Descubertas as Aras Sestianas no Monte do Sixto, en Padrís.
As Aras Sestianas (en latín Arae Sestianae) refírense, segundo as fontes clásicas, a uns altares erixidos por orde de Lucio Sestio Quirinal, legado de Augusto na Hispania Citerior a finais do século I a.C. Estes altares terían unha función política e simbólica: marcar a presenza e o dominio romano nun territorio recentemente incorporado ao Imperio tralas guerras cántabras. As aras non serían simples elementos relixiosos, senón tamén fitos xeográficos e ideolóxicos, asociados ao límite occidental do Imperio romano e á integración das terras galaicas na órbita imperial.
As Aras Sestianas aparecen mencionadas en varias obras da Antigüidade:
Pomponio Mela, na súa Chorographia (III, 13), menciona as Arae Sestianae ao describir a costa do noroeste hispano, situándoas nun punto destacado do litoral galego, non moi afastado do que el considera o fin do mundo coñecido:
“… inde conventus Lucensis, flumina multa et clarissima, Arae Sestianae, et paulo longius promunturium Celticum...” (… despois, o convento Lucense, moitos ríos moi destacados, as Aras Sestianas, un pouco máis alá do promontorio Céltico...)
Plinio di na súa Naturalis Historia (NH IV, 111 / IV, 20) o seguinte:
"Celtici cognomine Nerii et Supertamarici, Copori, oppidum Noeta; conventus Lucensis; flumina Tamaris et Ulla; Arae Sestianae; promunturium Celticum" (Os Célticos, coñecidos cos sobrenomes de Nerios e Supertamaricos; os Coporos; a cidade de Noeta; o convento Lucense; os ríos Tamaris e Ulla; as Aras Sestianas; e o promontorio Céltico).
Ptolomeo na súa Geographiká di: "Post Nerium promontorium aliud promontorium in quo Solis Arae" (Despois do promontorio Nerio, hai outro promontorio no que están as Aras do Sol).
Dos textos de Pomponio Mela, de Plinio e de Ptolomeo dedúcese que as tres Aras Sestianas situábanse un pouco aló do promontorio Celticum ou promontorio Nerio, nome co que se coñecía na Antigüidade ao cabo de Fisterra. Tres eran as Aras Sestianas, entre o cabo Fisterra e o cabo Touriñán, sinalando e remarcando a costa máis occidental de Galicia e do Imperio romano.
Determinar o punto máis occidental en Galicia non é unha cousa doada, famosa é a disputa que hai entre o cabo Touriñán e o cabo Fisterra por seren o punto máis occidental de Galicia. Pero ademáis dáse o paradoxo que ningún deles apunta hacia o oeste, pois cabo Touriñán revira cara o norte e o cabo Fisterra revira cara o sur polo que a parte máis occidental e que mira cara o oeste de verdade é o arco de terra comprendido entre o facho de Touriñán e o monte Veladuiro en Duio, formando un arco xeográfico que se abre directamente cara o solpor e que comprende a ría de Lires e a praia do Rostro (do latín "rostrum", co significado de "tribuna", ou dun menos probábel nórdico "rost" que significa "voz" ou "alabanza", cando non, "corrente de mar" ou "chamuscado"). Realmente o anaco de terra comprendido entre o cabo de Fisterra e o cabo de Touriñán é a parte máis occidental de Galicia e ten forma de arco xeométrico. Segundo as crónicas latinas, tres eran as Aras Sextianas. Cando usas tres aras non estás marcando ou sinalando un punto concreto do territorio como o punto máis occidental do imperio, estás definindo ou construíndo unha paisaxe sagrada a través de tres aras, estás comprendendo e abarcando formalmente un territorio e calquera que coñeza un pouco de xeometría sabe que un arco xeométrico defínese por tres puntos polo que tres aras ou altares sagrados soamente poden definir unha paisaxe en forma de arco abstracto, o comprendido entre o facho de Touriñán e o monte Veladoiro en Duio, con centro en Monte Maior ou Monte Sixto, en Padrís ou Tedín. Neste sentido garda semellanzas topográficas coa costa da Vela onde se atopa o Facho de Donón.
Segundo a toponimia local podemos situar unha delas en Nemiña, que en céltico significa "santuario", outra en Tedín/Padrís que en céltico significa Pater/Deus e outra en Denle/Pitueira, moi próxima a Duio (deus en céltico), e que en céltico significa "sacrificio humán" ou "cinceiro", "cremación". Topónimos próximos como Sixto, Monte do Sixto, Borralledos en Monte Maior, Caribio ou Lara Grande van na mesma dirección. O próximo castro de Castromiñán procede do céltico "min", co significado de "ourela" ou "bordo", polo que significaría "castro situado á beira do mar". E o lugar de Frixe semella facer referencia a deusa nórdica "Frigg", nai dos deuses e esposa de Odín.
© Marcos Castro Vilas, arquitecto





No hay comentarios:
Publicar un comentario