
 
 © Marcos Castro Vilas, arquitecto





miércoles, 20 de noviembre de 2024

Vilar de Gómez e Vilar de Andrade

 

O 19 de Maio de 1506, co gallo do seu pasamento, Cristovo Colón testou en Valladolid que a décima parte das rentas  anuais de morgado obtidas nas novas Indias descubertas pasasen aos seus parientes máis próximos. Con eses cartos o clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro adquiriu o fundo ou quinta de Vilar de Gómez en Fafia e mais o fundo ou quinta de Vilar de Andrade (Terroal) e mais o lugar e debesa de Campañon en Castro na devandita parroquia montaraz de San Fins de Freixeiro no concello de Santa Comba, arciprestado de Dubra. E tamén podemos afirmar que a construción das torres do Allo en Zas e a reconstrución das torres de Mens en Malpica custeáronse coa liquidez das rentas vitalicias que cada ano os descendentes de Cristovo Colón transferían aos seus achegados máis próximos en función das directrices recollidas no antedito testamento.
En Fafia, na freguesía de San Fins de Freixeiro existe un casal ou fundo de grandes dimensións coñecido nos arquivos históricos polo nome de Vilar de Gómez. Deste xeito no Arquivo Histórico da USC existe un documento onde Juan Neto de Malvares (alias Juan Pombo) dispón dos montes de Vilar de Gómez e no AHDS aparecen Ana María Louzán e María Louzán como residentes en Fafia pola volta de comezos do século XVIII. Juan Pombo era irmán de Martín Pombo e ámbolos dous fillos de María de Companon do lugar do Terroal, outro fundo ou casal de grandes dimensións coñecido nos arquivos como Vilar de Andrade ou Vilar de Andeade. Pola súa parte Juan Neto de Malvares (alias Juan Pombo) era cuñado ou sogro de María Nariño casada con Domingo Neto, o seu irmán ou o seu fillo.
Seguindo coa historia ou relato anterior, cos cartos da venda de Vilar de Gómez en Fafia ao clan dos Pombo, Alonso Gómez de Riobóo fillo de Gomes de Riobóo e de Berenguela Sánchez de Moscoso sufragou os gastos de construción da torre medieval do Allo en Zas, unha práctica que se sostería e se repetiría no tempo coa venda de terreos e propiedades aos Pombo en Razo e Sorrizo, soar primixenio dos Pardiñas e Villardefrancos no coto de Cambrelle. Esta rama dos Pombo de Razo e Sorrizo emigraría a comezos do século XVIII ao virreinato da Nova Granada e tanto Manuel de Pombo como o seu sobriño Miguel de Pombo e Pombo encabezarían a acta de independencia da Gran Colombia (Terra Firme colombina) xunto co seu familiar e veciño Antonio Nariño, primeiro presidente da Gran Colombia.
Cos cartos da venda de Vilar de Andrade (Terroal) pagáronse os gastos da reconstrución das torres de Mens en Malpica. Rodrigo Osorio de Moscoso e a súa muller Teresa de Andrade sufragaron os gastos da reconstrución das torres de Mens, destruída polos irmandiños. Rodrigo Osorio de Moscoso, conde de Altamira, era fillo de Urraca de Moscoso e Castro e primo de dona Berenguela Sánchez de Moscoso, muller de Gomes de Riobóo.
Deste xeito estableceuse de por vida unha estreita relación entre os Pombo do Terroal e Fafia e as familias nobiliarias dos Moscoso e Gómez de Riobóo, condes de Altamira e señores do Allo, respectivamente, e que se consumou no lugar de Malvares (Val do Dubra) co matrimonio entre Jacinto Gómez de Riobóo y Luaces e Dominga García y de Vila e tamén novamente entre os Moscoso e os Gómez de Riobóo co matrimonio de Nicolás Gómez de Riobóo e Dorotea Romero de Moscoso Prego de Montaos, tamén no lugar de Malvares. 

Tamén podemos engadir ou inferir a mesma dinámica vista en Fafia e no Terroal tamén no Casal de Perros en Rus desta vez en relación á rama da familia García Pardiñas Vilardefrancos e a construción do pazo de Vilardefrancos en Artes (Carballo).

Froito desta alianza estratéxica entre os Moscoso e os Gómes de Riobóo cos familiares e parentes próximos de Cristovo Colón deu comezo o ascenso, auxe e apoxeo das dúas casas nobiliarias galegas chegando, no caso dos Osorio de Moscoso, condes de Altamira, a converterse na nobreza máis intitulada de España.
 
Mentres na escola un gris e aburrido mestre de literatura galega explica os tamén grises e tristes séculos escuros, dáse a paradoxa que durante os séculos xvi, xvii e xviii, nunha pequena e montaraz aldea galega, unha rama perdida de Pipino o Vello e Hugo Capeto e de Pedro Fróilaz de Traba, conde de Trastámara, estaba a argallar novamente a construción dun imperio tan grande coma o carolinxio, un anaco de paraíso, á outra beira do Atlántico chamado agora república da Gran Colombia ou Terra de Gracia colombina.

Resumo: Vilar de Gómez correspóndese co casal de Fafia onde e segundo os documentos do Ahds residían pola volta do século xviii Ana Louzán e Ana María Louzán. Pero tamén sabemos gracias a documentos do Ahus que a comezos do século xvii Juan Neto de Malvares, irmán de Martín Pombo e fillo de María de Companon (Castro de Freixeiro) residente no casal do Terroal (Vilar de Andrade), dispoñía dos montes de Vilar de Gómez.
 
 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
 
 
 

martes, 19 de noviembre de 2024

As Torres do Allo, de torre medieval a pazo cos cartos do clan familiar de Cristovo Colón

 
 
 
 
Antecedentes históricos: Comezos do século XV, dúas fillas da poderosa casa do conde de Lemos casan coa arisca e hostil nobreza trastamarista herdeira do famoso Pedro Froilaz de Traba, pai de Fernando Pérez de Traba que foi marido de Teresa de León, nai de Afonso Henriques o primeiro rei de Portugal. Xoana de Castro faino con Rodrigo Sánchez de Moscoso, señor de Altamira, e a súa irmá Leonor de Castro faino con Pedro Bermúdez o Vello, señor de Montaos.
Ao mesmo tempo Gomes de Riobóo, da torre dos García Pardiñas de Razo e aio dos Moscoso, casa con Berenguela Sánchez de Moscoso ou Monscoso e funda o vínculo e morgado das Torres do Allo en Zas. O seu irmán García Pardiñas, aio de Fernando de Castro merino maior dos pazos de Lestrove, casa con María de Caión Bermúdez de Castro e funda o vínculo e morgado do pazo de Vilardefrancos en Sofán (Carballo).


Pero continuemos a historia onde a habiamos deixado. Temos unha demanda de fidalguía remitida ao concello de Dubra avalada polos RR.CC datada no 8 de novembro de 1491 no Real de la Vega de Granada a nome de Rodrigo Louzán. Por un documento existente en GMH sabemos que era Rodrigo Louzán de Vilas, por ser os seus ancestros procedentes do lugar de Vilas en Brión.

Tamén sabemos que o morgado de Cristovo Colón inclúe unha disposición testamentaria onde otorga o 10% dos beneficios das Indias aos seus parentes máis próximos. No mesmo senso os RR.CC proporcionan aos familiares de Colón unha casa e solar no lugar de Campañón ou Compañón en San Fins de Freixeiro (Santa Comba), despois coñecido como o Reguengo. Cos cartos da herdanza colombina os Louzán de Vilas, agora fidalgos, compraron para os seus descendentes a quinta de Fafia, Vilar de Gómez nos documentos (ACS) (Ahus), e a quinta do Terroal, Vilar de Andrade nos documentos (ACS) (Ahus), sitas nos dous ramais da Vía Céltica ao seu paso pola parroquia de San Fins de Freixeiro, concello de Santa Comba, arciprestado de Dubra. Coa venda da quinta de Fafia os Gomes de Riobóo reedificaron a torre medieval do Allo e a converteron no primerio pazo de Galicia e coa venda da quinta do Terroal os Romero de Moscoso reedificaron as Torres de Mens en Malpica. Deste xeito os Gomes de Riobóo e os Romero de Moscoso pasaron a formar parte da familia.

Á quinta do Terroal ou casal dos Pomboleiros, como é coñecido vulgarmente e que inclúe un pequeno castro nos seus lindes chamado o Castropombo, foise a vivir María de Compañón ou Campañón, nai de Xoán Neto de Compañón (ACS), alias Xoán Pombo, que casaría para o lugar de Malvares, e de Martín alias Pombo que marcharía para Razo-Sorrizo. Xoán Neto de Compañón casado con Mariña Guardado, era cuñado de María de Nariño, irmá de Xoán de Nariño (ACS) que veu de criado a traballar na casa dos Gomes de Riobóo de Malvares. Pola outra banda Martín Pombo sería a orixe do clan familiar dos Pombo de Razo e Sorrizo que a comezos do século XVIII emigrarían cara o virreinato da Nova Granada e onde Manuel de Pombo e o seu sobriño Miguel de Pombo Pombo encabezaron e firmaron a acta de independencia da República da Gran Colombia e cuxo primer presidente sería curiosamente tamén Antonio de Nariño. Deste xeito os dereitos sobre a Terra Firme que se lle negaron a os parentes ilustres de Colón (os Toledo) conseguíronos os parentes "aldeanos" de Cristovo Colón.

Simultaneamente continuaría prologándose no tempo a entente entre os Gomes de Riobóo-García Pardiñas Vilardefrancos e os Pombo coa súa política de venda de propiedades nos lugares de Razo, Buño e Sorrizo, de tal xeito que os Pombo se converterían en señores do pazo de Vernes en Razo así como señores do pazo de Gondreo na finca Galea en Sorrizo, xunto ao pazo das Covadas, propiedade de Pedro Gomes de Riobóo, como se pode comprobar nun documento de 1642 a nome de Xoán Pombo existente no ARG. Os Pombo compraban propiedades e cos cartos os Gomes de Riobóo e os García Vilardefrancos reedificaban suntuosos pazos como o de Vilardefrancos ou o de Pallas en Carballo ou o devandito das Covadas en Sorrizo que teñen nos seus escudos un pendón co cáliz símbolo de Galicia.

A quinta de Fafia tamén incluía un pequeniño núcleo rural nos seus lindes chamado O Pombal e nun documento existente no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS) pódese comprobar que nela residían pola volta do século XVIII Ana e María Louzán.  Tamén nun documento existente no Ahus e datado no ano 1617, Xoán Neto de Malvares (alias Xoán Pombo) cedía o uso dos montes de Fafia a Francisco de Figueroa. Ao mesmo tempo o casal orixinario do Reguengo-Compañón, entre Suevos e Ser, convertiríase co paso do tempo no emprazamento onde os García de Figueroa e os Vilas acabaron exercendo o seu oficio de escribáns de número da xurisdición de Xallas, moi preto da aldea de Vilarnovo onde os Louzán enlearan ao comezo desta xenealoxía, pola volta do século XV, cos Palmeiro e cos Pacheco, apelidos de suposta  orixe sefardita, pero desto xa hai menor constancia pola súa distancia no tempo.


Fontes: Ahus, ARG, AHDS, ACS, GMH
 
 
 

 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto. O tempo non é un instante é un ancho de banda.
 
 
 
 
 
 

lunes, 18 de noviembre de 2024

A verdadeira idade de Cristovo Colón

 

 

En base aos numerosos escritos que nos deixou o mesmo Cristovo Colón e tamén ás informacións que nos achegaron os seus coñecidos, con datas e datos precisos, resulta cando menos bastante sinxelo intentar especular ou establecer unha data precisa de nacemento para o xenial navegante e mesmo bosquexar unha pequena cronoloxía precisa da súa intensa e interesante, ao mesmo tempo que descoñecida, traxectoria vital. Vexamos de seguido algúns destes documentos imprescindíbeis para coñecer a enigmática vida de Cristovo Colón.
O máis importante é, sen nengunha dúbida, o documento do cronista Andrés Bernáldez que afirma que Colón finou arredor dos 70 anos de idade, o cal nos leva a fixar unha data de nacemento de Colón arredor do ano 1435:

"Andrés Bernáldez, Cura de la villa de Los Palacios (Sevilla), en sus Memorias del Reinado de los Reyes Católicos nos dejó la única nota necrológica sobre el fallecimiento del Almirante". 

"El cual dicho Almirante don Cristóbal Colón, de maravillosa e honrada memoria (…), estando en Valladolid el año de mil quinientos seis, en el mes de mayo, murió inventor de las Indias de edad de setenta años: Dios le ponga en Gloria".
 
Outro dato importante referente a súa vida aparece nas tres versións da carta de Xamaica e máis en dous memoriais de Colón, e di así:

"Como quyera que desde hedad de veynte e ocho años syrvió en la dicha empresa e conquista de dichas Yndias".
 
"E de todo lo susodicho le mandaron dar sus cartas e  prevylegios e provysiones  y confirmaçiones de que faze presentaçión y Como quyera que desde hedad de veynte e ocho años syrvió en la dicha empresa e conquista de dichas Yndias en que fizo a vuestra Alteza tan grande e señalado serviçio sin gasto de su patrimonio real".
 
Quérenos sinalar con isto que á idade de 28 anos, máis ou menos, comezou o seu labor investigador e a adicarse en corpo e alma ao proxecto descubridor, é dicir, Cristovo Colón trasladouse a Portugal arredor do ano 1460 cando tiña 25 anos de idade.
Outro texto salientábel e fundamental que nos indica o tempo que Colón residiu de forma estable en Portugal preparando o seu proxecto investigador e coñecendo en profundidade mediante a navegación o océano Atlántico é o seguinte:

"Yo he andado veintitrés años en la mar, sin salir della tiempo que se haya de contar, y vi todo el Levante y Poniente, que dice por ir al camino de Septentrión, que es Inglaterra, y he andado la Guinea". (Diario de Abordo Primer Viaje 21 de Diciembre 1492).

É dicir, dende 1460 ata 1483, ou ben dende 1462 ata 1485, Colón reside de maneira estable en Portugal, durante alomenos 23 anos, e navega con certa frecuencia á Guinea e a Thule. Pola contra da súa estancia en Castela intentando vender o seu proxecto descubridor aos Reis Católicos dan conta os seguintes documentos:

"Señores: Ya son diez y siete años que yo vine á servir estos Príncipes con la impresa de las Yndias: los ocho fuí traído en disputas, y en fin se dio mi aviso por cosa de burla". (Folla solta en papel a man do Almirante escrita por volta de 1500 cando o trouxeron preso), (9 anos dende 1483 e 8 anos dende 1492).

"Siete años, dice, pasó aquí en su Real Corte disputando el caso con tantas personas de tanta autoridad y sabios en todas artes, y en fin concluyeron que todo era vano, y se desistieron con esto dello: después paró en lo que Jesucristo Nuestro Redentor dijo"
. Fai alusión ó lapso de tempo comprendido entre 1485-1492.

"20 años que he servido con tantos trabajos y peligros que no tengo en Castilla ni una teja". A carta está datada no ano 1503, é dicir, Colón entrou en Castela no ano 1483.

Para finalmente facer un resumo de toda a súa actividade descubridora durante máis de 40 anos no seguinte texto, unha carta aos Reis de Castela escrita en Cádiz ou en Sevilla no ano de 1501:

"Muy altos Reyes: De muy pequeña edad entré en la mar navegando, e lo he continuado fasta hoy. La mesma arte inclina á quien le prosigue á desear de saber los secretos deste mundo. Ya pasan de cuarenta años que yo voy en este uso. Todo lo que fasta hoy se navega, todo lo he andado". 
 
Isto retrotráenos ó ano 1460, cando Cristovo Colón chegou a Portugal con 25 anos e comezou os seus estudos investigadores para preparar o proxecto colombino que o faría mundialmente famoso. Cristovo Colón descubriu América ós 56 anos de idade, en plena madurez e con tempo suficiente para elaborar un proxecto de tal envergadura que lle permitiu acadar un profundo bagaxe cultural, intelectual e marítimo que amosou nos seus numerosos escritos, non foi, nin moito menos, unha cousa improvisada de un día para outro, Cristovo Colón tivo tempo en Portugal de coñecer con fondura tódolos segredos do Atlántico.

Xa que logo podemos elaborar un resumo da traxectoria vital do noso protagonista. Cristovo Colón naceu no ano 1435 nun lugar agora xa ben determinado da Galiza e tras rematar os seus estudos "universitarios" en Santo Domingo de Bonaval foise a traballar a Portugal, onde residía a elite náutica de finais da Idade Media en Europa. A Portugal chega no ano 1460, cando tiña 25 anos. No ano 1462 únese o seu irmán Bartolomeo Colón (nado en 1437 e dous anos máis novo que o propio Cristovo Colón), por aquel entón Colón tiña 28 anos e o seu irmán 25 anos. Xuntos deciden arrendar en 1462 un pequeno almargem, un alpendre cun prado nunha veiga e cuns poucos animais, no chamado Vale dos Poços en Torres Vedras e preto da quinta onde residía a súa muller Felipa Moniz, a nome dun tal Joham Louzam (cunha grafía claramente castelá). Dende 1462 ata 1483 ou 1485 Cristovo Colón e o seu irmán residen de forma estable en Portugal, intentando embarcarse en calquera proxecto de navegación previsto no Atlántico a custa de mesturarse coa florinata exploradora portuguesa que posuían as súas fermosas quintas de lecer e esparcimento no soveral termo de Torres Vedras. Durante estes 20 anos ou 23 anos Cristovo Colón adquire tódolos coñecementos náuticos sobre a navegación no océano Atlántico, navegando con asiduidade á Guinea e ao Septentrión. Porén ó ser incapaz de convencer ó rei de Portugal por razóns obvias, decide entrar en Castela no ano 1483-1485 coa intención de probar sorte e vender a súa empresa descubridora aos Reis Católicos máis ocupados na conquista de Granada. Son nove anos de continua disputa e desgaste ata o ano de 1492 en que descubre América á idade de 56-57 anos, despois de atesourar unha fonda experiencia náutica e cartográfica sobre o Atlántico. Así e todo, en 1490 cando mellora sustancialmente a súa posición económica e social en Castela adquire para si e como é debido un casal de pan e viño no Termo de Torres Vedras no mesmo lugar inicial onde alquilaran aquel pequeno almargem portugués pola volta de 1462, do mesmo xeito que o resto de familias ilustres de navegantes e exploradores portugueses do termo de Torres Vedras como eran os Correia, Moniz, Melo, Vaz Teixeira, Perestrello, Alarcao ou Zarco. Cristovo Colón faleceu en Valladolid en 1506 á idade de 70-71 anos tal e como nolo trasladou o cura dos Palacios, Andrés Bernáldez.




© Marcos Castro Vilas, arquitecto



lunes, 27 de mayo de 2024

The mummers, as mascaradas de inverno nas illas británicas

 

 
Na localidade de Padstow en Cornualles consérvase unha tradición chamada Darkie Day ou Mummer's Day. É unha celebración tradicional que acontece ou ten lugar no Boxing Day (26 de decembro) ou ben no día de Aninovo. Consiste en disfrazarse ou vestirse con farrapos e coas caras pintadas de negro ou usando máscaras e participando nunha especie de danza de disfraces con música. Era unha forma de festexar o solsticio de inverno.
 




Tamén en Irlanda festéxanse os chamados "mummers", sobre todo na metade norte do país, no Ulster e no condado de Leitrim, e tamén nalgunhas partes do leste do país como o condado de Fingal. Os mummers irlandeses vestíanse con traxes e máscaras feitos de palla e cos rostros ocultos, traxes farrapentos e un pao na man, os mummers ían de casa en casa con cantos, rimas, bailes e música, pedindo comida e bebida pero sobre todo aterrando á xente nas súas casas. Sen previo aviso os mummers entraban nunha casa e pedían actuar. Algúns veciños dábanlle unha calorosa benvida mais outros botábanos fóra de mala maneira por aterrar aos seus fillos e eles ameazaban con roubar os animais do dono da casa e arrastralo cara o inframundo dos mortos, pois eles eran os espíritos do inverno. Tamén facían unha pequena representación teatral que simbolizaba a loita do ben contra o mal mediante diferentes personaxes de heroes irlandeses como San Patricio, King George ou figuras diabólicas como Belzebú, Oliver Cromwell ou o Cabaleiro Turco. A representación consistía nunha pelexa a morte e que remataría en sangue entre dous destes personaxes, un representaba o ben e outro representaba o mal. Entón chega o personaxe do médico ou curandeiro que resucita e revive  o personaxe morto, simbolizando o renacer da natureza cada ano despois do inverno.
 

 

 
As representacións de mummers en Inglaterra consisten en grupos de homes disfrazados que fan unha pequena representación teatral. Disfrazados visitaban casa por casa pedindo cartos ó cambio. A temática da representación normalmente consistía nunha loita, sendo o perdedor revivido polo personaxe do médico. Nalgúns festexos tamén ían acompañados dunha danza de espadas. Por norma xeral os chamados "Mummer's Play" tiñan lugar durante o ciclo de Nadal, tamén en Pascua ou no Plogh Monday e máis raramente en Halloween ou na festividade das almas difuntas. Compasados con rimas, os personaxes principais eran un heroe (San Jorge, Robin Hood ou Galoshin en Escocia) e o seu principal oponente, o Cabaleiro Turco ou Belzebú. En Escocia os festexos dos mummers coincidía co Hogmanay e os personaxes principais eran chamados Galoshins. En Gales, nestas datas, sacaban un cabalo branco chamado Mari Lwyd.



A festividade dos mummers nas illas británicas ten paralelismos cos mamuthones na illa de Sardeña durante a festa de carnaval da Mamoiada. Representan figuras infernais do inframundo que desfilan polas rúas simbolizando os espíritos do mal que dan paso ao bo tempo da primavera e propician boas colleitas. Vestían máscaras de madeira negra con pelicas de ovella negra e chocas de diferentes tamaños no lombo.


Tamén en Rusia había mascaradas de inverno chamadas Maslenitsa. En Letonia estes festexos chámanse Metenis ou Metei. O Metei é unha antiga festa de benvida da primavera e a morte do inverno. Metenis ou Metei celebrábase no mes de febreiro ou principios de marzo. Durante o Metei letón a xente bebe e come todo o que lle da a gana. Canto máis tempo se celebraba o Metei mellor eran as colleitas no tempo de verán. Para despedir o inverno queimábase unha serpe alegórica ou un dragón, tamén monecos de palla ou troncos cuxas cinzas eran espalladas polas leiras para que o novo ano fora frutífero.









lunes, 29 de enero de 2024

O entruido do burro

 

Nas partes máis suevas de Galicia, no interior da provincia da Coruña, tamén existía un pequeno entroido, moito máis sobrio e nin tan vistoso e nin tan coñecido como o entroido das provincias interiores de Galicia de raíces ancestrais máis fondas, acaso de orixe paleolítica.
Mais nas parroquias de Castrís, Grixoa de Esternande, Padreiro e Bazar, no concello de Santa Comba, e tamén nalgunhas partes do Coristanco, áreas nas que pervive na actualidade unha fonda influencia sueva, celebrábase nestas datas un entroido moi curioso onde o protagonista era un burro, o chamado Entroido do Burro. Tamén na próxima aldea de Malvares durante o entroido "botábase o burro" e os rapaces gastaban bromas os uns ós outros e tinxábanse a cara e as mulleres vestíanse de homes e facían carreiras de sacos.
No caso particular da parroquia de Castrís estase a intentar recuperar este peculiar entroido da man de Jorge Castelo Mourelle. O entroido do burro nesta parroquia xalleira consistía en sacar a pasear polas casas un burro, dúas persoas disfrazadas de burro, acompañado por unha vella e un cura. Entón o burro morre e a vella laiase con forza para a continuación o burro ser resucitado polo crego mediante a recitación dunha divertida e satírica letanía en latín e en galego macarrónico. Acto seguido os homes disfrazados de mulleres e as mulleres disfrazadas de homes bailaban xuntos unha jota.
Tamén en Vedra sacábase o burro durante o entroido e colocábanse burros de palla ás portas das casas con coplas satíricas e tamén en Santiago de Compostela, durante o entroido, ao burro enviábanselle xocosas cartas de amor.
O martes de entroido en Abelleira de Arriba, en Muros, sacaban un burro e levábano a Bornalle onde o queimaban para escarnio e burla dos veciños dese lugar. Na comarca de Bergantiños, en Oza, existía o costume de mandar polo entroido "burros" con mensaxes satíricas a modo de mofa ó resto dos veciños. 
 

Entroido de Abelleira, Muros

 
Curiosamente ou dase a casualidade que na cidade xermana de Villingen-Schwenningen, pertencente a rexión histórica da Swabian alemana, a rexión dos suabos alemáns do sur de Alemaña a onde emigraron os suevos terrestres e ficaron alí por non cruzar as montañas, durante estas datas tamén celebran o seu particular entroido do burro. Unha das figuras principais do seu entroido é un burro chamado Butzesel onde unha persoa vai vestida con roupas vellas e farrapos de cores e leva posta unha máscara de burro e unha póla de abeto entre as pernas, pola contra os coidadores do burro e os que chuzan nel son os Tribernn ou Stachi coas súas longas varas de madeira, eles son os encargados de guiar o burro polas casas pedindo bebida e mais comida e o burro sinte especial predilección polas salchichas e os chourizos dos carniceiros.
 
 

Tamén na provincia de León era moi común sacar a pasear un burro durante o entroido, é o caso das burras do antruejo de Tremor de Arriba. O burro tamén é un personaxe importante no entrudo zamorano de Lubián e no Toro de Morales de Valverde na mesma provincia. Pero é nunha zona illada e baixo a influencia do reino suevo onde mellor se conservou a tradición viva do burro do entroido. Así na comarca das Hurdes temos o burru antrueju onde un home disfrazado de burro pasea co seu dono polas rúas da aldea. Ó chegar á praza da vila o dono pégalle un garrotazo na cacerola chea de viño que cobre a cabeza do burro e o burro morre. Acto seguido os veciños choran de xeito desconsolado ata que chega un "veterinario" que resucita o burro. Moi semellante ao burro de Castrís.
 
 
 
 
Toro de Morales de Valverde

 
Burras de Tremor de Arriba

 


En Portugal, en liña co entroido do burro de Vedra e Santiago de Compostela, no Vale do Souto, dentro das actividades do entrudo portugués é moi típica a tradición da chamada divisão do burro onde os rapaces escriben coplas ás raparigas que despois son recitadas en alto trala morte do burro.
O burro préstase á farsa e o escarnio razón pola que se lle atribúe o momento apoteótico do carnaval coa lectura do famoso testamento do burro que representa o xuízo e a morte do entroido e onde se fai unha crítica social que se pronuncia o martes de entroido na comarca de Laza.
Xa para rematar, na zona de influencia do reino suevo nas Américas, en Colombia, en Barranquilla, tamén teñen o seu peculiar entroido do burro. É o chamado burro Corcoveón, figura principal dos carnavais de Barranquilla e onde unha ou varias persoas disfrazadas de burro parodian as andanzas dun animal indómito que intenta amansar o seu dono que, pola contra, é constantemente revolcado, pateado e mordido polo animal.



 
Burro Corcoveón