lunes, 29 de enero de 2024

O entruido do burro

 

Nas partes máis suevas de Galicia, no interior da provincia da Coruña, tamén existía un pequeno entroido, moito máis sobrio e nin tan vistoso e nin tan coñecido como o entroido das provincias interiores de Galicia de raíces ancestrais máis fondas, acaso de orixe paleolítica.
Mais nas parroquias de Castrís, Grixoa de Esternande, Padreiro e Bazar, no concello de Santa Comba, e tamén nalgunhas partes do Coristanco, áreas nas que pervive na actualidade unha fonda influencia sueva, celebrábase nestas datas un entroido moi curioso onde o protagonista era un burro, o chamado Entroido do Burro. Tamén na próxima aldea de Malvares durante o entroido "botábase o burro" e os rapaces gastaban bromas os uns ós outros e tinxábanse a cara e as mulleres vestíanse de homes e facían carreiras de sacos.
No caso particular da parroquia de Castrís estase a intentar recuperar este peculiar entroido da man de Jorge Castelo Mourelle. O entroido do burro nesta parroquia xalleira consistía en sacar a pasear polas casas un burro, dúas persoas disfrazadas de burro, acompañado por unha vella e un cura. Entón o burro morre e a vella laiase con forza para a continuación o burro ser resucitado polo crego mediante a recitación dunha divertida e satírica letanía en latín e en galego macarrónico. Acto seguido os homes disfrazados de mulleres e as mulleres disfrazadas de homes bailaban xuntos unha jota.
Tamén en Vedra sacábase o burro durante o entroido e colocábanse burros de palla ás portas das casas con coplas satíricas e tamén en Santiago de Compostela, durante o entroido, ao burro enviábanselle xocosas cartas de amor.
O martes de entroido en Abelleira de Arriba, en Muros, sacaban un burro e levábano a Bornalle onde o queimaban para escarnio e burla dos veciños dese lugar. Na comarca de Bergantiños, en Oza, existía o costume de mandar polo entroido "burros" con mensaxes satíricas a modo de mofa ó resto dos veciños. 
 

Entroido de Abelleira, Muros

 
Curiosamente ou dase a casualidade que na cidade xermana de Villingen-Schwenningen, pertencente a rexión histórica da Swabian alemana, a rexión dos suabos alemáns do sur de Alemaña a onde emigraron os suevos terrestres e ficaron alí por non cruzar as montañas, durante estas datas tamén celebran o seu particular entroido do burro. Unha das figuras principais do seu entroido é un burro chamado Butzesel onde unha persoa vai vestida con roupas vellas e farrapos de cores e leva posta unha máscara de burro e unha póla de abeto entre as pernas, pola contra os coidadores do burro e os que chuzan nel son os Tribernn ou Stachi coas súas longas varas de madeira, eles son os encargados de guiar o burro polas casas pedindo bebida e mais comida e o burro sinte especial predilección polas salchichas e os chourizos dos carniceiros.
 
 

Tamén na provincia de León era moi común sacar a pasear un burro durante o entroido, é o caso das burras do antruejo de Tremor de Arriba. O burro tamén é un personaxe importante no entrudo zamorano de Lubián e no Toro de Morales de Valverde na mesma provincia. Pero é nunha zona illada e baixo a influencia do reino suevo onde mellor se conservou a tradición viva do burro do entroido. Así na comarca das Hurdes temos o burru antrueju onde un home disfrazado de burro pasea co seu dono polas rúas da aldea. Ó chegar á praza da vila o dono pégalle un garrotazo na cacerola chea de viño que cobre a cabeza do burro e o burro morre. Acto seguido os veciños choran de xeito desconsolado ata que chega un "veterinario" que resucita o burro. Moi semellante ao burro de Castrís.
 
 
 
 
Toro de Morales de Valverde

 
Burras de Tremor de Arriba

 


En Portugal, en liña co entroido do burro de Vedra e Santiago de Compostela, no Vale do Souto, dentro das actividades do entrudo portugués é moi típica a tradición da chamada divisão do burro onde os rapaces escriben coplas ás raparigas que despois son recitadas en alto trala morte do burro.
O burro préstase á farsa e o escarnio razón pola que se lle atribúe o momento apoteótico do carnaval coa lectura do famoso testamento do burro que representa o xuízo e a morte do entroido e onde se fai unha crítica social que se pronuncia o martes de entroido na comarca de Laza.
Xa para rematar, na zona de influencia do reino suevo nas Américas, en Colombia, en Barranquilla, tamén teñen o seu peculiar entroido do burro. É o chamado burro Corcoveón, figura principal dos carnavais de Barranquilla e onde unha ou varias persoas disfrazadas de burro parodian as andanzas dun animal indómito que intenta amansar o seu dono que, pola contra, é constantemente revolcado, pateado e mordido polo animal.



 
Burro Corcoveón

 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario