miércoles, 1 de abril de 2026

Mosteiro de Carboeiro en Silleda, unha pequena "Compostela"





A razón de ser da cidade de Compostela é un cruce de camiños, "Compostella, id est bene composita". Por Santiago de Compostela pasaba a famosa vía romana XIX que unía as cidades romanas de Braga e Lugo e tamén saía o camiño cara o porto da Coruña, pero, sobre todo, a principal razón de ser de Compostela, o motivo real polo que se escolleu ese lugar polo que pasaba a vía XIX, era porque nese lugar preciso desembocaba a vía romana procedente de Ourense e de Chaves. Casualmente estas mesmas variables dábanse en Carboeiro, por Carboeiro pasaba un importante camiño que acortaba considerablemente a distancia ou a ruta entre a corte asturiana de Oviedo e as terras do actual Portugal, amais de ser, ao igual que Compostela, o lugar de paso da importante vía romana que procedía de Ourense e de Chaves. A Estrada sempre foi un importante cruce de camiños ou de vías romanas.
Dise que a construción do chamado mosteiro de Carboeiro foi promovido ou promocionado pola corte de Asturias para reforzar ou fomentar esta importante vía de comunicación peninsular e terrestre entre o incipiente reino asturiano e as terras de Portugal e dalgunha maneira tamén recompensar ou agasallar aos camiñantes que se vían na obriga, ó transitar por ela, de desviarse da cidade de Santiago de Compostela. No mosteiro de Carboeiro traballou o mesmo taller de mestres canteiros franceses que traballaron na catedral de Santiago. Con todo, coa proclamación da independencia de Portugal e o nacemento de reino de Portugal trouxo consigo a perda de funcionalidade desta importante vía de comunicación que unía con Asturias e que pasou a ter un caracter residual. Caeu en desuso e o proxecto de Carboeiro foi abruptamente abandonado pola monarquía asturiana e tivo que ser rematado daquela maneira polos canteiros galegos do país. 


© Marcos Castro Vilas, arquitecto

domingo, 1 de marzo de 2026

Atopadas as Aras Sestianas no monte do Sixto en Fisterra





Descubertas as Aras Sestianas no Monte do Sixto, en Padrís.
 
As Aras Sestianas (en latín Arae Sestianae) refírense, segundo as fontes clásicas, a uns altares erixidos por orde de Lucio Sestio Quirinal, legado de Augusto na Hispania Citerior a finais do século I a.C. Estes altares terían unha función política e simbólica: marcar a presenza e o dominio romano nun territorio recentemente incorporado ao Imperio tralas guerras cántabras. As aras non serían simples elementos relixiosos, senón tamén fitos xeográficos e ideolóxicos, asociados ao límite occidental do Imperio romano e á integración das terras galaicas na órbita imperial. 
As Aras Sestianas aparecen mencionadas en varias obras da Antigüidade:

Pomponio Mela, na súa Chorographia (III, 13), menciona as Arae Sestianae ao describir a costa do noroeste hispano, situándoas nun punto destacado do litoral galego, non moi afastado do que el considera o fin do mundo coñecido:

“… inde conventus Lucensis, flumina multa et clarissima, Arae Sestianae, et paulo longius promunturium Celticum...” (… despois, o convento Lucense, moitos ríos moi destacados, as Aras Sestianas, un pouco máis alá do promontorio Céltico...)

Plinio di na súa Naturalis Historia  (NH IV, 111 / IV, 20) o seguinte:

"Celtici cognomine Nerii et Supertamarici, Copori, oppidum Noeta; conventus Lucensis; flumina Tamaris et Ulla; Arae Sestianae; promunturium Celticum" (Os Célticos, coñecidos cos sobrenomes de Nerios e Supertamaricos; os Coporos; a cidade de Noeta; o convento Lucense; os ríos Tamaris e Ulla; as Aras Sestianas; e o promontorio Céltico).

Ptolomeo na súa Geographiká di: "Post Nerium promontorium aliud promontorium in quo Solis Arae" (Despois do promontorio Nerio, hai outro promontorio no que están as Aras do Sol).

Dos textos de Pomponio Mela, de Plinio e de Ptolomeo dedúcese que as tres Aras Sestianas situábanse un pouco aló do promontorio Celticum ou promontorio Nerio, nome co que se coñecía na Antigüidade ao cabo de Fisterra. Tres eran as Aras Sestianas, entre o cabo Fisterra e o cabo Touriñán, sinalando e remarcando a costa máis occidental de Galicia e do Imperio romano.
Determinar o punto máis occidental en Galicia non é unha cousa doada, famosa é a disputa que hai entre o cabo Touriñán e o cabo Fisterra por seren o punto máis occidental de Galicia. Pero ademáis dáse o paradoxo que ningún deles apunta hacia o oeste, pois cabo Touriñán revira cara o norte e o cabo Fisterra revira cara o sur polo que a parte máis occidental e que mira cara o oeste de verdade é o arco de terra comprendido entre o facho de Touriñán e o monte Veladuiro en Duio, formando un arco xeográfico que se abre directamente cara o solpor e que comprende a ría de Lires e a praia do Rostro (do latín "rostrum", co significado de "tribuna", ou dun menos probábel nórdico "rost" que significa "voz" ou "alabanza", cando non, "corrente de mar" ou "chamuscado"). Realmente o anaco de terra comprendido entre o cabo de Fisterra e o cabo de Touriñán é a parte máis occidental de Galicia e ten forma de arco xeométrico. Segundo as crónicas latinas, tres eran as Aras Sextianas. Cando usas tres aras non estás marcando ou sinalando un punto concreto do territorio como o punto máis occidental do imperio, estás definindo ou construíndo unha paisaxe sagrada a través de tres aras, estás comprendendo e abarcando formalmente un territorio e calquera que coñeza un pouco de xeometría sabe que un arco xeométrico defínese por tres puntos polo que tres aras ou altares sagrados soamente poden definir unha paisaxe en forma de arco abstracto, o comprendido entre o facho de Touriñán e o monte Veladoiro en Duio, con centro en Monte Maior ou Monte Sixto, en Padrís ou Tedín. Neste sentido garda semellanzas topográficas coa costa da Vela onde se atopa o Facho de Donón.
Segundo a toponimia local podemos situar unha delas en Nemiña, que en céltico significa "santuario", outra en Tedín/Padrís que en céltico significa Pater/Deus e outra en Denle/Pitueira, moi próxima a Duio (deus en céltico), e que en céltico significa "sacrificio humán" ou "cinceiro", "cremación". Topónimos próximos como Sixto, Monte do Sixto, Borralledos en Monte Maior, Caribio ou Lara Grande van na mesma dirección. Tamén temos o gran arciprestado de Nemancos ou Nemitos, co significado de santuario en céltico e que ata o 1956 incluía o actual e inventado arciprestado de Duio e o concello de Dumbría. O próximo castro de Castromiñán procede do céltico "min", co significado de "ourela" ou "bordo", polo que significaría "castro situado á beira do mar". Neste sentido existe unha fermosa lenda referida aos fenicios como usurpadores do santuario céltico do Ara Solis, sendo Formistan, heroe local inventado por Benito Vicetto e en alusión ao campamento romano existente en Firmistáns en Ames, quen liberou o lugar coa chegada dos romanos. Despois, coa arribada dos vikingos, o lugar de Frixe semella facer referencia a deusa nórdica "Frigg", nai dos deuses e esposa de Odín.









En Dugium residía o rei ou "sumo sacerdote", chamado Regulus na tradición da Raíña Lupa




Glamping no monte do Sixto





© Marcos Castro Vilas, arquitecto









miércoles, 4 de febrero de 2026

A verdadeira etimoloxía dos concellos de Pontevedra

 



AGOLADA: O topónimo de Agolada deriva da expresión latina "aqua lata", co significado de "auga levada" ou "auga conducida".

ARBO: O nome de Arbo deriva do nórdico "ár" que significa "río" e "bo" que significa "vivenda" ou "residencia", polo que Arbo significa "a residencia do río". Neste sentido, constátase unha fonda presenza vikinga ao longo do curso baixo do Miño.

BAIONA: Ao igual que Baio, na provincia da Coruña, o nome de Baiona participa da idea de "fondeira", "bajío" en castelán. Comparte a mesma etimoloxía que Nigrán ou Gondomar.

BARRO: O nome do concello de Barro está relacionado coa raíz prerromana "barr-", co significado de "elevación" ou "obstáculo", tamén presente na palabra "barranco". Neste sentido na parroquia de San Breixo de Barro, que dá nome ao concello, localízase a famosa fervenza do río Barosa.

BUEU: O nome de Bueu deriva do termo vikingo "buhedo" que vén da forma de participio "boet", do verbo "bo" que significa "vivir" en danés, e co significado de "herdanza", "patrimonio" ou "fogar". Aldán en éuscaro significa "mudar as lanchas de cala".

CALDAS DE REI: O topónimo de Caldas de Reis deriva do termo latino "aquas calidas". Aquí sitúabase a mansio romana de Aquis Celenis citada no Itinerario de Antonino, as augas cálidas da tribo dos Celenos. Tralo suposto nacemento na vila do rei Afonso VII, pola volta do século xii, comeza a chamarse Caldas de Reis.

CAMBADOS: O topónimo de Cambados deriva do termo céltico ou prerromano "camba" ou "comba" co significado de "curvatura", e facendo alusión ás numerosas lombas de area da enseada de Cambados e da desembocadura do Umia.

CAMPO LAMEIRO: O nome de Campo Lameiro fai referencia a un terreo ou lugar húmido.

CANGAS: O nome de Cangas xorde en contraposición ao nome de Moaña, fai referencia a unha paisaxe máis desaliñada, desfeita e escangallada. O topónimo de Cangas está estreitamente relacionado co verbo "escangallar". Cangas ou "cangallo" fan referencia a un relevo con moitos altos e baixos, unha orografía sen orde nin concerto, un relevo moi dentado. Tanto Cangas do Morrazo como Cangas de Onís en Asturias comparten un relevo moi semellante formado por unha sucesión de altos e baixos. As "cangas" fan referencia a un relevo con moitos altos e baixos en forma de peite.

A CANIZA: O topónimo da Caniza procede do latín "canna" e fai referencia a estruturas feitas con canas e varas.

CATOIRA: O nome de Catoira procede do latín vulgar "catto", do verbo latino "captare" e co significado de "vixiar". Polo que o topónimo de Catoira fai referencia as torres de vixilancia chamadas Torres do Oeste e situadas na desembocadura do Ulla.

CERDEDO: O nome de Cercedo procede de "cerdeira", lugar onde son abondosas as árbores cerdeiras. Outra hipótese faino derivar do latín "quercetum", co significado de "carballeira" ou lugar onde abondan os carballos.

COTOBADE: O nome de Cotobade fai referencia a un "couto de abade".

COVELO: O topónimo de Covelo deriva do termo latino "cova" que fai referencia á proliferación de concavidades ou fondeiras propias dun terreo montañoso e agreste con múltiples e pequenos vales. Comparte etimoloxía con Fornelos de Montes.

CRECENTE: O nome de Crecente fai referencia á localización do concello na parte máis oriental da provincia, por onde sae o sol.

CUNTIS: O nome de Cuntis alude a unhas augas termais ou "aquas calidas" en latín. Algúns historiadores sitúan aquí a poboación romana de Aquae Quintiae citada por Ptolomeo.

DOZÓN: O topónimo de Dozón deriva da palabra latina "occa" que orixinou "oquedad" en castelán ou "oco" en galego ou da prerromana "ausa", co significado de "fonte". O certo é que o concello de Dozón ocupa unha fondeira entre montañas onde nacen moitos ríos.

A ESTRADA: O nome do concello da Estrada deriva do termo latino "strata", co significado de "calzada". A Estrada foi un importante cruzamento de camiños, na Estrada cruzábase a vía romana que unía Ourense con Santiago de Compostela e o atallo ou variante que unía Lucus Augusti con Bracara Augusta. 

FORCAREI: O topónimo de Forcarei deriva do termo latino "furca" ou tamén do termo normando "fork" para sinalar un "gallo", un "desvío" ou unha "bifurcación". Neste sentido por Forcarei pasaba una vía romana alternativa que comunicaba Ourense con Santiago de Compostela, pasando pola Estrada.

FORNELOS DE MONTES: Ao igual que Covelo, Fornelos de Montes fai referencia a "fornos" ou "furnas", pequenas concavidades ou vales propios dun concello montañoso e accidentado.

GONDOMAR: do britónico ou céltico "condo" co significado de "confluencia de ríos", "onde as augas conflúen e se encontran", neste caso na próximidade do mar. Tanto Baiona, como Gondomar ou como Nigrán participan da mesma idea etimolóxica de "fondeira" ou "pequena depresión do terreo".

O GROVE: O topónimo O Grove deriva do indoeuropeo "krop", co significado de "joroba" ou "grupa" en castelán. En inglés temos o termo "crop" e "craw" que significa "boche" ou "papo" . A súa vez deriva do proto-indoeuropeo "grew" que significa "curva" ou "saínte". Tanto O Grove coma a Serra da Groba, sería unha protuberancia do terreo. 

A GUARDA: O topónimo A Guarda vén do normando "garde", co significado de "atalaia" ou "visión de control" ou do nórdico "gard" co significado de "recinto fortificado" ou "fortificación".

A ILLA DE AROUSA: O nome de Arousa deriva do nórdico-vikingo "ár-oss", que significa "desembocadura dun río".

LALÍN: Xeralmente considérase o topónimo de Lalín derivado dun antropónimo latino ou xermánico Lallinus, pero tendo en conta a forte presenza normanda no Ribeiro e Arenteiro, o mais plausible é que Lalín derive do normando "l'allée", co significado de "a vía" "o camiño" ou de  "l'halle", co significado de "o mercado". Por Lalín pasaba unha importante vía romana que unía Ourense con Santiago de Compostela.

A LAMA: O nome da Lama fai referencia a un terreo moi húmido. Neste sentido comparte etimoloxía con Campo Lameiro.

MARÍN: O nome de Marín procede do termo latino "marinus" e ten relación co mar. 

MEAÑO: O topónimo de Meaño deriva do termo "medianum" "medio", sinalando a súa posición "intermedia" na comarca do Salnés.

MEIS: O nome de Meis deriva do termo latino "medis", sinalando a súa posición intermedia na comarca do Salnés. Neste sentido comparte etimoloxía co concello de Meaño.

MOAÑA: Moaña procede da expresión latina "molaneam" e fai referencia ao bloque macizo da "mole" pétrea que representa o monte Domaio.

MONDARIZ: O nome de Mondariz semella derivar de "monte" e facer alusión a un lugar "montañoso".

MORAÑA: O topónimo de Moraña deriva do termo céltico "múr", co significado de "pequena elevación" "terraplén", "rampla", "relevo baixo".

MOS: Mos deriva de do termo latino "mons", co significado de "monte", con perda do -n- como en monstrare>mostrar.

AS NEVES: O nome do concello das Neves fai referencia á parroquia das Neves.

NIGRÁN: O topónimo de Nigrán procede do termo árabe "niqrah", co significado de "depresión do terreo", "pequena fondeira". Constátase unha importante presenza árabe no sur da ría de Vigo, Panxón procede do árabe "banyān", co significado de "fortaleza".

OIA: O topónimo de Oia fai referencia a unha pequena concavidade no terreo, xeralmente arrodeada de montañas.

PAZOS DE BORBEN: O topónimo de Pazos de Borbén deriva da mansio romana de Burbida citada a continuación de Tui no Itinerario de Antonino.  O nome de Burbida fai referencia a cursos de auga que levan moita forza (Alvedosa, Louro ou Borbén). Ten a súa orixe no deus céltico Borvo ou no termo grego "borboros" e de onde deriva o termo "borbotón" ou o nome do río Borbén. 

POIO: O topónimo de Poio deriva do termo latino "podium", co significado de "elevación", "plataforma" ou "montículo", facendo alusión a algún "castrelo" dende onde se exercía algún tipo de poder.

PONTEAREAS: O nome de Ponteareas fai alusión á curiosa localización da ponte da vila nunha pronunciada reviravolta do río Tea onde se produce unha importante acumulación de area.

PONTECALDELAS: O concello de Pontecaldelas recibe o seu nome da antiga ponte sobre o río Verdugo e a presenza de augas termais ou "aquas calidas" en latín.

PONTECESURES: O concello de Pontecesures comparte etimoloxía toponímica co concello de Ponteceso, na Coruña. Deriva do participio futuro do verbo latino "cedere", que neste caso é "cessurus" ou "cessura" e co significado de "avanzar", "pasar" ou "marchar", neste caso "próximo a pasar".

PONTEVEDRA: O topónimo de Pontevedra, a antiga mansio romana de Turoqua, procede da expresión de orixe latina "ponte vetera", co significado de "ponte vella".

O PORRIÑO: O máis plausible é que o nome  do Porriño derive do adverbio espacial de lugar de orixe latina "porro",  co significado de "máis adiante". A raíz indoeuropea "per" "por" está moi relacionada co movemento e co tránsito, e o certo é que O Porriño sitúase nun importante trazado viario procedente de Portugal, máis adiante que a cidade de Tui.

PORTAS: O nome de Portas fai referencia a un paso natural entre montañas, de feito a parroquia de Portas sitúase nun lugar con estas características.

SALCEDA DE CASELAS: O nome de Salceda de Caselas procede da unión de Salceda, que indica un lugar de "sauces" ou "salgueiros" ("salicēta" en latín) e Caselas, que é o río que atravesa a localidade.

SALVATERRA DE MIÑO: O nome de Salvaterra significa "terra segura" e fai alusión a un lugar fortificado.

SANXENXO: O topónimo de Sanxenxo é un haxiotopónimo derivado do nome dun santo, neste caso "San Xens" ou "San Ginés" en castelán.

SOUTOMAIOR: O nome de Soutomaior deriva da unión de dúas palabras, por un lado "souto" de "bosque" ou "arboredo" e por outro lado "maior", co significado de "principal" ou "importante", acaso facendo alusión a unha fortaleza.

REDONDELA: O topónimo de Redondela deriva do latín "rotundella", "rotundo" e significa "de forma redonda". Pode facer referencia á forma da parte posterior da ría de Vigo ou ser un diminutivo que describa a forma do antigo núcleo de Redondela.

RIBADUMIA: O topónimo de Ribadumia procede do termo latino "ripa", co significado de "ourela" ou "ribeira", polo que Ribadumia significa "ribeira do Umia".

RODEIRO: O nome de Rodeiro deriva do termo latino "rota" co significado de "roda", "círculo" ou "disco xiratorio", polo que o topónimo de Rodeiro fai alusión a un camiño. Neste sentido por Rodeiro pasaba unha importante vía romana que comunicaba Monforte de Lemos con Santiago de Compostela, pasando por Chantada e Belesar.

O ROSAL: O nome do Rosal fai referencia ás fragancias e ás bondades climáticas dese concello.

SILLEDA: O topónimo de Silleda procede do termo normando "selle" ou "celle", co significado de "asento" ou "trono", lugar onde residía ou se situaba a autoridade do lugar, un sitio poderoso coma una especie de capital comarcal.

TOMIÑO: O nome de Tomiño deriva do termo vikingo "to", co significado de "dous" e significa "o lugar onde o río Miño se divide en dous". Neste sentido constátase unha fonda presenza vikinga ó longo do curso baixo do río Miño, responsables da tradición dos carochos, unha embarcación de madeira en tingladillo.

TUI: O topónimo Tui deriva do céltico "tìde" co significado de "tempo" "periodo" ou do irlandés "taoide" (pronunciado "tude") co significado de "marea". As mareas usábanse para medir o tempo e Tui era o último lugar onde se senten as mareas no río Miño.

VALGA: O nome do concello de Valga procede do latín "vallica" ou "vallicare", co significado de "pequeno val" ou "que fai forma de val". Tamén "vaguada" ou "valgada".

VIGO: O nome da cidade de Vigo deriva do termo latino "vicus" para facer referencia a un pequeno asentamento aos pés dun importante castro.

VILABOA: O nome do concello de Vilabia procede da expresión latina "villam bonam" que se traduce como "casa boa" ou "casa forte".

VILAGARCÍA DE AROUSA: O nome de Vilagarcía vén do apelido García Caamaño como fundadores da vila. Don García de Calamaño construíu unha torre no lugar de Rubiáns onde se atopa na actualidade o pazo de Rubiáns, dalgunha maneira relembrando aqueles tempos nos que os vikingos e árabes chegaron a controlar lugares como Cambados, Vilagarcía, Boiro ou Rianxo. 

VILA DE CRUCES: O nome de Vila de Cruces ten unha orixe viaria, fai alusión a un cruzamento viario. Por Vila de Cruces pasaba o camiño alternativo que unía Lugo con Braga, pasando por Silleda e a Estrada.

VILANOVA DE AROUSA: O nome de Arousa deriva do nórdico-vikingo "ár-oss", que significa "desembocadura dun río". 

 
 
 
 © Marcos Castro Vilas, arquitecto
 
  

lunes, 19 de enero de 2026

De Vigo a Stonehenge, pasando por Carnac



flickriver.com
 
 
As peculiaridades xeográficas e naturais da ría de Vigo para observar o sol e os solsticios pronto a converteron nun referente cultural e relixioso no mundo céltico atlántico que tamén se intentou reproducir con maior ou menor éxito na baía de Quiberon na Bretaña francesa ou no lugar de Stonehenge no Reino Unido. Vigo foi un importante centro de peregrinaxe do mundo celta que se intentou reproducir en Carnac e en Stonehenge.
Vigo, Carnac e Stonehenge están unidos como centros cerimoniais, son os tres centros cerimoniais máis importantes do mundo celta. Vigo converteuse moi cedo nun escenario natural sagrado cunha fonda significación relixiosa para os celtas, un lugar de peregrinaxe onde render culto ao sol e aos solsticios pero tamén para depositar as cinzas dos defuntos na súa última viaxe cara o Máis Alá. A día de hoxe os solsticios xogan tamén un papel destacado no sincretismo relixioso cristián no que se  enmarca e constrúe a resurrección cristiá, Cristo nace no solsticio de inverno e San Xoán Bautista celébrase no solsticio de verán.
Vigo foi un importante centro de peregrinaxe na cultura celta-atlántica. A Vigo viña supostamente xente a enterrarse ou depositar as cinzas dos seus defuntos dende moi lonxe aos pés do sol e do solsticio procurando a resurrección. Vigo foi un importante espazo cultural e relixioso de peregrinaxe e enterramento do mundo céltico que se intentou reproducir en Carnac e en Stonehenge, con máis ou menos sorte. O topónimo de Coia, ao igual que Carnac, fai referencia ás pedras que se empregaban nos cemiterios e nos lugares de enterramento para sinalar aos defuntos. Coia foi un importante lugar de enterramento dos defuntos que cruzaban o océano cara o Máis Alá por Navia. O topónimo de Navia representaba a navegación cara o Máis Alá. A toponimia de Vigo reflexa moi ben esta teatralidade espacial, relixiosa ou cerimonial, empezando por Teis, Coia e Navia.
A baía de Quiberon, na Bretaña francesa, co seu extremo rochoso é a paisaxe natural que máis se aproxima á ría de Vigo, coas súas famosas illas Cíes que marcan o discorrer do sol ó longo do ano. O topónimo Quiberon significa en céltico "ceo estático", isto é solsticio, "iberon" é ceo en céltico e "qui" quere dicir estático. Era un lugar onde se rendía culto ao solsticio. Os aliñamentos próximos, como lugares sinalados de enterramento, están curiosamente orientados cara ó suroeste como a ría de Vigo e como o solsticio de inverno, símbolo de resurrección. Tamén o lugar sagrado de enterramento de Stonhenge ábrese ou está orientado sospeitosamente cara o solsticio de inverno ou cara a saída do sol no solsticio de verán. Tanto Carnac coma Stonhenge construíronse intentando imitar o simbolismo natural e litúrxico existente na ría de Vigo. Constátase un perfeccionamento ascendente e temporal na recreación da paisaxe sagrada da ría de Vigo, pasando por Carnac e culminando en Stonhenge. Tanto Vigo coma a baía de Quiberon coma Stonhenge son lugares que representan o verán, son pequenos paraísos climáticos atlánticos onde festexar a vida no solsticio de verán pero tamén a resurrección dos mortos no solsticio de inverno. A baía de Quiberon destaca polas súas bondades climáticas e por Stonehenge entra o verán en Inglaterra, mais as pedras viñeron de Preseli, en Galés, onde se atopa a baía de Whitesands, en St Davis Head, centro sagrado de Gales e, coma a baía de Quiberon, co máis fermoso solpor do Reino Unido. Dúas peregrinaxes a St. Davis, santo patrón de Gales, equivalían a unha a Roma, e tres a unha a Xerusalén. Neste sentido existe certo paralelismo entre o solpor de Whitesands e a catedral de Saint Davis, patrón de Gales, e o Ara Solis de Fisterra e a catedral de Santiago de Compostela, amais que ámbolos dous lugares foron potenciados como centro de peregrinaxe e recibiron a mesma bula papal no mesmo ano e polo mesmo papa, Calixto II. Tamén Santa Anna de Auray en Morbihan é o principal centro de peregrinaxe na Bretaña francesa, (Danu ou Anna era a deusa-nai dos celtas).
Cairn Llidi (monte das cinzas) é o equivalente sagrado en Gales do monte do Castro, en Vigo, dende onde ver as illas de Bishop and Clerks. Moi preto, a 35 km, no conxunto montañoso das Preseli Hills, sitúase o cromlech de Waun Mawn, con pedras moi uniformes e fáciles de traballar, a diferenza da pedra de Cairn Llidi, e construído coas mesmas pedras que Stonehenge. Por este motivo nas montañas de Preseli Hills atopábanse as canteiras de pedra para a construción dos numerosos megalitos da comarca de Pembrokeshire e tamén de Stonehenge. Un espazo cultural bastante semellante ou parello podémolo atopar em Croagh Patrick en Irlanda.


© Marcos Castro Vilas, arquitecto