jueves, 16 de noviembre de 2023

Os Nariño, de criados dos Gomes de Riobóo de Malvares a presidente da república da Gran Colombia



No fondo documental do Arquivo da catedral de Santiago de Compostela (ACS) pódese consultar un documento de arrendamento de Bartolomé Giráldez de Caamaño, veciño da cidade de Santiago, notario, a favor de Juan de Nariño, labrador e veciño de San Vicente de Rial, do lugar de Malvares, situado na devandita freguesía, por nove anos e en prezo anual de 52 ferrados de trigo e mais dúas galiñas.
Por outra banda, no Arquivo Histórico Diocesano de San Martín Pinario, tamén en Santiago de Compostela, consta a partida de defunción de Don Jacinto Gómez de Riobóo e Villardefrancos, casado con Dominga García y de Vila e fillo de Lorenzo Gómez de Riobóo e Villardefrancos (1595-1684), e veciño de Malvares en San Vicente de Rial. Segundo a antedita acta foi soterrado na igrexa parroquial de Rial, de onde era fregués, o 18 de marzo de 1718 tal e como quedou reflexado no libro de defuntos dos anos 1648-1759 que se atopa no arquivo de San Martín Pinario. Tamén consta a data de morte do seu criado que se chamaba Domingo de Nariño e que morreu o 17 de xaneiro de 1700 e foi soterrado no adro da igrexa de Rial, e que supoñemos era fillo do anterior Juan de Nariño.
Conforme a reconstrución hipotética da árbore xenealóxica dos Nariño de Malvares que acompaña a esta publicación, sempre susceptíbel de melloras e cambios, Juan Nariño Domínguez sería fillo deste Domingo de Nariño, criado que traballaba para os Gómez de Riobóo en Malvares. Juan Nariño Domínguez viría sendo o pai de José Vicente de Nariño y Vázquez e avó do célebre Antonio Nariño y Álvarez del Casal, o primeiro presidente da república da Gran Colombia e autor, dende a súa loxa masónica "Arcano da Filantropía" da primeira tradución ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución francesa, feito polo que foi duramente perseguido e reprendido polas autoridades realistas do gobernador do virreinato da Nova Granada.

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto

 

 

 

As torres do Allo en Zas, a torre medieval que se converteu en pazo cos cartos do clan familiar de Cristovo Colón



Neste senso a familia Gomes de Riobóo e o clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro estableceron unha relación de interese mutuo ou constituíron unha simbiose estratéxica e económica que permitiu a ampliación e reforma a prol dunha notoria maxestosidade do famoso pazo das Torres do Allo situado no concello de Zas, o primeiro pazo existente en Galicia e comezado a construír como torre medieval no século XV.
A historia oficial ou o conto oficial relata que a Torre Nueba do pazo das Torres do Allo foi edificada entre os anos 1669 e 1685. Era unha réplica da torre norte ou Torre Viexa que buscaba conformar un conxunto edificatorio volumétricamente simétrico e equilibrado. O coste da reforma elevouse ata os 2000 ducados. Segundo o devandito relato a torre sur ou Torre Nueba foi ordenada construír por Gomes de Riobóo y Seixas ó experimentar unha considerábel melloría na súa posición social e económica tralo casamento do seu pai, Antonio Gomes de Riobóo, con María das Seixas, herdeira da casa de Cabanas: "Gracias a este resurgir económico, Antonio de Riobóo inició la restauración de la torre norte, que culminaría su hijo con la construcción de la segunda torre y el edificio central".
Mais isto non é de todo certo e agora sabemos que a principal fonte de liquidez monetaria dos Gomes de Riobóo que lle permitiu ampliar e reformar tódolos seus pazos e casas solariegas na Costa da Morte e comarca de Bergantiños ten a súa orixe na entente ou simbiose dos Gomes de Riobóo co clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro, co subsecuente traslado de habitación de Lorenzo Gómez de Riobóo, segundo fillo varón de Gómez de Riobóo y Villardefrancos (O Mozo), dende as Torres do Allo ata o lugar de Malvares en San Vicente de Rial. Os Pombo tiñan cartos e devecían por ascender socialmente e os Riobóo tiñan amplas extensións de terra froito do seu pasado feudal como grandes terratenentes, sobre todo en Razo e en Sorrizo, casualmente por onde discorre o trazado da famosa vía xx per loca marítima e onde os Gomes de Riobóo levantaron na Idade Media para o seu control a torre da Penela en Cabana de Bergantiños, a torre de Nogueiras no Coristanco e a torre de Pardiñas en Razo.
Neste senso e como exemplo do anterior é o caso da finca Galea en Sorrizo. No Arquivo do Reino de Galicia (ARG) existe un documento datado no ano 1642 dun litixio de Pedro del Barrio con Juan Pombo polo monte de Fonte Galea e Pedra Picada en Sorrizo na costa de Arteixo. A finca Galea en Sorrizo era unha grande extensión de terra onde o clan dos Pombo construíron o pazo de Gondreo, deixando unha pequena parcela anexa o seu carón onde, e cos cartos da operación de venta, don Pedro Gomes de Riobóo e Villardefrancos irmán de Lorenzo Gómez de Riobóo levantou o pazo das Covadas. O mesmo ocorre na próxima parroquia de San Martiño de Razo, onde os Gomes de Riobóo eran señores feudais da torre de Pardiñas e posuidores de numerosas propiedades. Nesta freguesía e na adxacente de San Estevo de Buño os Gomes de Riobóo venderon aos Pombo, ávidos de ascenso social, numerosas casas e pazos en Vilar de Cidre, en Vernes e no mesmo lugar de Razo da Costa. 

 

 

A simbiose dos Gomes de Riobóo de Malvares co clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro permitiulles a uns e a outros prosperar económicamente e ampliar e reformar os seus pazos e casas solariegas como o pazo das Torres do Allo en Zas, o pazo de Sergude en Ponteceso, o pazo de Vilardefrancos en Sofán ou o pazo de Pallas en Artes. Tamén levouse a cabo a construción da capela de San Pedro do Allo agregada á parroquia local no ano 1607, data que coincide casualmente co remate da ampliación da capela de Santo Estevo de Malvares (romería o 3 de agosto) rematada no ano 1607 e que se atribúe tamén aos Gomes de Riobóo.


© Marcos Castro Vilas, arquitecto.