jueves, 16 de noviembre de 2023

Os Nariño, de criados dos Gomes de Riobóo de Malvares a presidente da república da Gran Colombia



No fondo documental do Arquivo da catedral de Santiago de Compostela (ACS) pódese consultar un documento de arrendamento de Bartolomé Giráldez de Caamaño, veciño da cidade de Santiago, notario, a favor de Juan de Nariño, labrador e veciño de San Vicente de Rial, do lugar de Malvares, situado na devandita freguesía, por nove anos e en prezo anual de 52 ferrados de trigo e mais dúas galiñas.
Por outra banda, no Arquivo Histórico Diocesano de San Martín Pinario, tamén en Santiago de Compostela, consta a partida de defunción de Don Jacinto Gómez de Riobóo e Villardefrancos, casado con Dominga García y de Vila e fillo de Lorenzo Gómez de Riobóo e Villardefrancos (1595-1684), e veciño de Malvares en San Vicente de Rial. Segundo a antedita acta foi soterrado na igrexa parroquial de Rial, de onde era fregués, o 18 de marzo de 1718 tal e como quedou reflexado no libro de defuntos dos anos 1648-1759 que se atopa no arquivo de San Martín Pinario. Tamén consta a data de morte do seu criado que se chamaba Domingo de Nariño e que morreu o 17 de xaneiro de 1700 e foi soterrado no adro da igrexa de Rial, e que supoñemos era fillo do anterior Juan de Nariño.
Conforme a reconstrución hipotética da árbore xenealóxica dos Nariño de Malvares que acompaña a esta publicación, sempre susceptíbel de melloras e cambios, Juan Nariño Domínguez sería fillo deste Domingo de Nariño, criado que traballaba para os Gómez de Riobóo en Malvares. Juan Nariño Domínguez viría sendo o pai de José Vicente de Nariño y Vázquez e avó do célebre Antonio Nariño y Álvarez del Casal, o primeiro presidente da república da Gran Colombia e autor, dende a súa loxa masónica "Arcano da Filantropía" da primeira tradución ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución francesa, feito polo que foi duramente perseguido e reprendido polas autoridades realistas do gobernador do virreinato da Nova Granada.

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario