martes, 6 de octubre de 2026

Qalat e cálculo





"Qalat" e "cálculo" son dúas palabras que teñen aparentemente un significado diferente pero que realmente comparten un significado común ao provir en orixe dunha mesma raíz tamén común. "Qalat" é fortaleza en árabe, tamén en turco, persa, hindi e urdu. "Cálculo" provén do termo latino "calculus" que significa "pedriña pequena redonda" en referencia ás pequenas pedras que os romanos usaban para facer os seus cálculos nos ábacos. Tamén a palabra "callo" do latín "callum", co significado de pequena dureza redondeada ten a mesma orixe. Tanto a palabra árabe, co significado de "fortaleza", como a latina, co significado de "pequena pedriña redondeada", teñen a súa orixe na raíz indoeuropea "kel", co significado de "redondo". No primeiro caso fai referencia a unha muralla ou cerca ou a un lugar arrodeado ou protexido no seu perímetro por unha muralla ou peche circular. No segundo caso fai referencia á forma redondeada dos coios ou callaos. Neste senso temos o termo grego "khálix", co significado de "pedriña" ou "kala", co significado de madeiro. Tamén o termo francés "caillou", co significado de "coio" ou "callao" ou o termo derivado de "calzada". Nesta mesma liña en linguas célticas como o galés ou irlandés ás "pelotas" ou "testículos" chámanselle "kell" ou "caill" e no galego "collóns".
En resumo, no caso árabe úsase a redondez para designar un espazo pechado como unha fortaleza ou un castelo e no caso do coio úsase para sinalar a redondez dunha pedra pequena usada no cálculo ou na construción dunha calzada. Neste senso, en euskera úsase a palabra "kalo" para sinalar a redondez do cránio, polo que "kalo" tamén é unha palabra para "cranio" en idioma euskera. Esta dualidade tamén se manifesta no árabe onde temos a palabra "kāla" e "qil" que significa "medir" ou "medida en capazos redondos ou redondeados" e "qal'a" que significa "fortaleza circular".


© Marcos Castro Vilas, arquitecto