jueves, 11 de febrero de 2021

A significación dos parapetos nos castros

 
  

                                                       Castro de Saa

                                     Castro de Castromaior

Con relación ó significado dos parapetos nos castros en Galicia hai que dicir o seguinte; os celtas eran un pobo moi dado á fachenda, e as murallas desproporcionadas e as entradas excesivamente elaboradas non respondían a sociedades belicosas ou guerreiras, todo ó contrario, eran un símbolo de hospitalidade e intercambio social cos castros veciños e da contorna, unha maneira presumida e fatua de sorprender aos hóspedes nunha sociedade patriarcal, coma un coche de gran potencia, unha moto de gran cilindrada, un topete esaxerado no pelo ou mesmo un casoplón de hoxe en día:

"...as murallas e o foso do castro de Baroña significan varias cousas...hospitalidade, ociosidade e traballo físico de carácter colectivo, e presenza esporádica de estranxeiros hostís...non todos ían ser amigos..."

Para evitar a endogamia no propio castro, os habitantes dos castros veciños visitábanse os uns ós outros, algo semellante o que pasaba fai uns cantos anos cando os nosos pais ían mocear ás aldeas da contorna, e ter unhas murallas potentes ou unha entrada maxestosa era unha boa carta de presentación para os mozos casadeiros do castro...máis ou menos como ocorre na actualidade. Moitos castros, como San Cibrán de Las, tiñan unha croa, a croa era o salón do castro, nela levábanse a cabo festas, cultos sagrados, casamentos, romerías, intercambio de gando, recolleitas de gran coma nas eiras das casas labregas, ou era o lugar de reunión política dos habitantes dos castros veciños que conformaban unha gentilitas ou castellum, tamén banquetes célticos pantagruélicos. O sentido festivo, sagrado e de reunión da croa dos castros conservouse durante a Idade Media e tamén na actualidade e é moi común por tanto a construción nela de capelas e igrexas onde celebrar romerías e rituais sacros, así como tamén torres e castelos que representaban o poder e a organización política do castellum correspondente a un número de castros determinado en relación a unha área xeográfica concreta coma un val.

 



 





© Marcos Castro Vilas, arquitecto