domingo, 29 de agosto de 2021

¿Estaba o monte Medulio nos montes de Santa Comba?


                                             Lugar do mítico Monte Medulio     


O Monte Medulio é, segundo as fontes clásicas, o lugar onde tivo lugar a derradeira batalla que enfrentou aos celtas galaicos coas tropas lexionarias do imperio romano. Paulo Orosio, historiador natural de Braga, situaba o Monte Medulio nas proximidades do río Miño (“Minio flumini inminenten”). Este apuntamento intencionado fai referencia ás terras de Galicia por onde discorre precisamente o río Miño, e ten por finalidade diferenciar a batalla do Monte Medulio do escenario das Guerras Cántabras, ó outro lado dos Ancares. O Monte Medulio tivo lugar na terra dos galaicos, as terras do Miño.

Segundo o historiador romano Lucio Anneo Floro, o Monte Medulio estaba rodeado por un foxo continuo de 15 millas romanas, o que supón un perímetro defensivo duns 25 kilómetros aproximadamente.

A invasión da Gallaecia polos romanos despregouse en dúas direccións principais, unha dende o este da península como continuación das Guerras Cántabras, e outra de maneira natural dende o sur da península, logo, por lóxica, o noroeste da Gallaecia constitúe o último baluarte irredutíbel da resistencia dos galegos a seren invadidos polas forzas de ocupación imperiais.

Morfoloxicamente e xeograficamente as terras de Santa Comba constitúen unha penechaira amesetada facilmente abarcable e defendible que conforma un auténtico fortín defensivo no noroeste da Gallaecia. A cunca alta do Xallas asemella a forma dun mega-castro natural cos seus correspondentes parapetos formados por elevadas montañas de 500 metros de altitude, que facilitaban a súa defensa, e que conforman un perímetro de 25 kilómetros de lonxitude, xustamente como describen as fontes clásicas. Era un obstáculo defensivo natural que interrompía os intereses viarios, mineiros e urbanísticos do Imperio romano. As súas grandes dimensións, a diferenza dun castro corrente, permitía a subsistencia no seu interior dos sublevados e tamén permitía acoller no seu interior a un grande número de guerreiros e combatentes, polo que se converteu nun lugar especialmente complicado e conflitivo para as tropas invasoras, moi diferente en tamaño a outros castros sometidos coma Numancia ou Castro do Monte Bernorio. É entendible, polo tanto, que os romanos optaran polo asedio dende a distancia como estratexia militar.

No entorno desa fortaleza natural que constitúen as terras altas do Xallas existe unha abondosa toponimia que fai alusión a un posible escenario bélico de confrontación: Portomedal (Val do Dubra), Monte Meda (Zas), Cousieiro, Montes de Couso, Couso (Coristanco), Marcelle, Vila-Martiño, San Martiño, ara de Couso Oenaego en Seavia (Coristanco), ara de Couso Marcus en Brandomil (Zas), ara de Couso en Logrosa (Negreira), Monte Teixoeira en Coristanco, o Foxo, a Trincheira, A Illa, A Cavada ou Gontar que significa "loita" en lingua xermánica.

Ante a presión do poderoso exército romano os míticos guerreiros galaicos, nun acto de heroicidade e valor, optaron polo suicidio co veleno presente na árbore do teixo.

O cardo é a flor nacional de Escocia. Din que o cardo é unha flor orixinaria do norte de África que se foi estendendo de sur a norte co gando nas primeiras migracións durante o Neolítico. Nos montes do Castelo en Santa Comba medra un tipo de cardo único no mundo, unha planta endémica da zona cunha fermosa flor amarela símbolo do máis alá, chámase Centaurea ultreiae e Centaurea bazarensis. Eu dende aquí propoño que se lle chame Centaurea Medulis en recordo de todos os celtas que se suicidaron no famoso Monte Medulio.


                                                   Centaurea Ultreiae

"Mawr" é unha palabra galesa, "mor" en gaélico escocés, das linguas célticas, que significa "destacado", "grande", "poderoso" e "forte". Distribución do apelido "mouro" en Galicia:

 



© Marcos Castro Vilas, arquitecto.


martes, 3 de agosto de 2021

Capela rupestre de Sant'Estebo de Malvares

 
 
Emulando a capela de San Bieito, na aldea de Sumvitg, e deseñada polo arquitecto Peter Zumthor, a capela de Sant'Estebo de Malvares sitúase nun outeiro de 400 metros de altitude nun beiril natural no bordo da Depresión Meridiana, nun mirador natural que permite observar toda a amplitude do Val do Dubra. A capela de Sant'Estebo foi construída no ano 1607 e derrubada e espoliada polo cura local daquela época no ano 1968. A capela, rodeada de boas fontes, conformaba unha unidade cultural e paisaxística xunto co castro da Idade de Ferro de Malvares (tamén en proceso de destrución), que posuía un importante parapeto na cara leste do castro de 100 metros de desnivel. Pola súa posición topográfica a capela de Sant'Estebo é herdeira de antigos cultos pagáns que se remontan a época dos xacementos arqueolóxicos dos petróglifos. A romería de Sant'Estebo celébrase cada ano o día 3 de agosto. As sombras do proxecto arquitectónico están calculadas adrede para ese día as 13:00 horas, cando se celebra a misa principal. 
 
 

 


 




 

 

 


 
 

 

 

 

 

 

 
 
 © Marcos Castro Vilas, arquitecto