lunes, 27 de mayo de 2024

The mummers, as mascaradas de inverno nas illas británicas

 

 
Na localidade de Padstow en Cornualles consérvase unha tradición chamada Darkie Day ou Mummer's Day. É unha celebración tradicional que acontece ou ten lugar no Boxing Day (26 de decembro) ou ben no día de Aninovo. Consiste en disfrazarse ou vestirse con farrapos e coas caras pintadas de negro ou usando máscaras e participando nunha especie de danza de disfraces con música. Era unha forma de festexar o solsticio de inverno.
 




Tamén en Irlanda festéxanse os chamados "mummers", sobre todo na metade norte do país, no Ulster e no condado de Leitrim, e tamén nalgunhas partes do leste do país como o condado de Fingal. Os mummers irlandeses vestíanse con traxes e máscaras feitos de palla e cos rostros ocultos, traxes farrapentos e un pao na man, os mummers ían de casa en casa con cantos, rimas, bailes e música, pedindo comida e bebida pero sobre todo aterrando á xente nas súas casas. Sen previo aviso os mummers entraban nunha casa e pedían actuar. Algúns veciños dábanlle unha calorosa benvida mais outros botábanos fóra de mala maneira por aterrar aos seus fillos e eles ameazaban con roubar os animais do dono da casa e arrastralo cara o inframundo dos mortos, pois eles eran os espíritos do inverno. Tamén facían unha pequena representación teatral que simbolizaba a loita do ben contra o mal mediante diferentes personaxes de heroes irlandeses como San Patricio, King George ou figuras diabólicas como Belzebú, Oliver Cromwell ou o Cabaleiro Turco. A representación consistía nunha pelexa a morte e que remataría en sangue entre dous destes personaxes, un representaba o ben e outro representaba o mal. Entón chega o personaxe do médico ou curandeiro que resucita e revive  o personaxe morto, simbolizando o renacer da natureza cada ano despois do inverno.
 

 

 
As representacións de mummers en Inglaterra consisten en grupos de homes disfrazados que fan unha pequena representación teatral. Disfrazados visitaban casa por casa pedindo cartos ó cambio. A temática da representación normalmente consistía nunha loita, sendo o perdedor revivido polo personaxe do médico. Nalgúns festexos tamén ían acompañados dunha danza de espadas. Por norma xeral os chamados "Mummer's Play" tiñan lugar durante o ciclo de Nadal, tamén en Pascua ou no Plogh Monday e máis raramente en Halloween ou na festividade das almas difuntas. Compasados con rimas, os personaxes principais eran un heroe (San Jorge, Robin Hood ou Galoshin en Escocia) e o seu principal oponente, o Cabaleiro Turco ou Belzebú. En Escocia os festexos dos mummers coincidía co Hogmanay e os personaxes principais eran chamados Galoshins. En Gales, nestas datas, sacaban un cabalo branco chamado Mari Lwyd.



A festividade dos mummers nas illas británicas ten paralelismos cos mamuthones na illa de Sardeña durante a festa de carnaval da Mamoiada. Representan figuras infernais do inframundo que desfilan polas rúas simbolizando os espíritos do mal que dan paso ao bo tempo da primavera e propician boas colleitas. Vestían máscaras de madeira negra con pelicas de ovella negra e chocas de diferentes tamaños no lombo.


Tamén en Rusia había mascaradas de inverno chamadas Maslenitsa. En Letonia estes festexos chámanse Metenis ou Metei. O Metei é unha antiga festa de benvida da primavera e a morte do inverno. Metenis ou Metei celebrábase no mes de febreiro ou principios de marzo. Durante o Metei letón a xente bebe e come todo o que lle da a gana. Canto máis tempo se celebraba o Metei mellor eran as colleitas no tempo de verán. Para despedir o inverno queimábase unha serpe alegórica ou un dragón, tamén monecos de palla ou troncos cuxas cinzas eran espalladas polas leiras para que o novo ano fora frutífero.









lunes, 29 de enero de 2024

O entruido do burro

 

Nas partes máis suevas de Galicia, no interior da provincia da Coruña, tamén existía un pequeno entroido, moito máis sobrio e nin tan vistoso e nin tan coñecido como o entroido das provincias interiores de Galicia de raíces ancestrais máis fondas, acaso de orixe paleolítica.
Mais nas parroquias de Castrís, Grixoa de Esternande, Padreiro e Bazar, no concello de Santa Comba, e tamén nalgunhas partes do Coristanco, áreas nas que pervive na actualidade unha fonda influencia sueva, celebrábase nestas datas un entroido moi curioso onde o protagonista era un burro, o chamado Entroido do Burro. Tamén na próxima aldea de Malvares durante o entroido "botábase o burro" e os rapaces gastaban bromas os uns ós outros e tinxábanse a cara e as mulleres vestíanse de homes e facían carreiras de sacos.
No caso particular da parroquia de Castrís estase a intentar recuperar este peculiar entroido da man de Jorge Castelo Mourelle. O entroido do burro nesta parroquia xalleira consistía en sacar a pasear polas casas un burro, dúas persoas disfrazadas de burro, acompañado por unha vella e un cura. Entón o burro morre e a vella laiase con forza para a continuación o burro ser resucitado polo crego mediante a recitación dunha divertida e satírica letanía en latín e en galego macarrónico. Acto seguido os homes disfrazados de mulleres e as mulleres disfrazadas de homes bailaban xuntos unha jota.
Tamén en Vedra sacábase o burro durante o entroido e colocábanse burros de palla ás portas das casas con coplas satíricas e tamén en Santiago de Compostela, durante o entroido, ao burro enviábanselle xocosas cartas de amor.
O martes de entroido en Abelleira de Arriba, en Muros, sacaban un burro e levábano a Bornalle onde o queimaban para escarnio e burla dos veciños dese lugar. Na comarca de Bergantiños, en Oza, existía o costume de mandar polo entroido "burros" con mensaxes satíricas a modo de mofa ó resto dos veciños. 
 

Entroido de Abelleira, Muros

 
Curiosamente ou dase a casualidade que na cidade xermana de Villingen-Schwenningen, pertencente a rexión histórica da Swabian alemana, a rexión dos suabos alemáns do sur de Alemaña a onde emigraron os suevos terrestres e ficaron alí por non cruzar as montañas, durante estas datas tamén celebran o seu particular entroido do burro. Unha das figuras principais do seu entroido é un burro chamado Butzesel onde unha persoa vai vestida con roupas vellas e farrapos de cores e leva posta unha máscara de burro e unha póla de abeto entre as pernas, pola contra os coidadores do burro e os que chuzan nel son os Tribernn ou Stachi coas súas longas varas de madeira, eles son os encargados de guiar o burro polas casas pedindo bebida e mais comida e o burro sinte especial predilección polas salchichas e os chourizos dos carniceiros.
 
 

Tamén na provincia de León era moi común sacar a pasear un burro durante o entroido, é o caso das burras do antruejo de Tremor de Arriba. O burro tamén é un personaxe importante no entrudo zamorano de Lubián e no Toro de Morales de Valverde na mesma provincia. Pero é nunha zona illada e baixo a influencia do reino suevo onde mellor se conservou a tradición viva do burro do entroido. Así na comarca das Hurdes temos o burru antrueju onde un home disfrazado de burro pasea co seu dono polas rúas da aldea. Ó chegar á praza da vila o dono pégalle un garrotazo na cacerola chea de viño que cobre a cabeza do burro e o burro morre. Acto seguido os veciños choran de xeito desconsolado ata que chega un "veterinario" que resucita o burro. Moi semellante ao burro de Castrís.
 
 
 
 
Toro de Morales de Valverde

 
Burras de Tremor de Arriba

 


En Portugal, en liña co entroido do burro de Vedra e Santiago de Compostela, no Vale do Souto, dentro das actividades do entrudo portugués é moi típica a tradición da chamada divisão do burro onde os rapaces escriben coplas ás raparigas que despois son recitadas en alto trala morte do burro.
O burro préstase á farsa e o escarnio razón pola que se lle atribúe o momento apoteótico do carnaval coa lectura do famoso testamento do burro que representa o xuízo e a morte do entroido e onde se fai unha crítica social que se pronuncia o martes de entroido na comarca de Laza.
Xa para rematar, na zona de influencia do reino suevo nas Américas, en Colombia, en Barranquilla, tamén teñen o seu peculiar entroido do burro. É o chamado burro Corcoveón, figura principal dos carnavais de Barranquilla e onde unha ou varias persoas disfrazadas de burro parodian as andanzas dun animal indómito que intenta amansar o seu dono que, pola contra, é constantemente revolcado, pateado e mordido polo animal.



 
Burro Corcoveón

 
 

martes, 16 de enero de 2024

Wren day ou St Stephen's day

 
 

O día de San Estebo, o 26 de decembro, marca o inicio das mascaradas de inverno e do entroido do ano novo nas rexións celtas da Europa atlántica, é o famoso St Stephen's day ou Wren day irlandés, día sinalado e de festa na Irlanda que marca o inicio do novo ano, do entroido e das mascaradas de inverno no mundo celta. San Esteban era o santo cristián dos celtas que simbolizaba a resurrección por iso a súa festividade coincide co solsticio de inverno, cando o sol comeza a medrar. O Sant'Estevo era o día de Nadal para os celtas, representa o comezo do novo ano e é símbolo de resurrección.
Durante o Wren day ou día do carrizo os rapaces novos das aldeas dos condados máis occidentais de Irlanda cazaban un carrizo, un pequeno paxariño pardento cun estridente canto, coñecido como paxaro do demo ou dreoilín en gaélico que quere dicir paxaro dos druídas pola súa manía de cantar durante o inverno e durante a escuridade do día e é por esta mesma razón que tamén é chamado o paxaro chacarrandeiro ou lareteiro que, segundo a tradición irlandesa, abortou unha emboscada dos irlandeses a unha tropa de soldados ingleses, e é tamén por esta razón pola que se lle da caza e morte o día de Sant Estebo.
Os rapaces ataban o carrizo morto a un feixe de polas de acivro, varas longas rematadas con acivro, e disfrazados con máscaras de palla ou con vexetación e roupa vella e colorida ían pedindo polas casas comida e bebida e cantando a cambio de cartos e donacións:
  
"marchaban por la ciudad vestidos con ropas viejas de la época y con el rostro ennegrecido, portando acebo y con un reyezuelo muerto ensartado en lo alto de un poste"  "llamando de casa en casa, y si te llaman asegúrate de tener pasteles de carne calientes y vino caliente a mano, es posible que después los chicos te ofrezcan una interpretación de The Wren Song"
 
No Santestebo de Malvares en Val do Dubra todavía se conserva a tradición de ofrecer varas de acivro ó santo o día 26 de decembro como lembranza, segundo a tradición, dunha devastadora epidemia de peste que afectou ó gando en tempos pasados e tamén como ofrenda para protexer ó gando de futuras pestes no ano novo que comeza. 
Segundo o dicionario dos Seres Míticos Galegos da editorial Xerais, a lenda referente ao carrizo di que este paxaro quedou anano porque delatou á Sagrada Familia na súa fuxida do rei Herodes e o neno Xesús botoulle esa maldición en contrapartida. Como paxaro dos druídas a tradición popular galega, recollida no lugar de Grixoa de Esternande, atribúelle ao carrizo o poder de curar as envidias e o mal de ollo e se os nenos comían os ovos deste paxaro no monte podían quedar ananos coma el.
 
 

 

 
 
 
 

jueves, 16 de noviembre de 2023

Os Nariño, de criados dos Gomes de Riobóo de Malvares a presidente da república da Gran Colombia



No fondo documental do Arquivo da catedral de Santiago de Compostela (ACS) pódese consultar un documento de arrendamento de Bartolomé Giráldez de Caamaño, veciño da cidade de Santiago, notario, a favor de Juan de Nariño, labrador e veciño de San Vicente de Rial, do lugar de Malvares, situado na devandita freguesía, por nove anos e en prezo anual de 52 ferrados de trigo e mais dúas galiñas.
Por outra banda, no Arquivo Histórico Diocesano de San Martín Pinario, tamén en Santiago de Compostela, consta a partida de defunción de Don Jacinto Gómez de Riobóo e Villardefrancos, casado con Dominga García y de Vila e fillo de Lorenzo Gómez de Riobóo e Villardefrancos (1595-1684), e veciño de Malvares en San Vicente de Rial. Segundo a antedita acta foi soterrado na igrexa parroquial de Rial, de onde era fregués, o 18 de marzo de 1718 tal e como quedou reflexado no libro de defuntos dos anos 1648-1759 que se atopa no arquivo de San Martín Pinario. Tamén consta a data de morte do seu criado que se chamaba Domingo de Nariño e que morreu o 17 de xaneiro de 1700 e foi soterrado no adro da igrexa de Rial, e que supoñemos era fillo do anterior Juan de Nariño. Na'ar é unha palabra hebrea que significa "mozo", "criado".
Conforme a reconstrución hipotética da árbore xenealóxica dos Nariño de Malvares que acompaña a esta publicación, sempre susceptíbel de melloras e cambios, Juan Nariño Domínguez sería fillo deste Domingo de Nariño, criado que traballaba para os Gómez de Riobóo en Malvares. Juan Nariño Domínguez viría sendo o pai de José Vicente de Nariño y Vázquez e avó do célebre Antonio Nariño y Álvarez del Casal, o primeiro presidente da república da Gran Colombia e autor, dende a súa loxa masónica "Arcano da Filantropía" da primeira tradución ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución francesa, feito polo que foi duramente perseguido e reprendido polas autoridades realistas do gobernador do virreinato da Nova Granada.

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto

 

 

 

As torres do Allo en Zas, a torre medieval que se converteu en pazo cos cartos do clan familiar de Cristovo Colón



Neste senso a familia Gomes de Riobóo e o clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro estableceron unha relación de interese mutuo ou constituíron unha simbiose estratéxica e económica que permitiu a ampliación e reforma a prol dunha notoria maxestosidade do famoso pazo das Torres do Allo situado no concello de Zas, o primeiro pazo existente en Galicia e comezado a construír como torre medieval no século XV.
A historia oficial ou o conto oficial relata que a Torre Nueba do pazo das Torres do Allo foi edificada entre os anos 1669 e 1685. Era unha réplica da torre norte ou Torre Viexa que buscaba conformar un conxunto edificatorio volumétricamente simétrico e equilibrado. O coste da reforma elevouse ata os 2000 ducados. Segundo o devandito relato a torre sur ou Torre Nueba foi ordenada construír por Gomes de Riobóo y Seixas ó experimentar unha considerábel melloría na súa posición social e económica tralo casamento do seu pai, Antonio Gomes de Riobóo, con María das Seixas, herdeira da casa de Cabanas: "Gracias a este resurgir económico, Antonio de Riobóo inició la restauración de la torre norte, que culminaría su hijo con la construcción de la segunda torre y el edificio central".
Mais isto non é de todo certo e agora sabemos que a principal fonte de liquidez monetaria dos Gomes de Riobóo que lle permitiu ampliar e reformar tódolos seus pazos e casas solariegas na Costa da Morte e comarca de Bergantiños ten a súa orixe na entente ou simbiose dos Gomes de Riobóo co clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro, co subsecuente traslado de habitación de Lorenzo Gómez de Riobóo, segundo fillo varón de Gómez de Riobóo y Villardefrancos (O Mozo), dende as Torres do Allo ata o lugar de Malvares en San Vicente de Rial. Os Pombo tiñan cartos e devecían por ascender socialmente e os Riobóo tiñan amplas extensións de terra froito do seu pasado feudal como grandes terratenentes, sobre todo en Razo e en Sorrizo, casualmente por onde discorre o trazado da famosa vía xx per loca marítima e onde os Gomes de Riobóo levantaron na Idade Media para o seu control a torre da Penela en Cabana de Bergantiños, a torre de Nogueiras no Coristanco e a torre de Pardiñas en Razo.
Neste senso e como exemplo do anterior é o caso da finca Galea en Sorrizo. No Arquivo do Reino de Galicia (ARG) existe un documento datado no ano 1642 dun litixio de Pedro del Barrio con Juan Pombo polo monte de Fonte Galea e Pedra Picada en Sorrizo na costa de Arteixo. A finca Galea en Sorrizo era unha grande extensión de terra onde o clan dos Pombo construíron o pazo de Gondreo, deixando unha pequena parcela anexa o seu carón onde, e cos cartos da operación de venta, don Pedro Gomes de Riobóo e Villardefrancos irmán de Lorenzo Gómez de Riobóo levantou o pazo das Covadas. O mesmo ocorre na próxima parroquia de San Martiño de Razo, onde os Gomes de Riobóo eran señores feudais da torre de Pardiñas e posuidores de numerosas propiedades. Nesta freguesía e na adxacente de San Estevo de Buño os Gomes de Riobóo venderon aos Pombo, ávidos de ascenso social, numerosas casas e pazos en Vilar de Cidre, en Vernes e no mesmo lugar de Razo da Costa. 

 

 

A simbiose dos Gomes de Riobóo de Malvares co clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro permitiulles a uns e a outros prosperar económicamente e ampliar e reformar os seus pazos e casas solariegas como o pazo das Torres do Allo en Zas, o pazo de Sergude en Ponteceso, o pazo de Vilardefrancos en Sofán ou o pazo de Pallas en Artes. Tamén levouse a cabo a construción da capela de San Pedro do Allo agregada á parroquia local no ano 1607, data que coincide casualmente co remate da ampliación da capela de Santo Estevo de Malvares (romería o 3 de agosto) rematada no ano 1607 e que se atribúe tamén aos Gomes de Riobóo.


© Marcos Castro Vilas, arquitecto.




martes, 24 de octubre de 2023

Grandimirum, a gándara dos xefes



-Mir ou -mil é un sufixo xermánico de orixe indoeuropea que significa "destacado" ou "sobresaínte", deste sufixo derivan palabras coma "emir" ou "almirante" ou mesmo a casa de Altamira, señores do condado de Trastámara. Tamén a voz inglesa "more" ou "meer" en alemán co significado de "máis", ou "maire" "mairie" en francés co significado de "alcalde" ou "alcaldía", e "meiro" en galego co significado de "maior". "Mor" é grande en gaélico escocés, "mawr" é grande en galés e "maha" é grande, poderoso e forte en sanscrito. Neste senso para un mesmo significado temos dúas variantes ou alternativas, por un lado "destacado" significa "grande" e por outra banda "destacado" significa "xefe" ou "poder".
A cadea montañosa do Cáucaso amais de ser unha barreira natural tamén constitúe unha costura que permite a mestura e a permeabilidade cultural entre dous mundos antagónicos como son o norte e o sur e deste xeito existen moitas palabras indoeuropeas que regan ou son compartidas polas linguas árabes e semíticas, é o caso da palabra burg que significa "torre" en lingua árabe e que deriva da voz indoeuropea brig, do mesmo xeito tamén temos a palabra emir que significa "xefe" en árabe e que deriva dunha raíz europea mir co significado que explicamos con anterioridade.
Por outra banda temos gándara ou granda, unha palabra de orixe prerromana que define as chairas de erosión de escaso valor agrícola e de vexetación baixa e pobre existente entre as montañas, unha gándara sería unha penichaira ou charneca en portugués. A localización dos campos de mámoas segundo Florentino López Cuevillas responde ao seguinte esquema: "se encuentran con preferencia muy acusada las mámoas en lugares no aprovechados por la agricultura, tales como las gándaras o las llamadas terminales de las montañas o sierras...la mayoría de las necrópolis se hallan emplazadas en llanos altos o en gándaras...las mámoas que se ven con mucha más frecuencia en las planicies terminales que en las laderas".
Xa que logo ou daquela, o Grandimirum romano, a mansio romana da famosa vía xx per loca marítima do itinerario de Antonino, que uns sitúan en Brandomil e outros situamos con máis acerto no lugar do Hospital en Xallas de Castrís, sería a gándara por excelencia ou a terra dos xefes, unha meseta entre montañas onde se atopaba o mítico monte Medulio das crónicas de Tito Livo e que chegaron a nós a través dos textos de Floro e Orosio. Os famosos montes de Moscoso, mons Coso, referenciados no catastro de Ensenada como os montes de Portochán, que estremaban ó sur coa parroquia de San Martiño de Cousieiro no Val do Dubra e ó norte coa parroquia de San Miguel de Couso no Coristanco. A casa nobiliaria dos Moscoso era unha das liñaxes máis importantes da Galicia medieval herdeira do poder dos Trava, como señores do condado de Trastámara, e tiveron a súa continuidade na casa nobre de Altamira, da raíz -mir (xefe) e do latín altus (outeiro, altozano), a máis intitulada das casas nobiliarias de Galicia e de España con 9 ducados.



Distribución do apelido Mouro


"mawr" é unha palabra galesa que significa "grande" "forte" "poderoso", tamén en gaélico escocés, unha lingua céltica anterior ás invasións bárbaras dos pobos xermánicos, dise "mor".
 
A mesma etimoloxía redundante e residual atopámola nese mesmo lugar no nome do río Mira e na parroquia xalleira de Baçar que se localizan precisamente no corazón da gándara de Grandimirum. O topónimo de Baçar está relacionado co termo éuscara "buruzagi" ou "buzari" e co termo húngaro "vezet", co significado de "líder" "guiar" ou "gran xefe". Coa mesma raíz temos a palabra inglesa "boss", co significado de xefe e procedente do antigo alemán "baas" e do protoxermánico "baswo", co significado de mestre. Tamén en lingua árabe "basha" significa "gran xefe" igual que a voz turca "pasha" e de onde vén a palabra "bajá". En proto-turco, turco, turcomano, azerí, karajaní, persa-khalaj ou tartar de Crimea, o termo "bash" fai referencia a "cabeza" ou "liderado". Polo que o topónimo Baçar co significado de "gran xefe" ben pode ser, cando menos, un nome de orixe xermana ou árabe para designar unha zona de moito poder político.

 


© Marcos Castro Vilas, arquitecto



Malvares, Paleolítico e Neolítico

Os montes recios de Boiro, montes de Malvares, de uces e queirogas, son unha pequena Escocia ou Cumbria galega. A paisaxe máis meridional de xeos perpetuos da última glaciación durante o Paleolítico, de cando os glaciares cubrían practicamente a totalidade de Irlanda e Reino Unido.

 

 




 

Lake District, Cumbria

 


 



E a paisaxe de Malvares durante o neolítico; asentamento dos primeiros agricultores e gandeiros, construtores no gandarón de mámoas e medorras, en cor vermella;





A pitueira do castro na Idade do Ferro, lugar de enterramento das cinzas dos defuntos,

  


 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto