martes, 12 de mayo de 2020

A rubia galega ten a súa orixe no gando N'dama do Senegal


                            Gando N'Dama do Senegal. Fonte Wikimedia Commons


A partir dun recente estudo xenético levado a cabo polo equipo portugués de Fonseca, Ginja et alii sobre razas de gando vacún de Portugal pódese concluir que a característica cor rubia das vacas galegas ten unha orixe africana, concretamente no gando N'dama do Senegal. A grandes rasgos a raza rubia galega é unha mestura de liñaxes europeas e africanas. Así, dende un punto de vista fenotípico, do haplogrupo T3, característico de centroeuropa, herdou unha meirande complexión ósea e muscular, rasgos ortoides e longos e unha cara longa, estilizada e rectilínea. Pola contra, a súa característica pelaxe de cor rubia vincúlase xenéticamente co haplogrupo T1, de orixe africana, e máis concretamente co gando tradicional N'dama procedente do Senegal e das montañas de Guinea, como último refuxio dos bóvidos que no seu tempo habitaron as amplas sabanas do actual deserto do Sahara. Neste senso, a raza rubia galega aseméllase a outras razas celtas coma a charolesa, a lemosina ou a simmental: "A complexa orixe das primitivas razas de vacún ibérico refléxase na súa alta diversidade de haplogrupos de cromosoma Y, incluindo os maioritarios haplogrupos Y1 e Y2, así como distintas liñaxes maternas, esto é, liñaxes matrilineais europeas T3 e unha forte influencia de liñaxes de orixe africana T1". "O gando bovino ibérico amosa claras sinais de mestura de gando africano e unha alta diversidade de ADN mitocondrial e haplogrupos do cromosoma Y". As primitivas razas de gando vacún da península ibérica exhiben unha destacable diversidade fenotípica nun espazo xeográfico moi limitado: "Estas análises confirman que estas razas son xenéticamente moi distintas e amosan altos niveis de variación xenética en contra do esperable debido a súa limitada distribución xeográfica".


                           Gando N'dama do Senegal. Fonte Wikimedia Commons

O equipo de Fonseca et alii secuenciou 48 xenomas pertencentes a 8 razas de vacas da península ibérica, especialmente de Portugal (Brava de Lide, Barrosa, Maronesa, Arouquesa, Mertolenga, Preta, Alentejana e Mirandesa). As oito razas analizadas amosaron un significativo fluxo xenético e unha mestura procedente do gando vacún africano. Os estudos expresaron altos niveis de diversidade xenética que se alonxan do principal foco de domesticación de gando bovino que se sitúa comunmente no Próximo Oriente: "Nosoutros comparamos a diversidade xenética en relación a 60 tipos diferentes de xenomas de gando vacún procedente de Europa, África e Asia, así como tamén con secuencias dos primitivos uros europeos. Nós confirmamos a existencia de fluxo xenético entre os bóvidos de África e as castes ibéricas". "Nós podemos confirmar que hai un significativo exceso de alelos derivados compartidos en cantidades variadas entre as razas ibéricas e a raza bovina N'Dama cando comparamos co conxunto de razas bovinas europeas". "Isto foi observado tanto na raza Brava de Lide do sur, que ten a maior influencia africana da raza N'dama, pero tamén en razas do norte de Portugal tales coma a Barrosa". "Estes resultados son apoiados a maiores pola presenza dun 17% de haplogrupo matrilineal T1 no gando vacún ibérico analizado aquí". "Os touros de raza Jersey comparten unha liñaxe patrilineal distinta que os vincula co gando africano. Análises de cromosoma Y amosan que a raza Jersey está caracterizada por un específico haplogrupo que é intermedio entre Y1 e Y2, o cal ben podería representar unha liñaxe Y africana".


                                      Poboado Bedik do país Bassari. Senegal

Para explicar a causa destes datos o equipo de Fonseca expón a seguinte argumentación: "A península ibérica e o Magreb comparten afinidades naturais de tipo zoo-xeográficas e tiveron lugar complexas relacións bioxeográficas e históricas, tanto humanas como de fauna durante gran parte do temprano Holoceno (incluíndo, como non, as primeiras colonizacións marítimas do mediterráneo occidental por comunidades agropastorais do Primeiro Neolítico, o cal pode explicar estes patróns de mestura xenómica". "Tamén o gando ibérico conserva moito da orixinal diversidade paterna e materna, o cal parece derivar da dispersión dunha poboación heteroxénea dende o Neolítico ó longo das rutas do mediterráneo cunha forte influencia procedente do gando do Norte de África".


Por Marcos Castro Vilas, arquitecto.


BIBLIOGRAFÍA:

-FONSECA, Rute R. da et alii: "Consequences of breed formation on patterns of genomic diversity and differentiation: the case of highly diverse peripheral Iberian cattle". BMC Genomics. Maio 2019.


O hospital de peregrinos de Freixeiro (Santa Comba)



          Casa de labranza onde se situaba o antigo hospital de peregrinos de Freixeiro


O xornal dixital das terras do Xallas e costa da Morte, Adiante Galicia, vén de reportar a existencia dun antigo hospital de peregrinos no lugar de Carboeiro, parroquia de Freixeiro, concello de Santa Comba: "A parroquia de Freixeiro en Santa Comba contaba no século XVI cun hospital de peregrinos nun camiño xacobeo". "Fai anos aínda se podía ver a carón da casa de labranza unha casona vella e derruída capaz para dez persoas coñecida na localidade como o hospitalillo".
O devandito hospital foi fundado en torno ó ano 1591 polo clérigo local Gregorio Gardado. A mediados do século XX o estudoso e investigador José Couselo daba a noticia nun artigo do xornal El Eco de Santiago da existencia deste hospicio e falaba tamén da existencia dun camiño de peregrinación xalleiro: "José Couselo Bouzas en El Eco de Santiago fala da existencia dunha nova vía por onde os peregrinos afluían a nosa cidade. Trátase dun hospital de peregrinos que existía en terras de Xallas, o cal se conservaba todavía fai moi pouco tempo co nome do hospitalillo". "Atópase no lugar de Carboeiro, parroquia de San Fiz de Freixeiro, anexo de Vilamaior. Couselo lembra no seu artigo que se derrubou fai uns anos parte desta obra histórico-arqueolóxica para construír cos seus elementos unha casa para morada e habitación dunha familia labradora. Na obra destruída apareceu unha lápida pertencente a un esquinal, con dúas caras correspondentes a cada un dos lenzos da parede, unidos formando ángulo. É, xa que logo, a lápida a maneira dun díptico aberto ata formar ángulo recto".
Esta "lápida" é o único vestixio que se conserva do antigo albergue de peregrinos de Carboeiro no esquinal da actual casa de labradores: "Nun dos lados deste díptico vese unha figura dun home cun aparello de traballo, adornada por tres lados, superior e laterais, cunha orla coa seguinte inscrición en latín: "in sudore..." e na parte inferior outra inscrición que di: "Gardado canonicus compostelanus erexit 159...". No outro lado do díptico obsérvase unha imaxe da Virxe, en torno a cal se lee tamén en latín: "Delparae Virgini dicat egentibus et peregrinis refugium", con orla exterior polos catro lados. A tradución final viña sendo: Gardado, cóengo compostelán, construíu no ano 159...esta casa refuxio adicada ós necesitados e peregrinos baixo a protección da Virxe María. Couselo salienta que nela expresa o benefactor todo o fin e obxecto da obra. Na inscrición do lado esquerdo lese: "coa súor (da túa fronte gañarás o pan) con carácter alegórico".



                   Pedra do esquinal que todavía se conserva no lugar (está invertida)

O fundador do hospital de peregrinos de Freixeiro, don Gregorio Guardado, aparece nas actas capitulares compostelanas na data precisa do 19 de decembro de 1591 e así ata o ano 1597, posible data da súa morte ou pasamento. "Gardado busca a localización dun hostal porque hai unha necesidade, ábrese nunha ruta de paso de peregrinos, nunha ruta que dende o norte chega a Compostela, e nas proximidades do santuario mariano xalleiro da Virxe de Vilamaior, a onde todavía hoxe acoden centos de romeiros". José Couselo no seu artigo opina que o cóengo "buscou para lugar de posición da súa benéfica obra, a vía romana que partindo de Santiago, pola parroquia da Peregrina, Ponte Alvar, Rial e Carboeiro (Freixeiro) enlazaba coa de Betanzos que viña ó mar de Arousa, atravesando a comarca de Santa Comba". Pese á lea viaria que se montou José Couselo na súa cabeza, hoxe sabemos que esta vía romana, posteriormente camiño real, comunicaba a cidade de Santiago de Compostela cos portos mariñeiros de Ponteceso e Malpica. Esta importante vía de comunicación daba servicio ao porto de Malpica a través de Buño e a Pontedona e tamén ao porto de Ponteceso polo camiño que pasaba a carón da torre da Penela, San Martiño de Riobó e a fortaleza de Ferreira-Agualada en Coristanco, para unirse ámbolos dous camiños no lugar de Castrís, onde se situaba outro hospital: "A torre de Xallas de Castrís era xurisdición do arcebispado compostelano. Ó seu carón había outro hospital, cuxo topónimo perdura no camiño ao castelo de Ferreira e ao mosteiro de Seavia". Continúa o camiño por Freixeiro de Santa Comba ata chegar a ponte de Portomouro. Dende alí, por Ames, Augapasada, Ponte Sarela, Cruceiro do Gaio e rúa de Hortas, se chega a praza do Obradoiro.



FONTE: RAFAEL LEMA: "El Hospital de peregrinos de Freixeiro y el Camino Inglés a la Terra de Xallas". Xornal dixital Adiante Galicia. 20 de Marzo de 2020.


lunes, 11 de mayo de 2020

GOBERO, o xacemento en Níxer que pode axudar a comprender o fenómeno do megalitismo atlántico europeo


Introducción. O xacemento arqueolóxico de Gobero atópase a 150 kilómetros ó sur do macizo montañoso do Air, en Níxer, sitúase a carón dun paleolago de auga doce chamado Gobero, de 3 kilómetros de diámetro e 3 metros de profundidade que ocupaba unha depresión de tipo endorreico no deserto do Teneré. Datado en torno ó 8000 B.C, constitúe o cemiterio máis antigo coñecido ata o momento no deserto do Sahara. O sitio foi descuberto no ano 2000 por un equipo dirixido polo paleontólogo e xeólogo da Universidade de Chicago chamado Paul Sereno. O primeiro informe completo sobre Gobero publicouse por Sereno en agosto do ano 2008.

Primeira ocupación. No xacemento de Gobero pódese observar unha primeira ocupación humana de pescadores e recolectores coñecidos co nome de Kiffians. Era unha poboación sedentaria a carón do lago que baseaba a súa economía na pesca e na caza de bóvidos e vertebrados do Sahara. Eran altos e corpulentos, acadando os dous metros de altura, e os seus cranios eran longos e baixos, semellantes a outras poboacións do Magreb e do sur do Sahara. Eran, xa que logo, cazadores-recolectores, moi musculosos e de esqueleto robusto, que coñecían a cerámica. Os enterramentos dos corpos facíanse envoltos en coiros de animais atados con ligamentos ou cestería.


Fase árida. Entre o ano 6200 B.C e o ano 5200 B.C interrómpese a ocupación de Gobero por un cambio brusco nas condicións climáticas, moito máis secas e áridas debido a cambios na circulación atmosférica do Atlántico Norte, que fan do sitio arqueolóxico de Gobero un lugar inhabitábel. Este intervalo árido secou completamente o lago e fixo que a área en cuestión fose abandonada.

Segunda ocupación. Entre o ano 5200 B.C e o ano 2200 B.C, caracterízase por unha segunda ocupación do lugar de Gobero. Prodúcese unha leve melloría das condicións húmidas que fan que a vexetación residual en torno ó lago e no propio lago sexa aproveitada por un novo grupo humano chamado Tenerians. Os Tenerians diferenciábanse morfolóxicamente dos seus predecesores. Tiñan un esqueleto moito máis grácil e a súa estatura era moito menor. Os seus cranios eran longos, altos e estreitos, as caras máis altas, e non gardan relación con outras poboacións anteriores da contorna. Era unha cultura de pastoreo de gando bovino doméstico de carácter seminómade que tamén coñecían a cerámica. O pastoreo de gando doméstico e a recolección de gran xogou un papel importante na súa economía tradicional. Tiñan prácticas funerarias distintas e os enterramentos e as tumbas inclúen enxovais.

Fase final. A partir do 2500 B.C o proceso de desecamento e aridificación do Sahara acentúase todavía máis no tempo, poñendo fin a calquera tipo de ocupación humana e que supón o abandono definitivo do lugar de Gobero.
 

                    Túmulo de Azefal no Sahara Occidental. Fonte: Euskonews.net


TASSILI DU FADNOUN
Unha dinámica semellante a segunda ocupación de Gobero tivo lugar noutras partes do Sahara. A vexetación residual dos lagos endorreicos, dos vales e das canles dos ríos e barrancos foi aproveitada e ocupada por unha nova poboación humana que empregaba o túmulo funerario monumental como unha maneira de aprehender e de apropiarse desas áreas máis fértiles, cada vez máis escasas no amplo deserto do Sahara. É o caso da área de Fadnoun, en Tassili Azger, no macizo de Ahaggar en Alxeria. Neste senso, son característicos os chamados por Berkani túmulos de corredor e recinto. Os túmulos de corredor e recinto están constituidos por un túmulo principal do cal xorden dúas antenas en forma de V, abertas e prolongadas cara o leste a través dun corredor. Todo o conxunto funerario delimítase cun recinto perimetral circular e exterior realizado en pedra. Ausencia de enxoval funerario asociado ó defunto. Segundo a datación de radiocarbono, os monumentos foron construidos entre o final do IV milenio B.C.E e o inicio do III milenio B.C.E. Os túmulos chamados de corredor e recinto están espallados pola case totalidade dos macizos montañosos do Sahara central, onde a vexetación e a fecundidade da terra prolongouse máis no tempo ata a desecación definitiva do deserto.

                             Túmulo de corredor e recinto. Fonte: Berkani 2009.
WADI TIFARITI
Un proceso semellante ós anteriores tivo lugar tamén no Sahara Occidental segundo ós estudos e escavacións levadas a cabo polo equipo de Brooks et alii nos anos 2003 e 2004 no lugar de Wadi Tifariti, situado no norte xunto á raia con Mauritania. A área de estudo ocupa unha rexión de barrancos con ríos efémeros e pequenos lagos e aínda que na actualidade a chuvia é escasa, durante o período de estudo a zona debeu preservar a humidade e a vexetación da fase húmida correspondente ó primer Holoceno. Da mesma maneira que en Gobero, os estudos reportan unha significativa ocupación do lugar durante o Holoceno Temprano (VIII e IX milenio B.P), ben representada con restos de instrumental lítico formado por microlitos e tamén por cerámica. O medio e último Holoceno, en torno o IV milenio B.C, culminou coa aridificación da meirande parte do Sahara, un proceso que rematou en torno ó ano 2500 B.C aproximadamente, dependendo da localización, da xeoloxía e da topografía. Durante este período de transición se documenta a construción de numerosos monumentos funerarios dunha nova sociedade pastoril seminómade como unha forma de aprehender os últimos restos de humidade do Sahara. Durante este período de transición do medio e último Holoceno son abundantes e numerosos os monumentos de pedra conformando unha paisaxe funeraria como unha forma de reter as derradeiras áreas fértiles do Sahara. Na rexión de Wadi Tifariti o equipo de Brooks et alii identificou 411 monumentos funerarios diferentes. Os monumentos de pedra inclúen diversas formas e tipoloxías, semellantes a monumentos existentes tamén en Níxer, Mauritania, Alxeria ou Libia, e que por norma xeral ocupan as zonas elevadas e rochosas da paisaxe. Algúns destes monumentos se restrinxen cronolóxicamente ó 4700-5400 B.P. O desenrolo desta arquitectura funeraria foi asociada coa expansión do pastoreo de gando vacún doméstico e seminómade. Esta arquitectura funeraria foi interpretada como unha evidencia do incremento da complexidade social durante o medio Holoceno e vincúlase a cambios sociais asociados co deterioro ambiental, como unha maneira de apropiarse das terras húmidas para a comunidade pastoril ante a progresiva e irremediábel desecación do Sahara.


                    Túmulo no Sahara Occidental. Fonte: Joanne Clarke e Nick Brooks


Marcos Castro Vilas, arquitecto


BIBLIOGRAFÍA:
-BERKANI, Hayette et alii: "Les tumulus á couloir et enclos de la Tassili du Fadnoun, Tassili Azger (Algérie): Premiéres datations par la méthode du radiocarbone". Journal of African Archaeology. Junio 2015.
-BROOKS, Nick et alii: "The archaeology of Western Sahara: results of environmental and archaeological reconnaissance". Antiquity. Diciembre 2009.
-SERENO, Paul et alii: "Lakeside Cemeteries in the Sahara: 5000 Years of Holocene Population and Environmental Change". Plos ONE. Agosto 2008.