martes, 19 de noviembre de 2024

As Torres do Allo, de torre medieval a pazo cos cartos do clan familiar de Cristovo Colón

 
 
 
 
Antecedentes históricos: Comezos do século XV, dúas fillas da poderosa casa do conde de Lemos casan coa arisca e hostil nobreza trastamarista herdeira do famoso Pedro Froilaz de Traba, pai de Fernando Pérez de Traba que foi marido de Teresa de León, nai de Afonso Henriques o primeiro rei de Portugal. Xoana de Castro faino con Rodrigo Sánchez de Moscoso, señor de Altamira, e a súa irmá Leonor de Castro faino con Pedro Bermúdez o Vello, señor de Montaos.
Ao mesmo tempo Gomes de Riobóo, da torre dos García Pardiñas de Razo e aio dos Moscoso, casa con Berenguela Sánchez de Moscoso ou Monscoso e funda o vínculo e morgado das Torres do Allo en Zas. O seu irmán García Pardiñas, aio de Fernando de Castro merino maior dos pazos de Lestrove, casa con María de Caión Bermúdez de Castro e funda o vínculo e morgado do pazo de Vilardefrancos en Sofán (Carballo).


Pero continuemos a historia onde a habiamos deixado. Temos unha demanda de fidalguía remitida ao concello de Dubra avalada polos RR.CC datada no 8 de novembro de 1491 no Real de la Vega de Granada a nome de Rodrigo Louzán. Por un documento existente en GMH sabemos que era Rodrigo Louzán de Vilas, por ser os seus ancestros procedentes do lugar de Vilas en Brión.

Tamén sabemos que o morgado de Cristovo Colón inclúe unha disposición testamentaria onde otorga o 10% dos beneficios das Indias aos seus parentes máis próximos. No mesmo senso os RR.CC proporcionan aos familiares de Colón unha casa e solar no lugar de Campañón ou Compañón en San Fins de Freixeiro (Santa Comba), despois coñecido como o Reguengo. Cos cartos da herdanza colombina os Louzán de Vilas, agora fidalgos, compraron para os seus descendentes a quinta de Fafia, Vilar de Gómez nos documentos (ACS) (Ahus), e a quinta do Terroal, Vilar de Andrade nos documentos (ACS) (Ahus), sitas nos dous ramais da Vía Céltica ao seu paso pola parroquia de San Fins de Freixeiro, concello de Santa Comba, arciprestado de Dubra. Coa venda da quinta de Fafia os Gomes de Riobóo reedificaron a torre medieval do Allo e a converteron no primerio pazo de Galicia e coa venda da quinta do Terroal os Romero de Moscoso reedificaron as Torres de Mens en Malpica. Deste xeito os Gomes de Riobóo e os Romero de Moscoso pasaron a formar parte da familia.

Á quinta do Terroal ou casal dos Pomboleiros, como é coñecido vulgarmente e que inclúe un pequeno castro nos seus lindes chamado o Castropombo, foise a vivir María de Compañón ou Campañón, nai de Xoán Neto de Compañón (ACS), alias Xoán Pombo, que casaría para o lugar de Malvares, e de Martín alias Pombo que marcharía para Razo-Sorrizo. Xoán Neto de Compañón casado con Mariña Guardado, era cuñado de María de Nariño, irmá de Xoán de Nariño (ACS) que veu de criado a traballar na casa dos Gomes de Riobóo de Malvares. Pola outra banda Martín Pombo sería a orixe do clan familiar dos Pombo de Razo e Sorrizo que a comezos do século XVIII emigrarían cara o virreinato da Nova Granada e onde Manuel de Pombo e o seu sobriño Miguel de Pombo Pombo encabezaron e firmaron a acta de independencia da República da Gran Colombia e cuxo primer presidente sería curiosamente tamén Antonio de Nariño. Deste xeito os dereitos sobre a Terra Firme que se lle negaron a os parentes ilustres de Colón (os Toledo) conseguíronos os parentes "aldeanos" de Cristovo Colón.

Simultaneamente continuaría prologándose no tempo a entente entre os Gomes de Riobóo-García Pardiñas Vilardefrancos e os Pombo coa súa política de venda de propiedades nos lugares de Razo, Buño e Sorrizo, de tal xeito que os Pombo se converterían en señores do pazo de Vernes en Razo así como señores do pazo de Gondreo na finca Galea en Sorrizo, xunto ao pazo das Covadas, propiedade de Pedro Gomes de Riobóo, como se pode comprobar nun documento de 1642 a nome de Xoán Pombo existente no ARG. Os Pombo compraban propiedades e cos cartos os Gomes de Riobóo e os García Vilardefrancos reedificaban suntuosos pazos como o de Vilardefrancos ou o de Pallas en Carballo ou o devandito das Covadas en Sorrizo que teñen nos seus escudos un pendón co cáliz símbolo de Galicia.

A quinta de Fafia tamén incluía un pequeniño núcleo rural nos seus lindes chamado O Pombal e nun documento existente no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS) pódese comprobar que nela residían pola volta do século XVIII Ana e María Louzán.  Tamén nun documento existente no Ahus e datado no ano 1617, Xoán Neto de Malvares (alias Xoán Pombo) cedía o uso dos montes de Fafia a Francisco de Figueroa. Ao mesmo tempo o casal orixinario do Reguengo-Compañón, entre Suevos e Ser, convertiríase co paso do tempo no emprazamento onde os García de Figueroa e os Vilas acabaron exercendo o seu oficio de escribáns de número da xurisdición de Xallas, moi preto da aldea de Vilarnovo onde os Louzán enlearan ao comezo desta xenealoxía, pola volta do século XV, cos Palmeiro e cos Pacheco, apelidos de suposta  orixe sefardita, pero desto xa hai menor constancia pola súa distancia no tempo.


Fontes: Ahus, ARG, AHDS, ACS, GMH
 
 
 

 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto. O tempo non é un instante é un ancho de banda.
 
 
 
 
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario