lunes, 21 de marzo de 2022

O caso do misterioso dubrés que se presentou no ano 1491 no campamento militar de Santafé de Granada perante os Reis Católicos reclamando a súa fidalguía.




Segundo un documento atopado no Arquivo de Simancas e datado no 8 de novembro de 1491 na vila de Santafé de la Vega de Granada:
 
"Don Fernando e dona Ysabel a vos el conçejo, alcaldes e regidores e ofiziales e omes buenos del coto de Dubra, salud e grasia. Sepades que Ruy Loçano vesino del dicho cotto nos hizo relaçion por su petiçion que ante nos en el nuestro consejo presento disiendo que son onbres hijodalgo..." (Transcripción cortesía de Roberto Reigosa Méndez, Historiador da arte, competencia en paleografía e diplomática, estudos en codicoloxía e análise do documento). 



Pola data, 8 de novembro de 1491, coincide no tempo coa presenza de frei Juan Pérez na vila de Santafé de la Vega de Granada como representante e valedor de Cristovo Colón perante os Reis Católicos.

A comezos de outubro do ano 1491, Cristovo Colón trasládase por segunda vez ao mosteiro franciscano de Santa María de La Rábida en Huelva baixo a protección ou amparo de frei Juan Pérez, monxe franciscano confesor da raíña Isabel e intercesor  entre esta e Cristovo Colón. No decurso desta función, aos catorce días recibe unha carta de contestación da raíña Isabel reclamándolle a súa presenza no devandito campamento militar de Santafé de Granada como representante e valedor dos intereses de Cristovo Colón ante a Corte, algo que sucede curiosamente a comezos de novembro de 1491 tras unha viaxe en mula de 15 días dende Huelva ata Granada.

Resulta cando menos curioso que o "único" documento existente no Arquivo de Simancas relacionado co coto ou concejo de Dubra faga referencia a esa data concreta, 1491, e a ese lugar concreto, Santafé de la Vega de Granada, durante o asedio militar á devandita cidade e coincidente no tempo de cando Cristovo Colón tentaba negociar as súas famosas capitulacións do Descubrimento e pasar á Historia como o famoso Don Cristovo Colón descubridor de América.

A demanda do status de liberdade e fidalguía datada no oito de novembro de 1491 está a nome dun misterioso Ruy Lozano ou Lonzano empadroado no concejo de Dubra. Obter o rango de fidalgo era unha condición ou requerimento indispensábel para acadar o tratamento honorífico de Don.

O apelido Lozano é moi infrecuente en Galicia, o máis probable é que se trate dunha castelanización do sobrenome ou apelido galego Louzán presente nos concellos de Val do Dubra e A Baña dentro do proceso de castelanización da antroponimia galega levada a cabo polos Reis Católicos a partir do século xv. Polo tanto Ruy Lozano sería Rodrigo Louzán. O apelido Lozano é un sobrenome de ilustre avoengo en Castela asociado coa Reconquista polo que é moi frecuente na nobreza e nos cargos públicos do reino. A súa castelanización era unha boa estratexia para conseguir a tan cobizada fidalguía e o título de Don, requisito indispensábel para ser nomeado Virrei e Gobernador das novas terras descubertas e a descubrir.

 

 


 



Confluencia dos apelidos Louzán, Vilas, Pombo e Nariño pola volta de 1760

O documento referido de demanda de fidalguía leva o exclusivo Selo de Corte Real, cando o normal era que estes asuntos ou cuestións se resolvesen na Real Chancillería de Valladolid despois dun proceso longo no tempo e con testemuñas. Tamén, por se alguén quere seguir investigando ou tirando do fío, dicir que no Arquivo Nacional de Portugal de Torre do Tombo consérvanse catro documentos ou contratos de arrendamento dunha casa coa súa viña no lugar da Ermida de Sao Pedro da Amoreira datados entre 1490 e 1493 a nome dun tal Rodrigo Louçao, que o sitúan na localidade de Torres Vedras, lugar de onde eran orixinarios os Perestrelo de Portugal e onde tiñan o seu panteón familiar. De feito Manuel Perestrelo, descendente de Bartolomeo Perestrelo primer capitán da illa de Porto Santo, instituiu o morgado na Quinta da Ermigeira que coincide segundo o Cadastro de Portugal coa viña da Ermida de Sao Pedro da Amoreira. Os descendentes de Rafael Perestrelo, irmán de Bartolomeo Perestrelo tiñan o seu morgado na coñecida Quinta do Hespanhol. Resulta cando menos curioso que algo tan infrecuente coma un suposto fidalgo dubrés cun tamén infrecuente ou escaso apelido Louzán estea, pola contra, tan presente na vida e no periplo vital coñecido de Cristóbal Colón.





© Marcos Castro Vilas, arquitecto


martes, 28 de diciembre de 2021

Colón ADN su verdadero origen

 

Tódolos aquí presentes temos unha ligazón común no tempo e no espazo

 


Winden nos seis meses de inverno e Macondo nos seis meses de verán





lunes, 13 de diciembre de 2021

Campamento romano de Firmistáns en Ames


Campamento romano de Firmistáns en Ames de 180 metros x 240 metros . Os campamentos romanos soen gardar unha relación de 4:3 ou 3:2 nas dimensións dos seus lados. O campamento romano de Firmistáns cumpre de maneira canónica a relación 4:3 (180 x 240).

 

Os mitos e as lendas, como salvagardas da memoria colectiva dun pobo, son unha forma velada de contar verdades eludindo responsabilidades legais, son algo así coma o polígrafo de conchita. No caso do mito da raíña Lupa que habitaba o castro Lupario tamén subxace unha verdade. O mito da raíña Lupa, recollido no códice Calixtino, agocha unha cartografía da conquista romana da Gallaecia indicando os movementos estratéxicos dos lexionarios romanos polo territorio noroccidental da provincia da Coruña, pero tamén é unha última oportunidade  para que a desconfiada raíña celta Lupa nos amose unha cartografía dos altares sagrados celtas e prerromanos máis importantes da contorna antes da súa máis que probable desaparición trala chegada, a imposición e a superposición dun novo lugar sagrado de culto e dunha nova relixión traída polos mesmos romanos, aínda que no relato, pola contra, os romanos preséntanse como inimigos e perseguidores do primeiro cristianismo e dos primeiros cristiáns e aliados dos celtas pagáns.

 

 

O mito da raíña Lupa recolle a lenda da translatio dos restos do apóstolo Santiago e a chegada do cristianismo a Galicia. No relato os discípulos do Apóstolo, que traían o seu corpo decapitado dende Palestina, pídenlle a raíña Lupa, aliada dos romanos e residente no castro Lupario e máxima autoridade da contorna de Santiago de Compostela, axuda e permiso para enterrar ao santo cristiá na zona. A desconfiada raíña celta Lupa, enviounos de primeiras ás terras do poderoso rei Dugium, en San Martiño de Duio en Fisterra. Unha importante vía romana comunicaba o reino de Duio co reino da raíña Lupa. Ao chegar a ese lugar o rei celta de Duio, temeroso das intencións dos novos forasteiros, ordena a súa detención e o seu encarceramento. Mais os discípulos conseguen escapar milagrosamente do cárcere e fuxen a través da ponte de Ons en Negreira. A ponte de Ons ou das Pías é protagonista fundamental nesta parte do relato. Cóntase nel, que os discípulos que trasladaban o corpo decapitado de Santiago chegaron a este lugar perseguidos polos lexionarios romanos ao servizo do rei celta de Duio. Mais unha vez que a comitiva cruzou a antiga ponte, viron como se derrubaba mandando ás augas do Tambre a boa parte dos soldados e cortándolle o paso ó resto. Da ponte só quedaron as pías e de aí vén precisamente o nome de ponte das Pías. Algúns arqueólogos e historiadores galegos defenden que a ponte das Pías foi unha pontóriga romana de madeira.

De volta á fortaleza da raíña Lupa, os discípulos Atanasio e Teodoro solicítanlle animais e un carro para trasladar os restos do apóstolo Santiago. Ante esta demanda, a desconfiada raíña Lupa envíaos agora ao Monte Ilicinio, actual Pico Sacro, a recoller uns bois que eran da súa propiedade. Outra vez a raíña Lupa ármalles unha nova trampa pois ao chegar alí aparecéuselles un fero dragón. Mais os resilientes discípulos coas armas do cristianismo e o símbolo da cruz vencen ó dragón e purifican o monte cos santos óleos, chamándoo a partir de agora Pico Sacro. Os bois que lle ofreceu a desconfiada raíña Lupa eran uns touros salvaxes, non obstante e ó igual que co dragón, baixo o símbolo e o sinal da cruz convertéronse en bois mansos. A raíña Lupa abraiada ante tales milagres solicita bautizarse para convertirse ao cristianismo e ofrece aos discípulos un sepulcro para soterrar ó santo no bosque de Libredón na cidade de Santiago de Compostela.

 


 

Esquina inferior dereita do campamento romano de Firmistáns coa característica forma redondeada dos campamentos romanos.

 

Ortofoto 2002
                                                                

Ortofoto 2002


O Monte Medulio é o lugar onde, segundo as fontes clásicas, os galegos ofreceron resistencia ás tropas romanas dentro do proceso de conquista do Imperio romano. A historia do monte Medulio chegou a nós a través do relato dos historiadores Floro e Orosio fundamentado a súa vez nunha crónica de Tito Livio. Seguno Orosio, na batalla do Monte Medulio (22 a.C) os legados romanos Antistio e Firmio someteron, despois de largos combates, as rexións máis extremas da Gallaecia, e os campamentos romanos de Cornado en Negreira preto de Antes, Santa Baia na Laracha, Tarrío en Val do Dubra e Firmistáns en Ames xogaron un papel destacado no asedio militar e xeográfico ó mítico monte Medulio. O campamento romano de Val do Dubra parece ser un destacamento auxiliar para facilitar a comunicación visual e por fume (tamén de asedio) entre o Cornado e Santa Baia, os dubreses saben que dende o alto da Abelenda é visíbel a central térmica de Meirama e tamén o outeiro de Cornado. Paulo Orosio no libro 6 capítulo 21 dice: "Ademáis do dito ata aquí, os legados Antistio e Firmio á forza de sanguinolentas batallas lograron dominar as terras máis extremas da Galicia, aquelas onde abundan os montes e as selvas e teñen o seu remate no océano. Para isto tiveron que construir un foso de quince millas onde se fixeron fortes e se refuxiaron os inimigos de Roma, en terras do Miño. Xentes robustas e bravas que, impotentes de trabar o paso e non sendo bastantes para vencer en batalla ós romanos, antes de caer nas súas mans como escravos déronse morte a ferro, a lume e a veleno do teixo".

Por último facer un pequeno apuntamento respecto a etimoloxía do concello de Teo: O concello de Teo pertence á comarca de Santiago de Compostela, lugar de paso de importantes vías de comunicación como a vía romana XIX e a vía romana XX, na actualidade camiño portugués de peregrinación. O topónimo de Teo fai alusión á posible presenza dun asentamento dunha guarnición militar romana no lugar de Firmistáns en O Sebe. Neste senso o topónimo de Teo vén do latín statio legio ou parada de lexión romana. Statio legio derivou en Taleo, e Taleo derivou en Teo por perda do -l- intervocálico no galego. Nas crónicas antigas medievais aparece como Santa María de Talegio, 1032 e Sancta María de Teeio, 1400, o que corrobora a miña hipótese.

No mesmo senso, un "calo" é un campamento romano de retagarda (ao servizo do exército romano) feito con leños de madeira chamados en latín "calas". "Calo", en singular, e "calonis", en plural, era o nome dado aos serventes dos militares que se encargaban de proporcionar as calas para a construción do campamento militar. A romaría de San Martiño, o 11 de novembro, deus romano da guerra, Firmistáns, en alusión ao xeneral Firmio, ou mesmo Osebe, co significado de "peche" ou "cercado", son outros microtopónimos nesa zona que abondan na mesma temática militar. 

Do mesmo xeito o topónimo A Choupana, en Xallas de Castrís, relaciónase coa palabra latina Canabae, co significado de "choza", "cabana" e fai alusión tamén a asentamentos de auxilio ou de acompañamento das tropas do exército romano, neste caso trátase dunha taberna ou unha pousada de viños situada nos bordes fluviais.

Curiosamente Formistans foi unha sorte de heroe lendario local inventado por Benito Vicetto que na súa Historia de Galicia perxurou no Ara Solis de botar definitivamente aos cartaxineses fóra de Galicia no seu intento de apoderarse destes confíns atlánticos.

 

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto



martes, 16 de noviembre de 2021

A verdadeira etimoloxía dos concellos da Coruña




ABEGONDO e BERGONDO: do britónico ou céltico "condo", "condate", co significado de confluencia "unión de ríos" "onde as augas conflúen e se encontran". A raíz indoeuropea "awe" significa "fluír", "auga que flúe", e por extensión "val" polo que sería unha reiteración. A raíz "ber" pode ser un xermanismo e significar "oso".

AMES: O concello de Ames pertence á comarca de Santiago, ocupa o val que forma o río Sar na chamada depresión meridiana. O río Sar é un río entre dous ríos, o Tambre ó norte e o río Ulla ó sur. Neste senso o topónimo Ames vén do latín "interamnis fluminis" que significa río que discorre entre dous ríos, "amnis" é unha palabra latina que significa tamén río e da que derivan palabras como "amieiro" ou "ameneiro". Ames comparte etimoloxía con Entrimo en Ourense e Teramo en Italia. Bertamiráns vén do árabe "barr" que significa "campos" ou "arredores" dos "tamiráns", da xente do Tambre.

ARANGA: O topónimo de Aranga comparte campo semántico cos nomes de outros concellos próximos, como son Toques, Sobrado, Monfero ou As Somozas e que fan fronteira coas terras altas da cordilleira dorsal galega que separa as provincias da Coruña e de Lugo. Curiosamente é un topónimo de orixe éuscara, onde o termo "arango" significa "as alturas dun val".

ARES: Tamén do nórdico antigo "ár-óss", co significado de "desembocadura dun río" ou ben da variante "ár-ås", co significado de "lomba" ou "crista" dun río ou que separa un río, onde "ås" significa "crista" ou "lomba".

ARTEIXO: O topónimo de Arteixo pode vir da palabra "artesa", e facer referencia a un val costeiro, ou ben facer referencia á tribo prerromana dos ártabros "os do norte" ou "da Osa maior".

ARZÚA: O topónimo de Arzúa está relacionado co termo celta "arz" e co aínda máis antigo termo, de orixe éuscara, "artz", co significado de oso. Debeu ser unha zona oseira, con presenza de osos na antigüidade ou, cando menos, sinalar o comezo dunhas terras onde xa era posíbel albiscar ó oso, e había que andar con coidado. Neste senso, está á mesma altura que Oseira e o monte Faro en Ourense, onde está documentada a presenza de osos na idade media.

A BAÑA: A Baña é un concello pertencente á comarca da Barcala. O topónimo da Baña fai referencia a unha concavidade con auga, a unha cunca. Segundo o dicionario da RAG, a palabra baño fai referencia a un recipiente con auga, tamén é a parte escavada das zocas.

BARBANZA: do fenicio "bar", co significado de "costa" e o termo latino "pantia", co significado de "panza" ou "ventre abultado". O Barbanza sería, polo tanto, unha costa panzuda.

BETANZOS: A cidade de Betanzos é a capital da comarca homónima de Betanzos. A vila de Betanzos sitúase nun antigo castro ou outeiro entre os ríos Mendo e Mandeo chamado castro de Untzia. A comarca de Betanzos estaba habitada en época romana e prerromana pola tribo dos Bedios ou Baedy, logo Betanzos estaría formado pola raíz Bet en alusión ao pobo dos "bedios" e o sufixo prerromano "anko" "anci", co significado de "lugar de". Tamén pode vir da unión ou composición de "baedy" e "untzia", dando lugar a Betanzos.

BOIMORTO: O concello de Boimorto pertence á comarca de Arzúa. Polo concello de Boimorto pasaba a vía romana XIX ou polo menos unha variante norte da vía XIX como o demostra a existencia dun fermoso miliario romano atopado no lugar de Vilanova. Boi é unha palabra de orixe xermánica que significa camiño romano ou rastro ou sinal dun camiño vello. A palabra boi está emparentada etimoloxicamente co vej danés e co way inglés ou co weg alemán. É unha palabra endémica da provincia da Coruña onde a presenza sueva foi máis intensa, e parece ser que os suevos chamábanlle boi aos camiños romanos que se atoparon á súa chegada á Gallaecia. Neste senso o topónimo Boimorto significa camiño romano en desuso, camiño morto. Ás veces xogábase coa ambigüidade semántica do termo, boi tamén é macho da vaca en galego, e así cando un camiño romano atravesaba o pico dunha montaña dicíase que era o Corno do Boi.

BOIRO: O topónimo de Boiro indica lugar encharcable, fondeira ou depresión inundable. Da raíz indoeuropea "bhodh" ou "bhedh", co significado de "escarvar" ou "cavar". Neste senso, con perda de -d- intervocálico, comparte etimoloxía con Boedo, como terreo pantanoso, que podería derivar dos termos galegos "boedo", "buedo", do latín "bodetu", "bodum" e "vadu" (charco), relacionado a súa vez co termo latino "budam" e o vocablo céltico "bedu" ou "budu", que significa espadanal, xunqueira ou lugar encharcado. Mesmo sería posible defender xunto a "boo>bo" a correspondente evolución en "poo>po". De tal xeito que o hidrónimo do río Po en Italia úsase para designar unha hondanada, unha depresión encharcable do terreo. Comparte campo semántico co topónimo de Rianxo. En galego unha "boira" era un burato que producía un pequeno apozamento de auga. Tamén pode vir do alemán suevo "boer", co significado de "granxeiro", "persoa que cava na terra" ou "granxa". Neste senso "boar", xabaril en inglés, co significado de "cavar".

BOQUEIXÓN: O topónimo de Boqueixón parece proceder do termo "boca", facendo unha clara alusión á característica e peculiar abertura rochosa que fai o río Ulla en ponte Gundián, un tallo entre dous fíos rochosos.

BRIÓN: O topónimo de Brión fai alusión a "musgo", planta da familia das briofitas, do termo bryon en grego. En idioma céltico-córnico "bryjyon" significa "to boil", "bulir", "ferver", o cal pode facer referencia a un curso de auga dun río, tamén pode significar "brotar" e facer referencia de xeito figurado ao "musgo". En todo caso o topónimo de Brión é un topónimo de orixe céltica que fai referencia a un lugar moi húmido con numerosos cursos de auga con plantas briofitas.

CABANA DE BERGANTIÑOS: O topónimo de Cabana de Bergantiños fai referencia, cando menos, a un asentamento esóxeno de cabanas de madeira construídas nese lugar por navegantes procedentes do norte de Europa nalgún momento da prehistoria.  Con todo, o máis probable e plausible é que faga referencia ás cabanas de madeira dalgún asentamento vikingo no lugar de Canduas, cuxa etimoloxía relaciónase co termo ou raíz "Scandia", da que proceden palabras como "cándido" e nome co que Plinio se refería a península de Escandinavia e aos seus habitantes. O núcleo de Canduas, coa fortaleza vikinga de Sinde, únese deste xeito a outros asentamentos vikingos lendarios na zona como son Arou e Camelle. No concello de Cabana situábase a mansión romana de Atricondo, do britónico "condo", co significado de "confluencia de augas", neste caso na confluencia de tres augas ou vales. O río Allones vén do latín "alius", co significado de "outro", polo que o río Allones sería o río "dos estranxeiros".

CABANAS: Ten a mesma orixe que o topónimo de Cabana de Bergantiños e fai alusión a un probable asentamento vikingo con cabanas construídas con madeira.

CAMARIÑAS: defendeuse con frecuencia para o topónimo de Camariñas unha orixe clara na deturpación por similitude sonora co fitónimo da planta costeira chamada "caramiña" e de onde vén o topónimo da Pobra do Caramiñal. Con todo, eu defendo unha orixe na raíz danesa "kam", co significado de "peite", coa finalidade de destacar a característica forma recortada da súa costa, con numerosos e pequenos entrantes e saíntes rochosos que se espallan de xeito continuado e en horizontal coma un peite, e de onde vén tamén o topónimo do lugar de Camelle.

CAMBRE: do normando "chambre", aposento ou cámara dunha persoa de alto rango ou status social, un membro destacado da nobreza ou dun rei e en referencia ao "castro maior" de Cambre que debeu ser un importante asentamento normando. Comparte etimoloxía e morfoloxía arqueolóxica coa parroquia de Cambre en Malpica e Cambrelle en Razo.

CARBALLO: O topónimo de Carballo exemplifica o choque entre a política urbanizadora romana e o urbanismo indíxena dos castros que habitaban os outeiros a media ladeira dos vales. Coa chegada dos romanos favoreceuse ou promocionouse o asentamento da poboación no fondo dos vales, lugares húmidos e fríos de abondosa vexetación. Esta nova maneira de ocupar o territorio chocaba de fronte co urbanismo dos castros. Un xeito de ridiculizar con retranca o urbanismo romano era chamarlle de forma vexetal ás novas capitais "municipais", pois no fondo dos vales soamente medraban carballos ou calquera outra clase de árbore frondosa.

CARIÑO: O topónimo de Cariño procede da famosa raíz prerromana "Kar", co significado de "pedra", "rocha" ou "dureza".

CARNOTA: Do termo prerromano "Kar", co significado de "pedra" ou "rocha" e o termo latino "notare", co significado de "destacado". Xa que logo, lugar que destaca pola cantidade de pedra.

CEDEIRA: Do normando "sedeir", da raíz normanda "seer", que deriva do latín "sedere", co significado de "asentamento", "to set", "settlement".

CEE: Ao igual que Cedeira, o topónimo Cée ten unha orixe normanda a partir do termo latino "sedes" ou "sedere", co significado de "place to sit" ou "settlement", "seat of authority", "capital city". Cee pode vir de "sé", do normando "sé""seer", a súa vez do latín "sedes" ou "sedere", co significado de instalarse, de lugar preeminente ou destacado dentro da ría, ou ben ser tamén un xermanismo "zee", co significado de "mar".

CERCEDA: semella proceder do termo latino "ceresetum", lugar onde medran as "cerdeiras". Comparte etimoloxía con Cerdido e Cerdedo en Pontevedra. Outros defende unha etimoloxía a partir de "quercus" que evolucionaría a "cerqueda" ou "cerqueira".

CERDIDO: tamén do termo latino "ceresetum", lugar onde medran "cerdeiras".

CESURAS: A capital do concello de Cesuras sitúase nun importante paso ou camiño ancestral, que aproveita unha divisoria ou cordal natural do terreo, que permite comunicar Betanzos con Curtis e que na actualidade é empregada pola vía do tren. O topónimo de Cesuras, ao igual que Ponteceso ou Pontecesures vén do verbo latino "cedere", cuxo participio supino é "cessum" e o participio futuro é "cessurus", co significado de "ir", "marchar", "avanzar", "pasar".

COIRÓS: O concello de Coirós sitúase nunha crista rochosa ou montañosa que se erixe entre os ríos Mendo e Mandeo polo que é verosímil que o topónimo de Coirós teña relación co termo "coiraza", coma a coiraza dun sapoconcho.

COMPOSTELA: A cidade de Santiago de Compostela ocupaba un lugar estratéxico no sistema viario romano da Gallaecia, por Santiago de Compostela pasaba a vía XIX que unía Braga con Lugo. Lugar de paso para o porto da Coruña, en Santiago de Compostela desembocaba a vía romana, que procedente de Ourense, se dirixía á Coruña. Deste xeito, Compostela era un lugar ben composto e así aparece nas crónicas medievais, na crónica de Sampiro de 1150 dícese "Compostella, id est bene composita". Compostela era, xa que logo, a capitalidade da cristiandade de Occidente e tamén da Gallaecia.

CORCUBIÓN: O topónimo de Corcubión procede do termo "corcova" como acumulación da famosa raíz prerromana "cor", que significa "rocha" ou "dureza", e a raíz latina "curvus", co significado de "curvo". Unha "corcova" é unha lomba formada pola curvatura convexa dunha montaña que se adentra no mar.

CORISTANCO: O concello de Coristanco pertence á comarca de Bergantiños, é o concello que ten o topónimo máis complexo de todos, pode estar formado pola raíz Cor- que significa pedra ou duro, pola raíz -stan- que significa tamén pedra ou estaño e o sufixo prerromano -anko que significa "lugar de". Polo tanto Coristanco sería o lugar da pedra dura ou da pedra do estaño. Neste senso comparte campo semántico coa palabra "barranco". Tamén pode vir de "stagnum", co significado de "estanque de pedra" en alusión aos baños de Carballo. Pero o máis plausible é que proceda dunha raíz, incluso normanda, "koros" "krok", co significado de "circular", "cercado", "reunión", "asemblea", e unha raíz "stan" "stø", co significado de "lugar de", "terra de", "asentamento", polo que Coristanco significaría "lugar do cercado circular" ou " lugar da asemblea". Neste senso non é descartable un importante asentamento circular normando rodeado por unha empalizada de madeira no lugar das Quenllas, xunto á capital municipal de San Roque. Xa que logo, Corcoesto e Coristanco serían topónimos coa mesma etimoloxía que Krogstad en Noruega. Na mesma liña temos a hipótese da raíz "kor", co significado de circular e a raíz "estancar", co significado de "cercar", "cerco", "asedio", con claras connotacións militares.

A CORUÑA: A cidade da Coruña ocupa un saínte rochoso que se adentra no mar semellante a Caión, Laxe ou Malpica. O topónimo Coruña procede da raíz prerromana Car- ou Cor- que significa dureza, rocha, palabras como carcasa, carballo ou coraza incorporan a raíz cor- car- co significado de dureza. O topónimo Coruña vén do latín Caronium ou Caranico, así nomeada no Itinerario Antonino da vía romana XX. O sufixo latino -nium derivou en -uña.

CULLEREDO: Culleredo é un concello da comarca da Coruña que ocupa un fermoso val formado polo río Valiñas. O monte Xalo axuda a conformar este fermoso val cunha característica ladeira ou aba en forma de cuncha ou culler en latín, e de aí o nome de Culleredo. "Culler" sería o termo galego para designar un "circo" de probable orixe glaciar na aba do monte Xalo.

CURTIS: O topónimo de Curtis procede do latín "cohortis" e fai referencia ao campamento militar romano existente no lugar de Ciadella, onde se asentaba a Cohors I Celtiberorum.

DODRO: O topónimo de Dodro procede do termo xermánico "dodder", da raíz proto-xermánica "dodro", que significa da cor amarela, alaranxada ou dourada en alusión á cor que adoptan os carrizos do Ulla en outono ó secarse.

DUBRA: O topónimo Dubra ten a súa orixe nunha palabra de orixe céltica co significado de auga. Neste senso dwfr (pronunciado duvr) é unha forma alternativa galesa co significado de auga. O concello de Dubra ou Val do Dubra, na provincia da Coruña, comparte orixe etimolóxica coa cidade inglesa de Dover. Dover, históricamente en castellano Duvres, ten a súa orixe no idioma celta Brythonic, onde Dubras significaba As Augas: From Old English Dofras, from Latin Dubris, from Brythonic Dubras “the waters”, from Proto-Celtic dubros “water”.

DUMBRÍA: O concello de Dumbría atópase moi preto do cabo de Fisterra e do monte Pindo, chamado altar ou ara dos celtas. O topónimo Dumbría componse, polo tanto, da raíz "Don" que fai referencia ou alusión á alta divindade e a raíz "briga", que é unha palabra de orixe celta para "fortaleza" ou "castro", co resultado final de fortaleza ou castelo do Señor. O río Ézaro vén dunha raíz indoeuropea "isaros", co significado de "rápido", "impetuoso", "vigoroso". En sánscrito "isiráh" co mesmo significado. A palabra "isara" figura na etimoloxía doutros moitos nomes de ríos en Europa.

FENE: Concello da comarca de Ferrol, do danés "fin", co significado de "bonito" ou "fermoso".

FERROL: O topónimo de Ferrol deriva dunha raíz nórdica "ferr" "føre" "ferje" ou "ferian", co significado de "transportar ou atravesar nun bote", e da cal derivan palabras como "ferry". En sentido figurado e dende a óptica do porto de Mugardos como primer porto da ría, o Ferrol sería o lugar ou a beira a cal se accede necesariamente cruzando nun bote. Dunha raíz proto-indoeuropea "per", co significado de "atravesar", Ferrol comparte orixe etimolóxica con "fiordo""ferþuz" en proto-xermánico. Ferrol vería a significar polo tanto fiordo.

FISTERRA: Do latín "finis terrae", co significado de "fin da terra". Lugar sagrado dos celtas, na parroquia de Duio atópase o lugar de Denle que vén do celta "denladh" ou "dyn-laddiad", co significado de "sacrificio humano". 

IRIXOA: O nome do concello de Irixoa, chamado Ecclesiola na documentación medieval, é un diminutivo que deriva do latín "ecclesiola" que significa "igrexa pequena" e que se repite noutros topónimos galegos como Grixoa.

A LARACHA: O concello da Laracha pertence á comarca de Bergantiños. Na época dos romanos era un importante nó viario da comarca que daba acceso ás terras de Curtis, A Coruña, Ordes, Tordoia e Santa Comba. Foi por este motivo que os romanos situaron neste lugar o importante municipium de Flavium Brigantium ou Brigantium Flavium. Brigantium era a capital de Bergantiños na época dos romanos que chamaban Vir ou Ber ao río Anllóns. Bergantiños eran as xentes que habitaban o val do río Anllóns-Vir-Ber. Por ser un importante nó viario era o lugar dos lares viais e de aí o topónimo da Laracha. Tamén pode facer referencia a proliferación de moitas casas ou lareiras promocionadas pola labor urbanizadora do emperador Flavio. Do celta "leur" "lár", co significado de "solo", chan ou superficie plana, lara-cha, axeitado para desenvolver a actividade urbanizadora de Roma.

LAXE: O topónimo de Laxe procede dunha raíz céltica "llech" (galés) ou "leac" (gaélico), co significado de pedra de grandes proporcións e superficie lisa que en galego chamamos laxa.

MALPICA: Da raíz "mole" co significado de "masa", "pedra" e de onde derivan palabras como "muelle" (mole en danés), "malecón" ou "moa". E tamén da raíz xermana "pik", co significado de picar ou aguillón. Malpica vería sendo pois un saínte rochoso. Neste senso comparte campo semántico co núcleo próximo de Caión, co significado de saínte rochoso ou dureza. No concello de Malpica tamén se atopa o lugar de Mens, do danés "mogens", pronunciado "mœns", co significado de "poderoso".

MAÑÓN: De "mallón": faixa de terreo inculto que bordeaba unha finca de labradío. Confín ou linde dunha terra de labradío. De "maraño": fileira de herba que deixa o traballador trala sega, "marallo" en leonés. Del galés "mân" (fino), del córnico "mann" (pequeño, poco), del bretón "moan" (delgado, esbelto). En galego "mañoca" (lombriz).

MAZARICOS: O zarapito real é un paxaro que no verán se acubilla nas landas rasas, unha terra chaira onde abondan as plantas silvestres cheas de queirogas e silvas ou pradeiras turbosas. É unha ave que no verán nidifica no norte de Europa e nas illas británicas. No seu tempo debeu manter, como únicas áreas máis meridionais de nidificación na península ibérica, o concello de Mazaricos e a Terra Chá. Na actualidade mantén unicamente unha ocupación permanente no tempo na illa de Irlanda.

MELIDE: Nomeada Milierata en Terra de Abeancos, o seu topónimo relaciónase con "miliario". Neste senso por Melide pasaba a vía romana XIX que unía Iria Flavia con Lucus Augusti. Quizais dunha forma corrupta do latín vulgar "locus militario" para referirse a un lugar con un "miliario".

MESÍA: O topónimo Mesía vén do sufixo latino meso- que significa medio. Realmente as terras de Mesía ocupaban un espazo intermedio entre as comunicacións viarias que ían de Santiago a Lugo, de Santiago a Coruña e da Coruña a Lugo.

MIÑO: O topónimo Miño procede dunha raíz "min", latín "minus", inglés "mynus", do proto-indoeuropeo "mi-nu" "mei", co significado de "pouco" "pequeno" ou "menos" e da que derivan palabras como "minguar" ou "diminuto". Neste caso ten o significado de "calmo" e fai referencia a un mar tranquilo de fondo de ría. Tamén pode proceder da raíz céltica-córnica "min" "minyon" "minow", co significado de "boca" e aludir á desembocadura dun río. En bretón "min" tamén significa "boca". En irlandés "min" significa "suave" "liso" y en galés "min" significa "borde" ou "límite" e tamén "boca".

MOECHE: Fronte ao antropónimo de "villam Modesti", propoñemos un topónimo derivado do latín "mola" "moletum", co significado de "masa" ou "montaña de forma redonda e maciza".

MONFERO: O topónimo de Monfero está composto polo termo "monte" e o adxectivo "fero", co significado de "bravo". Terras montesías e estremeiras.

MUGARDOS: do noruegués "mugg", co significado de "mofo", "alga", "esvaradío", dunha raíz indoeuropea "meug", co significado de "esvaradío" ou "viscoso", polo que o topónimo Mugardos pode significar "lugar lamacento".

MUROS: Na documentación medieval aparece sempre en singular como Muro, sancti Petri de Muro. O máis plausíbel é que proceda de "mur", co significado de "muro" ou "peirao", como na Coruña que chamaban "muros" aos "molles". Outra opción menos precisa sería do bretón "mor" e o céltico "mori", pronunciado /ˈmoːr/ "mur", co significado de "mar". En Muros, na parroquia de Louro, no alto dun monte atópase o lugar de Taxes, do danés "tage", co significado de "brétema".

MUXÍA: O topónimo de Muxía parece derivar de "monxe" ou "monge" en francés, en referencia ao importante mosteiro de frades do lugar de Moraime. En algúns documentos antigos aparece como Mongia ou Mungia. O topónimo de Moraime semella ser un xermanismo formado polos termos "mor" "meer", co significado de "mar", e o termo tamén nórdico ou noruegués "eim", do proto-xermano "aimaz", co significado de bafo, cheiro do mar.

NARÓN: Concello da comarca de Ferrol, o noso fiordo máis xenuino. O topónimo de Narón, ao igual que Neda, Fene, Ferrol ou Mugardos, ten unha orixe nórdica, do danés "nær", co significado de "cerca" ou tamén "estreito", en alusión á forma da ría de Ferrol nesa zona. 

NEDA: Concello da comarca de Ferrol, o noso fiordo galego, o topónimo de Neda ten unha orixe nórdica, do danés "ned", co significado de "abaixo", "cara ó sur".

NEGREIRA: do árabe "niqrah", co significado de "pequena depresión do terreo", "oza", "fondeira". Constátase unha importante presenza árabe nos núcleos veciños de Alqueidón, en Brión, e Bertamiráns, en Ames.

NOIA: nos textos latinos aparece como Novium, de céltico galés "nofio", co significado de "nadar", que a súa vez vén dunha raíz indoeuropea "neus" que significa "flotar sobre as aguas" "navegar" e do normando "noyer", co significado de "afogar" "inundar" "anegar". O certo é que tanto a nosa Noia como a Noja de Cantabria ocupan unha zona de marismas entre ríos facilmente anegables ou inundables.

OLEIROS: o topónimo de Oleiros fai referencia aos artesáns da cerámica. Constátase que en Inglaterra, no lugar de Torksey, as invasións vikingas viñeron acompañadas dun incremento sustancial da industria e da actividade alfareira, da técnica do torno e e dos alfareiros. Tamén en Buño.

ORDES: Polo concello de Ordes pasaba un camiño francés de peregrinación xacobea coñecido na actualidade como o camiño inglés, era paralelo a outro camiño francés que, con semellante trazado, discorría polo concello de Tordoia e chamado a vía sueva. En San Xián de Cabaleiros, nun punto intermedio do camiño, existía un hospital de peregrinos baixo a advocación de San Xulián, santo protector dos peregrinos e un dos santos máis importante da Orde dos pobres cabaleiros de Cristo e do Templo de Salomón, tamén coñecidos como templarios. É de esperar logo que no trazado que pasa por Ordes ocorrese algo semellante, e de aí veña, en resumidas contas, o topónimo de Ordes. Tamén do xermánico "herd", co significado de "grupo de persoas".

OROSO: do latín "hederoso", lugar húmido onde abundan as hedras "hedera" en latín. Por perda do "d" intervocálico (credere>crer) quedou en "heroso" e finalmente en "Oroso".

OUTES: As terras altas da ribeira norte da ría de Noia e Muros deron lugar ao topónimo da chamada Serra de Outes. De "outo", co significado de "alto" e este do latín "altus", termo do que deriva a palabra "outeiro".

OZA DOS RÍOS: O concello de Oza dos Ríos, chamado Ocia nos documentos medievais, deriva dunha voz latina "occa""occare", que significa facer sucos na terra cunha grade. Esta mesma raíz deu palabras como "oquedad" en castelán ou "oco" en galego. Cárcava, gabia ou escavación profunda feita no terreo polas correntes de auga.

PADRÓN: o topónimo de Padrón deriva de "pedra" e fai referencia a ara romana adicada ao deus Neptuno que se atopa baixo o altar da igrexa de Santiago de Padrón e que segundo a tradición xacobea foi onde os discípulos amarraron a barca que traía os restos do apóstolo Santiago.

O PINO: A igrexa do Pino atópase á beira dun camiño moi empinado que comunicaba os dous principais camiños ou ramais que pasaban polo concello, que era o camiño medieval de Santiago que viña de Lugo e o camiño medieval, que procedente de Mesía e Curtis, pasaba por Ponte Carreira.

PONTECESO: Do verbo latino "cedere" cuxo participio supino é "cessum" e o participio futuro é "cessurus", co significado de "ir", "marchar", "avanzar", "pasar". Hai que lembrar que por Ponteceso pasaba a vía romana xx per loca marítima como continuación da mesma vía romana que pasaba por Pontecesures.

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ: O topónimo orixinal era "As pontes do Eume", mais en 1376 o cabaleiro García Rodríguez recibiu o señorío da vila por parte do rei, pasando a chamarse dende entón como "As pontes de García Rodríguez".

O PORTO DO SON: O topónimo do Porto do Son, escrito Porto Dozón ou Porto Doçón no rexistro histórico, deriva tamén da palabra latina "occa" que orixinou "oquedad" en castelán ou "oco" en galego ou da prerromana "ausa", co significado de "fonte". Fondeira costeira con moita pendente arrodeada e xerada polas montañas da serra do Barbanza cando lambe o mar e onde se atopan na actualidade as parroquias de Noal e Nebra.

RIANXO: Topónimo relacionado con "río". Rianxo sería, xa que logo, o espazo ou a depresión xerada por un río na súa desembocadura.

ROIS: O topónimo de Rois fai referencia ao carácter montañoso do concello. O concello de Rois, aínda que non o pareza, é bastante montañoso na meirande parte da súa extensión. O topónimo Rois fai referencia, xa que logo, ás cores pardas e apardazadas das terras bravas e montesías azoutadas polo vento. Rois procede de "ruzo", de cor parda, un termo que vén de russeu>roixo>roxo.

SADA: Do latín vulgar e medival "salata", co significado de "salgada" ou "salada", por perda do -l- intervocálico, como "Petra Salata" en Coímbra. Porén o máis pausíbel é que proceda do danés "saet" ou do noruegués "satt", co significado de "establecerse" ou "asentamento", "establecido". Neste senso temos os topónimos próximos de Mera, do normando "meer", co significado de "mar", e tamén o topónimo de Lorbé, da raíz éuscara "lar", co significado de "largo" e "extenso" e da que derivan palabras como "larregi" (demasiado en vasco), "largus" en latín, "lorgh" (vara en céltico e tamén en alemán), "lur" (instrumento escandinavo moi alongado en forma de trompeta), e mais a raíz "bae", co significado de "baía", polo que o topónimo Lorbé fai referencia a unha baía moi longa ou con forma de trompeta como é a ría de Betanzos.

SANTA COMBA: no concello de Santa Comba atopamos o lugar de Cícere e Circe era, segundo a Odisea de Homero, a meiga que habitaba a illa Eoa e que lle indicou a Ulises o camiño cara o inframundo dos gregos, o Hades. Santa Comba foi a máis famosa das meigas galegas que se converteu ao cristianismo, herdeira de meiga Morgana da lenda do rei Arturo.

SOBRADO: do latín "superato", fai alusión á planta superior ou elevada dunha vivenda. Comparte campo semántico co topónimo de Toques que deriva de "tectum", como cuberta dunha vivenda. Ámbolos dous nomes describen as terras altas ou montañas que separan a provincia da Coruña de Lugo.

AS SOMOZAS: do latín "sub montia", co significado de "ao pé dos montes".

SONEIRA: vén do termo latino "subneria", aos pés dos nerios, en referencia ás terras baixas e do outro lado das montañas da tribo dos nerios, na comarca do Xallas, chamado territorio nerio polos romanos.

TEO: O concello de Teo pertence á comarca de Santiago de Compostela, lugar de paso de importantes vías de comunicación como a vía romana XIX e a vía romana XX, na actualidade camiño portugués de peregrinación. O topónimo de Teo fai alusión á posible presenza dun asentamento dunha guarnición militar romana no lugar de Firmistáns en O Sebe. Neste senso o topónimo de Teo vén do latín statio legio ou parada de lexión romana. Statio legio derivou en Taleo, e Taleo derivou en Teo por perda do -l- intervocálico no galego. Nas crónicas antigas medievais aparece como Santa María de Talegio, 1032 e Sancta María de Teeio, 1400, o que corrobora a miña hipótese.

TOQUES: O nome do concello de Toques, chamado Toccas na documentación medieval, deriva da palabra latina "tectum" para definir a parte superior que cobre unha casa. Neste senso unha "toca" é unha peza de roupa que se usa para cubrir a cabeza. Úsase de novo o significado da palabra "teito" para sinalar unha zona montañosa e limítrofe, semellante ao caso de Sobrado.

TORDOIA: Tordoia é un concello da comarca de Ordes. A presenza sueva neste concello foi moi importante, son abondosos os topónimos de orixe xermánica como Bardaos, Aldemunde, Restande, Leobalde ou Anxeriz. Pódese considerar a Tordoia a capital oficiosa dos suevos e das suevas de Galicia. Neste senso o topónimo de Tordoia ten unha orixe xermánica, Torden é trono en danés e Tordon é trono en sueco. O deus Thor era unha das divindades principais do panteón xermánico e nórdico. Son algúns os concellos de Galicia que fan referencia a divindades como Larouco, Bande...e Tordoia fai referencia á divindade principal dos suevos. Tordoia pertence ao arciprestado de Berreo, do alemán "bereich", que significa "ámbito". Outra opción plausible é que derive dunha torre do oiar ou torre de vixilancia. 

TOURO: é plausíbel que o nome faga referencia a un lugar de venda de gando ou de intercambio de gando. Mais o máis probábel é que veña de "torus", co significado de "elevación do terreo" ou "lomba", pois Touro ocupa unha lomba entre o río Tambre e o río Ulla.

TRAZO: Trazo é un fermoso val da comarca de Ordes. O concello de Trazo ocupa na súa totalidade unha antiga terraza fluvial ou terrazo que se orixinou polo esforzo do Tambre para atravesar as montañas que delimitan a depresión meridiana e que conformou un profundo canón entre a Ponte Alvar e Portomouro. É moi plausíbel, polo tanto, que o nome de Trazo veña de terrazo, ou terraza fluvial que orixinou o embolsamento ou lago de auga do Tambre nos seus intentos por atravesar as montañas que bordean a depresión meridiana. Topograficamente o concello de Trazo ocupa as terrazas fluviais dun gran lago que se formou polo río Tambre no seu discorrer cara o mar e os diferentes obstáculos que se foi atopando no camiño. Neste senso é algo semellante á comarca do Bierzo. No concello de Trazo, en Benza, atopábanse os "palacios de Lestrove", capital xuridicional da terra de Montaos e onde posiblemente tiña lugar a recadación de tributos na zona, semellante ó lugar de Suevos-Ser-Reguengo para a comarca de Xallas. Etimoloxicamente Lestrove deriva da raíz xermánica "leisten" co significado de contribuír ou pagar e o sufixo -obre ou -bri co significado de "fortaleza ou castro". "Leisten" tamén significa "rendir unha máquina" e está relacionado co termo "lesen" co significado de "vendimar ou recoller" e tamén co termo danés "laest" co significado "o último, o que resta, o que renta ou rinde unha cousa". Neste senso explícase o termo inglés "last" co significado de "o que queda, resta ou produce unha cousa".

VALDOVIÑO: O concello de Valdoviño ocupa un fermoso val na comarca de Ferrol onde se sitúa o núcleo de Aviño. Realmente o topónimo de Valdoviño é unha redundancia pois a raíz indoeuropea "awe" significa "fluír", "auga que flúe", e por extensión "val".

VEDRA: por Vedra pasaba unha importante vía romana que unía Santiago con Ourense polo que é probable que Vedra veña de "vía vetera".

VIMIANZO: procede da palabra "vime", co significado de "vimbio", planta da familia das salicáceas que se usa para facer cestos e que medra en terreos moi húmidos nas beiras dos ríos, e mais do sufixo -anzo que procede do sufixo latino -antia e que expresa unha cualidade.

ZAS: Zas e Cee son topónimos que se explican dende a corrección do seseo, un rasgo lingüístico característico do galego da Costa da Morte. Realmente Zas é Sas, que pode vir do xermánico "salas" ou "habitáculos", por perda do ele intervocálico no galego, ou tamén outra hipótese plausíbel é facelo derivar do termo normando "saal", "sales", "sals", do latín "salix" e co significado de "salgueiro".

 

 

© Marcos Castro Vilas, arquitecto




miércoles, 20 de octubre de 2021

Santa Comba, entre a tradición cristiá e a mitoloxía celta

 
Cadro das Tres palomas de Picasso. 1960. Museo de Málaga
 

San Columba de Iona foi unha figura destacada dos primeiros monxes gaélicos que introduciron o cristianismo en Escocia a comezos da Idade Media. É unha das figuras máis importantes da igrexa celta e polo caso é considerado apóstolo dos escoceses e un dos doce apóstolos de Irlanda. San Columba de Iona pertencía ao clan Uí Néill e naceu en Donegal no ano 521. Por liña paterna era descendente de Niall dos nove reféns, un rei irlandés do século V. Despois dunha disputa que desembocou nunha batalla, San Columba marchou como misioneiro a Escocia no ano 563, dirixiuse cara a costa occidental de Escocia séndolle concedida a illa de Iona que se converteu no centro de operacións da súa misión evanxelizadora entre os pictos, fundando varias igrexas nas illas Hébridas. A festividade de San Columba é o 9 de xuño e xunto con San Patricio (17 de marzo) e Santa Bríxida (1 de febreiro) é un dos santos patróns de Irlanda e tamén de Escocia.

Santa Columba de Cornualles foi unha santa da igrexa católica que se cre que viviu durante o século VI, moi popular en Cornualles e noutras terras celtas. A lenda de Santa Columba recóllese nun manuscrito da Biblioteca de Cambridge. Di a lenda que Santa Columba converteuse ao cristianismo cando o Espíritu Santo se lle apareceu en forma de pomba. Columba era filla do rei Lodan de Escocia e da raíña Manigild, ámbolos dous reis pagáns. O seu pai entregou en matrimonio a súa filla a un príncipe tamén pagán pero a neoconversa e neocristiá Columba, disconforme co casamento, fuxiu cara Cornualles nun barco. Alí foi perseguida polo seu pretendente ata que finalmente foi capturada nun bosque próximo. Nese mesmo lugar o príncipe cortoulle a cabeza por despeito e onde o sangue se derramou  xurdiu un pequeno regato que formou un río cara o mar. Segundo o historiador británico David Nash Ford os nomes dos pais de Santa Columba, Lodan e Manigild, son en realidade formas terxiversadas do rei Lot e da raíña Morgause da lenda do rei Arturo.

A historia de Santa Columba de Cornualles é moi semellante á de Santa Columba de Sens do século III e tamén á de Santa Columba de Córdoba do século IX, polo que algúns estudosos da materia defenden unha orixe común para os diferentes relatos haxiográficos. Tamén hai quen relaciona a lenda de Santa Columba co mito da ninfa grega Aretusa. Segundo o mito, o deus océanida Alfeo namorouse de Aretusa pero ela prometérase manterse sempre virxe e para escapar de Alfeo pediulle a súa amiga Ártemis que a transformara nun regato de auga pura e cristalina que fuxía nun río cara o mar. Aretusa era tamén unha ninfa hespéride do solpor. Era filla de Atlas e tiña como misión vixiar o océano e cuidar o xardín das Hespérides onde medraban as famosas mazás de ouro. Do mesmo xeito, Santa Columba de Sens foi unha virxe e mártir cristiá considerada santa pola igrexa católica que naceu nalgunha parte da Gallaecia en Hispania ó redor do século III e que morreu decapitada. Convertida ao cristianismo, conta a lenda que con dezaséis anos fuxiu de Hispania cara a Galia coa finalidade de esquivar a persecución do emperador romano Aureliano, así e todo, foi apresada e condenada a morrer queimada na fogueira, mais ó resistir nas chamas foi degolada nun bosque próximo e onde se espallou o sangue naceu un regato. Outra Santa Columba que sufriu persecución acoso e martirio foi Santa Columba de Córdoba. Santa Columba de Córdoba foi unha santa da igrexa católica que viviu en Córdoba baixo o dominio musulmán na volta do século IX. Segundo a lenda foi perseguida polos sarracenos e foi decapitada no mosteiro de Tabanos no ano 853 e o seu corpo arrebolado ao Guadalquivir, mais cando atoparon os seus restos mutilados, Columba estaba incorrupta.

Por último temos a nosa Santa Comba galega. Di a tradición que a Santa Comba galega era a maior bruxa ou meiga do reino pero que foi reconvertida ao cristianismo. Segundo a estudosa Allyson M. Poska, a veneración a Santa Comba ten a súa orixe na Idade Media e o seu culto pode ser unha combinación das dúas virxes e mártires precedentes, Santa Columba de Sens e Santa Columba de Córdoba. Conforme á lenda, Comba foi unha meiga moi famosa de Galicia que se atopou con Xesucristo nun camiño e converteuse ao cristianismo sendo torturada e martirizada pola súa nova fe. Con todo e co paso do tempo chegou a converterse na patroa das bruxas galegas. A festividade de Santa Comba é o día 31 de decembro como San Silvestre. Resulta cando menos curioso que no concello de Santa Comba non exista ningunha igrexa ou capela baixo a advocación desta santa tan celta que da nome ó concello, as festas patronais están adicadas a San Pedro, patrón da parroquia de Xallas de Castrís, e con quen comparte titularidade parroquial na capital do concello. Así e todo na documentación medieval e antiga si aparece o nome de Santa Comba en varias ocasións como; Santa Coomba de Celtegos en 1346, Santa Coomba en 1380, Santa Conba de Jallas en 1409, San Pedro de Santa Coonba en 1409, Santa Coomba de Celtigos en 1436, ecclesie sancti Petri de Sancta Columba en 1441, Sancti Petri de Sancta Coomba de Jallas en 1492. Con todo, no concello de Santa Comba hai un lugar chamado Cícere que lembra á meiga Circe da Odisea e Santa Comba semella ser a continuidade no culto cristiá da meiga celta Morgana, herdeira da Circe homérica. Polo visto Santa Columba foi unha santa da igrexa católica que padeceu o martirio dos musulmáns e converteuse co tempo en patroa da orde dos Mercedarios pasando a ser nalgúns casos a virxe da Merced coa súa icónica palma, coma a virxe das Mercedes de Xerez, e tamén converteuse na orisha maior (Obatalá) da santería cubana. Existe unha estreita relación entre Santa Bríxida, Santa Comba e a Virxe das Mercedes. De feito Santa Columba de Córdoba e a Virxe das Mercedes comparten festividade o 17 de setembro e 24 de setembro respectivamente. En San Pedro de Xallas atopábase a fortaleza que representaba o poder civil, mais en Santa Comba de Céltigos onde se atopa a capela da Virxe da Merced localizábase a capital da xurisdición relixiosa do arciprestado, e nun punto intermedio entre os dous centros de poder situábase San Pedro de Santa Comba, unindo o poder civil e o poder relixioso. De feito, cando en 1812 se creou a nova administración municipal trala abolición do Antigo Réxime, tamén supuxo a creación de dous concellos diferentes, o concello de Cícere e o concello de Xallas.



lunes, 18 de octubre de 2021

Capela do Sol e da Lúa

 


Keri é unha palabra en lingua arawak que significa redondo e que se emprega para nomear á lúa, deste xeito Karaya é lúa en lingua taína e Kren e Kre é lúa e sol en lingua dos selknam.
Dúas circunferencias representando cada unha delas o sol e a lúa, unha circunferencia de 9 metros de diámetro representa o sol e a outra de 6,5 metros de diámetro representa a lúa. Todo o conxunto ten unha altura libre aproximada de 3,5 metros e está soterrado con respecto á cota +0,00 uns 0,75 metros aproximadamente. A entrada principal orientada en xeral cara o leste, ou cara ó amencer no solsticio de inverno coma Dombate, ou tamén orientada cara ó amencer no solsticio de verán.
Resulta cando menos curioso que sendo a circunferencia a expresión máxima da curva, e polo tanto do mundo plástico, incorpore o número π, símbolo da infinitude, a súa formulación tanto para calcular o perímetro 2πr ou a área πr².
 
 

 





© Marcos Castro Vilas, arquitecto