miércoles, 20 de octubre de 2021

Santa Comba, entre a tradición cristiá e a mitoloxía celta

 
Cadro das Tres palomas de Picasso. 1960. Museo de Málaga
 

San Columba de Iona foi unha figura destacada dos primeiros monxes gaélicos que introduciron o cristianismo en Escocia a comezos da Idade Media. É unha das figuras máis importantes da igrexa celta e polo caso é considerado apóstolo dos escoceses e un dos doce apóstolos de Irlanda. San Columba de Iona pertencía ao clan Uí Néill e naceu en Donegal no ano 521. Por liña paterna era descendente de Niall dos nove reféns, un rei irlandés do século V. Despois dunha disputa que desembocou nunha batalla, San Columba marchou como misioneiro a Escocia no ano 563, dirixiuse cara a costa occidental de Escocia séndolle concedida a illa de Iona que se converteu no centro de operacións da súa misión evanxelizadora entre os pictos, fundando varias igrexas nas illas Hébridas. A festividade de San Columba é o 9 de xuño e xunto con San Patricio (17 de marzo) e Santa Bríxida (1 de febreiro) é un dos santos patróns de Irlanda e tamén de Escocia.

Santa Columba de Cornualles foi unha santa da igrexa católica que se cre que viviu durante o século VI, moi popular en Cornualles e noutras terras celtas. A lenda de Santa Columba recóllese nun manuscrito da Biblioteca de Cambridge. Di a lenda que Santa Columba converteuse ao cristianismo cando o Espíritu Santo se lle apareceu en forma de pomba. Columba era filla do rei Lodan de Escocia e da raíña Manigild, ámbolos dous reis pagáns. O seu pai entregou en matrimonio a súa filla a un príncipe tamén pagán pero a neoconversa e neocristiá Columba, disconforme co casamento, fuxiu cara Cornualles nun barco. Alí foi perseguida polo seu pretendente ata que finalmente foi capturada nun bosque próximo. Nese mesmo lugar o príncipe cortoulle a cabeza por despeito e onde o sangue se derramou  xurdiu un pequeno regato que formou un río cara o mar. Segundo o historiador británico David Nash Ford os nomes dos pais de Santa Columba, Lodan e Manigild, son en realidade formas terxiversadas do rei Lot e da raíña Morgause da lenda do rei Arturo.

A historia de Santa Columba de Cornualles é moi semellante á de Santa Columba de Sens do século III e tamén á de Santa Columba de Córdoba do século IX, polo que algúns estudosos da materia defenden unha orixe común para os diferentes relatos haxiográficos. Tamén hai quen relaciona a lenda de Santa Columba co mito da ninfa grega Aretusa. Segundo o mito, o deus océanida Alfeo namorouse de Aretusa pero ela prometérase manterse sempre virxe e para escapar de Alfeo pediulle a súa amiga Ártemis que a transformara nun regato de auga pura e cristalina que fuxía nun río cara o mar. Aretusa era tamén unha ninfa hespéride do solpor. Era filla de Atlas e tiña como misión vixiar o océano e cuidar o xardín das Hespérides onde medraban as famosas mazás de ouro. Do mesmo xeito, Santa Columba de Sens foi unha virxe e mártir cristiá considerada santa pola igrexa católica que naceu nalgunha parte da Gallaecia en Hispania ó redor do século III e que morreu decapitada. Convertida ao cristianismo, conta a lenda que con dezaséis anos fuxiu de Hispania cara a Galia coa finalidade de esquivar a persecución do emperador romano Aureliano, así e todo, foi apresada e condenada a morrer queimada na fogueira, mais ó resistir nas chamas foi degolada nun bosque próximo e onde se espallou o sangue naceu un regato. Outra Santa Columba que sufriu persecución acoso e martirio foi Santa Columba de Córdoba. Santa Columba de Córdoba foi unha santa da igrexa católica que viviu en Córdoba baixo o dominio musulmán na volta do século IX. Segundo a lenda foi perseguida polos sarracenos e foi decapitada no mosteiro de Tabanos no ano 853 e o seu corpo arrebolado ao Guadalquivir, mais cando atoparon os seus restos mutilados, Columba estaba incorrupta.

Por último temos a nosa Santa Comba galega. Di a tradición que a Santa Comba galega era a maior bruxa ou meiga do reino pero que foi reconvertida ao cristianismo. Segundo a estudosa Allyson M. Poska, a veneración a Santa Comba ten a súa orixe na Idade Media e o seu culto pode ser unha combinación das dúas virxes e mártires precedentes, Santa Columba de Sens e Santa Columba de Córdoba. Conforme á lenda, Comba foi unha meiga moi famosa de Galicia que se atopou con Xesucristo nun camiño e converteuse ao cristianismo sendo torturada e martirizada pola súa nova fe. Con todo e co paso do tempo chegou a converterse na patroa das bruxas galegas. A festividade de Santa Comba é o día 31 de decembro como San Silvestre. Resulta cando menos curioso que no concello de Santa Comba non exista ningunha igrexa ou capela baixo a advocación desta santa tan celta que da nome ó concello, as festas patronais están adicadas a San Pedro, patrón da parroquia de Xallas de Castrís, e con quen comparte titularidade parroquial na capital do concello. Así e todo na documentación medieval e antiga si aparece o nome de Santa Comba en varias ocasións como; Santa Coomba de Celtegos en 1346, Santa Coomba en 1380, Santa Conba de Jallas en 1409, San Pedro de Santa Coonba en 1409, Santa Coomba de Celtigos en 1436, ecclesie sancti Petri de Sancta Columba en 1441, Sancti Petri de Sancta Coomba de Jallas en 1492. Con todo, no concello de Santa Comba hai un lugar chamado Cícere que lembra á meiga Circe da Odisea e Santa Comba semella ser a continuidade no culto cristiá da meiga celta Morgana, herdeira da Circe homérica. Polo visto Santa Columba foi unha santa da igrexa católica que padeceu o martirio dos musulmáns e converteuse co tempo en patroa da orde dos Mercedarios pasando a ser nalgúns casos a virxe da Merced coa súa icónica palma, coma a virxe das Mercedes de Xerez, e tamén converteuse na orisha maior (Obatalá) da santería cubana. En San Pedro de Xallas atopábase a fortaleza que representaba o poder civil, mais en Santa Comba de Céltigos atopábase a capital do arciprestado e da xurisdición relixiosa, e nun punto intermedio entre os dous centros de poder situábase San Pedro de Santa Comba, unindo o poder civil e o poder relixioso.



No hay comentarios:

Publicar un comentario