Pola data, 8 de novembro de 1491, coincide no tempo coa presenza de frei Juan Pérez na vila de Santafé de la Vega de Granada como representante e valedor de Cristovo Colón perante os Reis Católicos.
Resulta cando menos curioso que o "único" documento existente no Arquivo de Simancas relacionado co coto ou concejo de Dubra faga referencia a esa data concreta, 1491, e a ese lugar concreto, Santafé de la Vega de Granada, durante o asedio militar á devandita cidade e coincidente no tempo de cando Cristovo Colón tentaba negociar as súas famosas capitulacións do Descubrimento e pasar á Historia como o famoso Don Cristovo Colón descubridor de América.
A demanda do status de liberdade e fidalguía datada no oito de novembro de 1491 está a nome dun misterioso Ruy Lozano ou Lonzano empadroado no concejo de Dubra. Obter o rango de fidalgo era unha condición ou requerimento indispensábel para acadar o tratamento honorífico de Don.
O apelido Lozano é moi infrecuente en Galicia, o máis probable é que se trate dunha castelanización do sobrenome ou apelido galego Louzán presente nos concellos de Val do Dubra e A Baña dentro do proceso de castelanización da antroponimia galega levada a cabo polos Reis Católicos a partir do século xv. Polo tanto Ruy Lozano sería Rodrigo Louzán. O apelido Lozano é un sobrenome de ilustre avoengo en Castela asociado coa Reconquista polo que é moi frecuente na nobreza e nos cargos públicos do reino. A súa castelanización era unha boa estratexia para conseguir a tan cobizada fidalguía e o título de Don, requisito indispensábel para ser nomeado Virrei e Gobernador das novas terras descubertas e a descubrir.
O documento referido de demanda de fidalguía leva o exclusivo Selo de Corte Real, cando o normal era que estes asuntos ou cuestións se resolvesen na Real Chancillería de Valladolid despois dun proceso longo no tempo e con testemuñas. Tamén, por se alguén quere seguir investigando ou tirando do fío, dicir que no Arquivo Nacional de Portugal de Torre do Tombo consérvanse catro documentos ou contratos de arrendamento dunha casa coa súa viña no lugar da Ermida de Sao Pedro da Amoreira datados entre 1490 e 1493 a nome dun tal Rodrigo Louçao, que o sitúan na localidade de Torres Vedras, lugar de onde eran orixinarios os Perestrelo de Portugal e onde tiñan o seu panteón familiar. De feito Manuel Perestrelo, descendente de Bartolomeo Perestrelo primer capitán da illa de Porto Santo, instituiu o morgado na Quinta da Ermigeira que coincide segundo o Cadastro de Portugal coa viña da Ermida de Sao Pedro da Amoreira. Os descendentes de Rafael Perestrelo, irmán de Bartolomeo Perestrelo tiñan o seu morgado na coñecida Quinta do Hespanhol. Resulta cando menos curioso que algo tan infrecuente coma un suposto fidalgo dubrés cun tamén infrecuente ou escaso apelido Louzán estea, pola contra, tan presente na vida e no periplo vital coñecido de Cristóbal Colón.
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
No hay comentarios:
Publicar un comentario