martes, 16 de noviembre de 2021

A verdadeira etimoloxía dos concellos da Coruña



AMES: O concello de Ames pertence á comarca de Santiago, ocupa o val que forma o río Sar na chamada depresión meridiana. O río Sar é un río entre dous ríos, o Tambre ó norte e o río Ulla ó sur. Neste senso o topónimo Ames vén do latín interamnis fluminis que significa río que discorre entre dous ríos, amnis é unha palabra latina que significa tamén río. Ames comparte etimoloxía con Entrimo en Ourense e Teramo en Italia.

A BAÑA: A Baña é un concello pertencente á comarca da Barcala. O topónimo da Baña fai referencia a unha concavidade con auga, a unha cunca. Segundo o dicionario da RAG, a palabra baño fai referencia a un recipiente con auga, tamén é a parte escavada das zocas.

BETANZOS: A cidade de Betanzos é a capital da comarca homónima de Betanzos. A vila de Betanzos sitúase nun antigo castro ou outeiro entre os ríos Mendo e Mandeo chamado castro de Untzia. A comarca de Betanzos estaba habitada en época romana e prerromana pola tribo dos Bedios ou Baedy, logo Betanzos sería Baedy-Unzia> Betunzia>Betanzos.

BOIMORTO: O concello de Boimorto pertence á comarca de Arzúa. Polo concello de Boimorto pasaba a vía romana XIX ou polo menos unha variante norte da vía XIX como o demostra a existencia dun fermoso miliario romano atopado no lugar de Vilanova. Boi é unha palabra de orixe xermánica que significa camiño romano ou rastro ou sinal dun camiño vello. A palabra boi está emparentada etimoloxicamente co vej danés e co way inglés ou co weg alemán. É unha palabra endémica da provincia da Coruña onde a presenza sueva foi máis intensa, e parece ser que os suevos chamábanlle boi aos camiños romanos que se atoparon á súa chegada á Gallaecia. Neste senso o topónimo Boimorto significa camiño romano en desuso, camiño morto. Ás veces xogábase coa ambigüidade semántica do termo, boi tamén é macho da vaca en galego, e así cando un camiño romano atravesaba o pico dunha montaña dicíase que era o Corno do Boi.

CARBALLO e CERCEDA: Carballo e Cerceda son dous concellos que exemplifican o choque entre a política urbanizadora romana e o urbanismo indíxena dos castros que habitaban os outeiros a media ladeira dos vales. Coa chegada dos romanos se favoreceu ou promocionou o asentamento da poboación no fondo dos vales, lugares húmidos e fríos de abondosa vexetación. Esta nova maneira de ocupar o territorio chocaba de fronte co urbanismo dos castros. Un xeito de ridiculizar con retranca o urbanismo romano era chamarlle de forma vexetal ás novas capitais "municipais", pois no fondo dos vales só medraban carballos, cerdeiras ou calquera outra clase de árbore.

COMPOSTELA: A cidade de Santiago de Compostela ocupaba un lugar estratéxico no sistema viario romano da Gallaecia, por Santiago de Compostela pasaba a vía XIX que unía Braga con Lugo. Lugar de paso para o porto da Coruña, en Santiago de Compostela desembocaba a vía romana, que procedente de Ourense, se dirixía á Coruña. Deste xeito, Compostela era un lugar ben composto e así aparece nas crónicas medievais, na crónica de Sampiro de 1150 dícese "Compostella, id est bene composita". Compostela era, xa que logo, a capitalidade da cristiandade de Occidente e tamén da Gallaecia.

CORISTANCO: O concello de Coristanco pertence á comarca de Bergantiños, é o concello que ten o topónimo máis arcaico e prerromano de todos, está formado pola raíz Cor- que significa pedra, pola raíz -stan- que significa estaño e o sufixo prerromano -anko que significa "lugar de". Polo tanto Coristanco sería o lugar da pedra do estaño.

A CORUÑA: A cidade da Coruña ocupa un saínte rochoso que se adentra no mar semellante a Caión, Laxe ou Malpica. O topónimo Coruña procede da raíz prerromana Car- ou Cor- que significa dureza, rocha, palabras como carcasa, carballo ou coraza incorporan a raíz cor- car- co significado de dureza. O topónimo Coruña vén do latín Caronium ou Caranico, así nomeada no Itinerario Antonino da vía romana XX. O sufixo latino -nium derivou en -uña.

CULLEREDO: Culleredo é un concello da comarca da Coruña que ocupa un fermoso val formado polo río Valiñas. O monte Xalo axuda a conformar este fermoso val cunha característica ladeira ou aba en forma de cuncha ou culler en latín, e de aí o nome de Culleredo.

DUBRA: O topónimo Dubra ten a súa orixe nunha palabra de orixe céltica co significado de auga. Neste senso dwfr (pronunciado duvr) é unha forma alternativa galesa co significado de auga. O concello de Dubra ou Val do Dubra, na provincia da Coruña, comparte orixe etimolóxica coa cidade inglesa de Dover. Dover, históricamente en castellano Duvres, ten a súa orixe no idioma celta Brythonic, onde Dubras significaba As Augas: From Old English Dofras, from Latin Dubris, from Brythonic Dubras “the waters”, from Proto-Celtic dubros “water”.

A LARACHA: O concello da Laracha pertence á comarca de Bergantiños. Na época dos romanos era un importante nó viario da comarca que daba acceso ás terras de Curtis, A Coruña, Ordes, Tordoia e Santa Comba. Foi por este motivo que os romanos situaron neste lugar o importante municipium de Flavium Brigantium ou Brigantium Flavium. Brigantium era a capital de Bergantiños na época dos romanos que chamaban Vir ou Ber ao río Anllóns. Bergantiños eran as xentes que habitaban o val do río Anllóns-Vir-Ber. Por ser un importante nó viario era o lugar dos lares viais e de aí o topónimo da Laracha. Tamén pode facer referencia a proliferación de moitas casas ou lareiras promocionadas pola labor urbanizadora do emperador Flavio. Do celta leur co significado de solo, chan ou superficie plana, lara-cha, axeitado para desenvolver a actividade urbanizadora de Roma.

MESÍA: O topónimo Mesía vén do sufixo latino meso- que significa medio. Realmente as terras de Mesía ocupaban un espazo intermedio entre as comunicacións viarias que ían de Santiago a Lugo, de Santiago a Coruña e da Coruña a Lugo.

SANTA COMBA: no concello de Santa Comba atopamos o lugar de Cícere e Circe era, segundo a Odisea de Homero, a meiga que habitaba a illa Eoa e que lle indicou a Ulises o camiño cara o inframundo dos gregos, o Hades. Santa Comba foi a máis famosa das meigas galegas que se converteu ao cristianismo, herdeira de meiga Morgana da lenda do rei Arturo.

TORDOIA: Tordoia é un concello da comarca de Ordes. A presenza sueva neste concello foi moi importante, son abondosos os topónimos de orixe xermánica como Bardaos, Aldemunde, Restande, Leobalde ou Anxeriz. Pódese considerar a Tordoia a capital oficiosa dos suevos e das suevas de Galicia. Neste senso o topónimo de Tordoia ten unha orixe xermánica, Torden é trono en danés e Tordon é trono en sueco. O deus Thor era unha das divindades principais do panteón xermánico e nórdico. Son algúns os concellos de Galicia que fan referencia a divindades como Larouco, Bande...e Tordoia fai referencia á divindade principal dos suevos.

TRAZO: Trazo é un fermoso val da comarca de Ordes. O concello de Trazo ocupa na súa totalidade unha antiga terraza fluvial ou terrazo que se orixinou polo esforzo do Tambre para atravesar as montañas que delimitan a depresión meridiana e que conformou un profundo canón entre a Ponte Alvar e Portomouro. É moi plausíbel, polo tanto, que o nome de Trazo veña de terrazo, ou terraza fluvial que orixinou o embolsamento ou lago de auga do Tambre nos seus intentos por atravesar as montañas que bordean a depresión meridiana. Topograficamente o concello de Trazo ocupa as terrazas fluviais dun gran lago que se formou polo río Tambre no seu discorrer cara o mar e os diferentes obstáculos que se foi atopando no camiño. Neste senso é algo semellante á comarca do Bierzo.

TEO: O concello de Teo pertence á comarca de Santiago de Compostela, lugar de paso de importantes vías de comunicación como a vía romana XIX e a vía romana XX, na actualidade camiño portugués de peregrinación. O topónimo de Teo fai alusión á posible presenza dun asentamento dunha guarnición militar romana no lugar de Firmistáns en O Sebe. Neste senso o topónimo de Teo vén do latín statio legio ou parada de lexión romana. Statio legio derivou en Taleo, e Taleo derivou en Teo por perda do -l- intervocálico no galego. Nas crónicas antigas medievais aparece como Santa María de Talegio, 1032 e Sancta María de Teeio, 1400, o que corrobora a miña hipótese.

ZAS e CEE: Zas e Cee son topónimos que se explican dende a corrección do seseo, un rasgo lingüístico característico do galego da Costa da Morte. Realmente Zas é Sas, que vén do xermánico salas ou habitáculos. E Cee é Sé, que significa sede, unha forma de reafirmar a "capitalidade" da vila na ría de Corcubión.

 

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto