jueves, 22 de octubre de 2020

Miguel de Pombo e Pombo

 

                                                 Miguel de Pombo e Pombo

  

Descendente da liñaxe dos Pombo (con orixe en Dubra no lugar do Castropombo) asentados na parroquia de San Martín de Razo e señores das casas de Vilar de Cidre, en Carballo, e Gondreo, en San Pedro de Sorrizo en Arteixo, Miguel de Pombo e Pombo era neto de Don Esteban Pombo, un home que foi bautizado en San Pedro de Sorrizo no ano 1721 e que emigrou a América en compaña do seu sobriño ou primo Juan Antonio, radicándose en Popayán no Novo Reino de Granada, onde desempeñou varios cargos importantes, entre eles o de Tenente Gobernador e Xustiza maior, designado polo virrei D. Pedro Mesía de la Cerda. En Popayán, Don Esteban Pombo casou con Doña Tomasa de Ante e Valencia, matrimonio de onde nacería Doña Agustina Pombo e Ante que casaría co seu primo segundo, o devandito Juan Antonio Pombo, nado en Galicia en 1742. Deste último matrimonio naceron cinco irmáns; María Antonia, o noso Miguel de Pombo e Pombo, María Tomasa, Joaquina e Francisco Antonio Pombo. O seu irmán Francisco Antonio Pombo, nado en Popayán no ano 1787, é tamén recoñecido por ser un valoroso prócer da independencia de Colombia. Fixo a chamada campaña do sur co seu íntimo amigo e tamén paisano Antonio Nariño (oriúndo de Dubra) e foi un dos cinco oficiais que non abandonaron a Nariño tralo repregamento do exército patriota na localidade de Pasto, ante o acoso das tropas realistas.  
Miguel de Pombo e Pombo, Popayán 16 de novembro de 1779, é considerado un dos próceres máis importantes da independencia de Colombia. Se Antonio Nariño é famoso por ser o primeiro tradutor ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán emanada da Revolución francesa de 1789 e tamén por ser recoñecido como o primeiro presidente da Gran Colombia, Miguel de Pombo e Pombo pasou a historia pola súa tradución ó castelán da Constitución dos Estados Unidos, dos artigos da Confederación e da Declaración de Independencia norteamericana, todos eles publicados en forma de libro en 1811. Neste libro insertou un "Discurso preliminar" de 120 páxinas no cal defendía o principio federativo na organización do país. O "Discurso Preliminar" é considerado un dos textos chave no desenrolo da incipiente república do virreinato da Nova Granada.
Miguel de Pombo e Pombo naceu no seo dunha familia prominente de Popayán. Estudou xurisprudencia no Colexio Rosario de Bogotá e pasou unha tempada en Europa. Foi un destacado abogado e desempeñou como tal na Real Audiencia. Aínda que non hai moitos textos de Pombo, son coñecidos algúns escritos inéditos como un discurso político no que defendía a eliminación do tributo indíxena e do estanco de tabaco e outro no que tamén se opuxo á concentración da propiedade da terra. Tamén foi representante do Colexio de Santafé e Secretario da Xunta Principal de Vacuna entre 1805 e 1808. Polo seu amor á ciencia foi nomeado investigador da Expedición Botánica na que foi discípulo de José Celestino Mutis.
Dende o primeiro momento Miguel de Pombo e Pombo abrazou o movemento pola independencia de Colombia a partir do ano 1810 cando foi membro da Xunta de Santa Fé, e a acta de Independencia leva a súa firma. Neste senso, foi Tenente Gobernador de Bogotá no ano 1811, ano no que tamén desempeñou o cargo de Fiscal do Tribunal de Goberno e de Facenda e entre 1812 e 1813 foi deputado polo Congreso. Porén "logo da entrada de Pablo Morillo en Bogotá durante a Reconquista Española, El Pacificador apresouno e fusilouno o 6 de xullo de 1816". Miguel de Pombo e Pombo tiña 36 anos. 
Na relación que elaboraron as autoridades españolas acerca dos crioulos fusilados durante o proceso de independencia describiron a Pombo como "autor de moitos escritos revolucionarios que contiñan máximas heréticas e sediciosas, de Constitucións para o Estado, e un dos máis tenaces e sustentadores da Independencia e inimigo do Rei". A este sobresaínte prócer tamén se lle atribúe a frase "os tiranos perecen, os pobos son eternos".
 
A difusión do apelido Pombo coincide co trazado da vía XX per loca marítima ou vía céltica, os señores de Pombo tiñan casa señorial no Terroal en Santa Comba, no pazo de Vilar de Cidre en Razo e no pazo de Gondreo en Arteixo. A familia Pombo é considerada a familia máis "aristocrática" de Colombia, Manuel de Pombo y Ante asinou a declaración de independencia da Gran Colombia, o seu sobriño Francisco Antonio de Pombo y Pombo, irmán de Miguel de Pombo, foi o único que non abandonou a Antonio Nariño na batalla do Cauca, Lino de Pombo O'Donnell foi o primeiro enxeñeiro e diplomático da Gran Colombia, José Ignacio de Pombo y Ante foi un recoñecido filántropo e benfeitor da cidade de Cartaxena de Indias promovendo a construción do canal para unir a cidade co río Magdalena.


Cartografía do apelido Pombo na provincia da Coruña

    

                     

BIBLIOGRAFÍA:
 
- POSADA CARBÓ, EDUARDO: "Miguel de Pombo, mártir de 1816". Artigo publicado no periódico ELTIEMPO de Colombia (12/05/2016). 
- "Pombo. Origen y linaje del apellido" en www.xenealoxía.org
- "Miguel de Pombo" en www.wikipedia.org/wiki/Miguel_de_Pombo
 
 
 



Deceso de Jesús Nariño Gómez

 

 

O día 8 de Outubro de 2020 faleceu, a idade de 83 anos, Jesús Nariño Gómez, na súa casa de Portocarreiro (Santa Comba). Será enterrado no cemiterio da Igrexa parroquial de San Fins de Freixeiro no concello devandito de Santa Comba. Era primo segundo da nosa familia, de Concepción Vilas. D.E.P.