martes, 28 de diciembre de 2021

Colón ADN su verdadero origen

 

Tódolos aquí presentes temos unha ligazón común no tempo e no espazo

 


Winden nos seis meses de inverno e Macondo nos seis meses de verán





lunes, 13 de diciembre de 2021

Campamento romano de Firmistáns en Ames


Campamento romano de Firmistáns en Ames de 180 metros x 240 metros . Os campamentos romanos soen gardar unha relación de 4:3 ou 3:2 nas dimensións dos seus lados. O campamento romano de Firmistáns cumpre de maneira canónica a relación 4:3 (180 x 240).

 

Os mitos e as lendas, como salvagardas da memoria colectiva dun pobo, son unha forma velada de contar verdades eludindo responsabilidades legais, son algo así coma o polígrafo de conchita. No caso do mito da raíña Lupa que habitaba o castro Lupario tamén subxace unha verdade. O mito da raíña Lupa, recollido no códice Calixtino, agocha unha cartografía da conquista romana da Gallaecia indicando os movementos estratéxicos dos lexionarios romanos polo territorio noroccidental da provincia da Coruña, pero tamén é unha última oportunidade  para que a desconfiada raíña celta Lupa nos amose unha cartografía dos altares sagrados celtas e prerromanos máis importantes da contorna antes da súa máis que probable desaparición trala chegada, a imposición e a superposición dun novo lugar sagrado de culto e dunha nova relixión traída polos mesmos romanos, aínda que no relato, pola contra, os romanos preséntanse como inimigos e perseguidores do primeiro cristianismo e dos primeiros cristiáns e aliados dos celtas pagáns.

 

 

O mito da raíña Lupa recolle a lenda da translatio dos restos do apóstolo Santiago e a chegada do cristianismo a Galicia. No relato os discípulos do Apóstolo, que traían o seu corpo decapitado dende Palestina, pídenlle a raíña Lupa, aliada dos romanos e residente no castro Lupario e máxima autoridade da contorna de Santiago de Compostela, axuda e permiso para enterrar ao santo cristiá na zona. A desconfiada raíña celta Lupa, enviounos de primeiras ás terras do poderoso rei Dugium, en San Martiño de Duio en Fisterra. Unha importante vía romana comunicaba o reino de Duio co reino da raíña Lupa. Ao chegar a ese lugar o rei celta de Duio, temeroso das intencións dos novos forasteiros, ordena a súa detención e o seu encarceramento. Mais os discípulos conseguen escapar milagrosamente do cárcere e fuxen a través da ponte de Ons en Negreira. A ponte de Ons ou das Pías é protagonista fundamental nesta parte do relato. Cóntase nel, que os discípulos que trasladaban o corpo decapitado de Santiago chegaron a este lugar perseguidos polos lexionarios romanos ao servizo do rei celta de Duio. Mais unha vez que a comitiva cruzou a antiga ponte, viron como se derrubaba mandando ás augas do Tambre a boa parte dos soldados e cortándolle o paso ó resto. Da ponte só quedaron as pías e de aí vén precisamente o nome de ponte das Pías. Algúns arqueólogos e historiadores galegos defenden que a ponte das Pías foi unha pontóriga romana de madeira.

De volta á fortaleza da raíña Lupa, os discípulos Atanasio e Teodoro solicítanlle animais e un carro para trasladar os restos do apóstolo Santiago. Ante esta demanda, a desconfiada raíña Lupa envíaos agora ao Monte Ilicinio, actual Pico Sacro, a recoller uns bois que eran da súa propiedade. Outra vez a raíña Lupa ármalles unha nova trampa pois ao chegar alí aparecéuselles un fero dragón. Mais os resilientes discípulos coas armas do cristianismo e o símbolo da cruz vencen ó dragón e purifican o monte cos santos óleos, chamándoo a partir de agora Pico Sacro. Os bois que lle ofreceu a desconfiada raíña Lupa eran uns touros salvaxes, non obstante e ó igual que co dragón, baixo o símbolo e o sinal da cruz convertéronse en bois mansos. A raíña Lupa abraiada ante tales milagres solicita bautizarse para convertirse ao cristianismo e ofrece aos discípulos un sepulcro para soterrar ó santo no bosque de Libredón na cidade de Santiago de Compostela.

 


 

Esquina inferior dereita do campamento romano de Firmistáns coa característica forma redondeada dos campamentos romanos.

 

Ortofoto 2002
                                                                

Ortofoto 2002


O Monte Medulio é o lugar onde, segundo as fontes clásicas, os galegos ofreceron resistencia ás tropas romanas dentro do proceso de conquista do Imperio romano. A historia do monte Medulio chegou a nós a través do relato dos historiadores Floro e Orosio fundamentado a súa vez nunha crónica de Tito Livio. Seguno Orosio, na batalla do Monte Medulio (22 a.C) os legados romanos Antistio e Firmio someteron, despois de largos combates, as rexións máis extremas da Gallaecia, e os campamentos romanos de Cornado en Negreira preto de Antes, Santa Baia na Laracha, Tarrío en Val do Dubra e Firmistáns en Ames xogaron un papel destacado no asedio militar e xeográfico ó mítico monte Medulio. O campamento romano de Val do Dubra parece ser un destacamento auxiliar para facilitar a comunicación visual e por fume (tamén de asedio) entre o Cornado e Santa Baia, os dubreses saben que dende o alto da Abelenda é visíbel a central térmica de Meirama e tamén o outeiro de Cornado. Paulo Orosio no libro 6 capítulo 21 dice: "Ademáis do dito ata aquí, os legados Antistio e Firmio á forza de sanguinolentas batallas lograron dominar as terras máis extremas da Galicia, aquelas onde abundan os montes e as selvas e teñen o seu remate no océano. Para isto tiveron que construir un foso de quince millas onde se fixeron fortes e se refuxiaron os inimigos de Roma, en terras do Miño. Xentes robustas e bravas que, impotentes de trabar o paso e non sendo bastantes para vencer en batalla ós romanos, antes de caer nas súas mans como escravos déronse morte a ferro, a lume e a veleno do teixo".

Por último facer un pequeno apuntamento respecto a etimoloxía do concello de Teo: O concello de Teo pertence á comarca de Santiago de Compostela, lugar de paso de importantes vías de comunicación como a vía romana XIX e a vía romana XX, na actualidade camiño portugués de peregrinación. O topónimo de Teo fai alusión á posible presenza dun asentamento dunha guarnición militar romana no lugar de Firmistáns en O Sebe. Neste senso o topónimo de Teo vén do latín statio legio ou parada de lexión romana. Statio legio derivou en Taleo, e Taleo derivou en Teo por perda do -l- intervocálico no galego. Nas crónicas antigas medievais aparece como Santa María de Talegio, 1032 e Sancta María de Teeio, 1400, o que corrobora a miña hipótese.

 

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto