viernes, 13 de abril de 2018

O outro camiño inglés





Oficialmente considérase o camiño inglés como a ruta que procede da Coruña, de Ferrol e de Betanzos, e diríxese a Santiago de Compostela a través de Ordes e da ponte de Sigüeiro. Pero esta ruta ten un irmán xemelgo, moi pouco coñecido, e que atesoura un patrimonio cultural considerable ou moi importante. É o outro camiño inglés e quizais o verdadeiro. Unha ruta paralela, un antigo camiño real, que unía a Coruña con Santiago a través das terras de Tordoia, pasando por San Xulián de Cabaleiros onde existía unha pousada viaria de orixe templaria, e cruzando o río Tambre pola ponte Albar, a ponte branca, sagrada e principal  fronte a ponte de Portomouro, a escura, a pagán, a antiga, pertencente a vía XX per loca marítima, e fronte a ponte de Sigüeiro, o seguinte ou secundario.
Este camiño medieval entraba en Santiago de Compostela polo barrio de Vista Alegre, quizais a panorámica máis fermosa da cidade do Apóstol, pois a súa perspectiva lateral permite comprender mellor a proxección occidental do conxunto arquitectónico que se deixa  caer pola aba cara o ocaso. 
Este outro camiño inglés, esquecido e moi pouco promocionado e valorado polos organismos oficiais, aproveitaba o antigo camiño real que unía Santiago coa Laracha e a Coruña a través das terras de Tordoia e Trazo, pertencentes ó señorío de Montaos. É un camiño medieval de peregrinación que atesoura un bastísimo patrimonio arquitectónico e cultural: 

Iníciase no porto da cidade da Coruña para dirixirse a continuación ó concello de Arteixo, cuxo patrón maior é casualmente Santiago. Destaca neste itinerario o famoso santuario da Pastoriza, a igrexa románica do século XII de San Tirso de Oseiro, a ponte romana dos Brozos, vestixio do trazado da famosa vía XX per loca marítima. Tamén no concello de Arteixo, seguindo o trazado dunha antiga brea, destacan as igrexas románicas de Santaia de Chamín e Santo Tomé de Monteagudo e o Hospital de Sorrizo. Tamén a igrexa románica de Lañas.

Xa no concello da Laracha, sobresaen os restos das Torres de Cillobre, antiga fortaleza de Gómez Pérez das Mariñas, señor de Bergantiños, e a igrexa de Santiago de Vilaño. A capela de Santa Margarida coa súa fonte milagreira na parroquia de Montemaior e os restos da torre do Viso, tamén na parroquia larachesa de Montemaior.

O trazado do camiño inglés polo concello de Tordoia permite descubrir o fermoso e rotundo dolmen de Cabaleiros, orientado cara o raiante e pertencente a parroquia de San Xulián de Cabaleiros. San Xulián o Hospitalario era o axudante de tódolos camiñantes e peregrinos, era o patrón dos camiños e un dos principais santos do santoral templario. É de supoñer que neste lugar intermedio do traxecto existiu, ó igual que en Ordes, un albergue ou unha antiga encomenda templaria para axudar ós peregrinos. Segundo Elisa Ferreira Priegue, hai mención dun hospital de peregrinos en 1499 no lugar de San Xulián de Cabaleiros.

O camiño xacobeo entra no concello de Trazo pola "Corredoira da guerra", onde tamén se lle chama "O Francés". Na  súa beira, e no mesmo concello de Trazo, atopábase o desaparecido castelo de Lestrobe, a fortaleza principal do estado de Montaos, pertencente a liñaxe dos Bermúdez de Castro. Atravesa o río Tambre pola ponte Albar, que como dixemos con anterioridade fai alusión ó seu carácter puro e sagrado. A continuación chegamos ó santuario da Virxe da Peregrina, xa no concello de Santiago, un fermoso templo de estilo barroco clasicista. Para rematar o percorrido, atravesamos o río Sarela pola ponte do Romaño e entramos en Santiago polo barrio de Vista Alegre, sen lugar a dúbidas a vista máis espectacular do conxunto arquitectónico de Santiago de Compostela.

Outro trazado interesante a recuperar é o da vía XX per loca marítima, dentro do Camiño Fisterra-Muxía-Ponteceso. En Castrís existiu un pequeno hospital que se conserva na toponimia. Peregrinar a Dombate tamén é unha maneira de render tributo a catedral de Santiago de Compostela e ó máis alá.  







Taqueado jaqués ou axedrezado, típico dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela:
 

 Camiño de Tordoia-Igrexas de Chamín, Xavestre e Benza


Camiño de Castrís-Igrexas de Mens, Freixeiro e Paramos





© Marcos Castro Vilas, arquitecto





No hay comentarios:

Publicar un comentario