Gando N'Dama do Senegal. Fonte Wikimedia Commons
A partir dun recente estudo xenético levado a cabo polo equipo portugués de Fonseca, Ginja et alii sobre razas de gando vacún de Portugal pódese concluir que a característica cor rubia das vacas galegas ten unha orixe africana, concretamente no gando N'dama do Senegal. A grandes rasgos a raza rubia galega é unha mestura de liñaxes europeas e africanas. Así, dende un punto de vista fenotípico, do haplogrupo T3, característico de centroeuropa, herdou unha meirande complexión ósea e muscular, rasgos ortoides e longos e unha cara longa, estilizada e rectilínea. Pola contra, a súa característica pelaxe de cor rubia vincúlase xenéticamente co haplogrupo T1, de orixe africana, e máis concretamente co gando tradicional N'dama procedente do Senegal e das montañas de Guinea, como último refuxio dos bóvidos que no seu tempo habitaron as amplas sabanas do actual deserto do Sahara. Neste senso, a raza rubia galega aseméllase a outras razas celtas coma a charolesa, a lemosina ou a simmental: "A complexa orixe das primitivas razas de vacún ibérico refléxase na súa alta diversidade de haplogrupos de cromosoma Y, incluindo os maioritarios haplogrupos Y1 e Y2, así como distintas liñaxes maternas, esto é, liñaxes matrilineais europeas T3 e unha forte influencia de liñaxes de orixe africana T1". "O gando bovino ibérico amosa claras sinais de mestura de gando africano e unha alta diversidade de ADN mitocondrial e haplogrupos do cromosoma Y". As primitivas razas de gando vacún da península ibérica exhiben unha destacable diversidade fenotípica nun espazo xeográfico moi limitado: "Estas análises confirman que estas razas son xenéticamente moi distintas e amosan altos niveis de variación xenética en contra do esperable debido a súa limitada distribución xeográfica".
Gando N'dama do Senegal. Fonte Wikimedia Commons
O equipo de Fonseca et alii secuenciou 48 xenomas pertencentes a 8 razas de vacas da península ibérica, especialmente de Portugal (Brava de Lide, Barrosa, Maronesa, Arouquesa, Mertolenga, Preta, Alentejana e Mirandesa). As oito razas analizadas amosaron un significativo fluxo xenético e unha mestura procedente do gando vacún africano. Os estudos expresaron altos niveis de diversidade xenética que se alonxan do principal foco de domesticación de gando bovino que se sitúa comunmente no Próximo Oriente: "Nosoutros comparamos a diversidade xenética en relación a 60 tipos diferentes de xenomas de gando vacún procedente de Europa, África e Asia, así como tamén con secuencias dos primitivos uros europeos. Nós confirmamos a existencia de fluxo xenético entre os bóvidos de África e as castes ibéricas". "Nós podemos confirmar que hai un significativo exceso de alelos derivados compartidos en cantidades variadas entre as razas ibéricas e a raza bovina N'Dama cando comparamos co conxunto de razas bovinas europeas". "Isto foi observado tanto na raza Brava de Lide do sur, que ten a maior influencia africana da raza N'dama, pero tamén en razas do norte de Portugal tales coma a Barrosa". "Estes resultados son apoiados a maiores pola presenza dun 17% de haplogrupo matrilineal T1 no gando vacún ibérico analizado aquí". "Os touros de raza Jersey comparten unha liñaxe patrilineal distinta que os vincula co gando africano. Análises de cromosoma Y amosan que a raza Jersey está caracterizada por un específico haplogrupo que é intermedio entre Y1 e Y2, o cal ben podería representar unha liñaxe Y africana".
Poboado Bedik do país Bassari. Senegal
Para explicar a causa destes datos o equipo de Fonseca expón a seguinte argumentación: "A península ibérica e o Magreb comparten afinidades naturais de tipo zoo-xeográficas e tiveron lugar complexas relacións bioxeográficas e históricas, tanto humanas como de fauna durante gran parte do temprano Holoceno (incluíndo, como non, as primeiras colonizacións marítimas do mediterráneo occidental por comunidades agropastorais do Primeiro Neolítico, o cal pode explicar estes patróns de mestura xenómica". "Tamén o gando ibérico conserva moito da orixinal diversidade paterna e materna, o cal parece derivar da dispersión dunha poboación heteroxénea dende o Neolítico ó longo das rutas do mediterráneo cunha forte influencia procedente do gando do Norte de África".
Por Marcos Castro Vilas, arquitecto.
BIBLIOGRAFÍA:
-FONSECA, Rute R. da et alii: "Consequences of breed formation on patterns of genomic diversity and differentiation: the case of highly diverse peripheral Iberian cattle". BMC Genomics. Maio 2019.
-FONSECA, Rute R. da et alii: "Consequences of breed formation on patterns of genomic diversity and differentiation: the case of highly diverse peripheral Iberian cattle". BMC Genomics. Maio 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario