lunes, 21 de junio de 2021

Tralo rastro dos suevos en Galicia

                

                                                         Osterby Man

 

TORDOIA, CAPITAL SUEVA 

(torden é "trueno" en danish e tordon é "trueno" en swedish, do xermánico "swe" "uno mismo" "self"). 

Aldemunde, Restande, Castenda, Leobalde, Anxeriz, Formarigo (Hermerico), Carballadrade ou Recarei (Requiario) son topónimos do concello de Tordoia.

Os suevos eran un pobo xermánico que habitaba a ourela leste do río Elba, nunha área comprendida entre o río Elba e o río Oder e que se corresponde na actualidade cos estados de Mecklemburgo-Pomerania Occidental, cuxa capital é Schwerin, e o estado de Brandeburgo, ámbolos dous pertencentes a extinta R.D.A. Era, xa que logo, un pobo báltico e costeiro que se estendía entre Dinamarca e Polonia, de feito a costa norte da antiga R.D.A era chamada Mare Suebicum polos cronistas romanos da antigüidade en referencia aos suevos. Precisamente, por seren un pobo báltico e marítimo, eu defendo que os suevos ou parte deles chegaron a Galicia por vía marítima, en barcos, asentándose primeiramente na provincia da Coruña e despois desprazándose cara as capitais conventuais de Lucus Augusti e Bracara Augusta. Neste senso e como curiosidade hai que dicir que o río Elba crúzase na súa traxectoria lóxica e desemboca de forma inexplicábel á esquerda da península danesa, moi preto da Bélxica e a un tiro de pedra da Galiza por mar. A vía marítima era, contra todo pronóstico, a máis directa, a máis rápida e curta, e moito menos perigosa e conflitiva pois non tiñan que facer frente bélico aos diferentes pobos que se ían atopando na súa longa migración terrestre, polo que é moi plausible que alomenos mulleres e nenos chegaran por mar a Galicia para evitaren os continuos conflitos, liortas e violacións inherentes a calquera longa migración invasora de carácter terrestre que atravesou media Europa no século V. Este feito diferencial, a migración marítima,  pode axudar a explicar a existencia do reino suevo, tan temperá e diferenciado do resto da península, como unha consecuencia das inmemoriais relacións marítimas a longa distancia do Arco Atlántico e a chegada por mar destas xentes. Neste senso a ameaza marítima que supoñían os pobos xermánicos do Báltico fainos comprender a monumentalidade das murallas tardorromanas de Lugo, unha cidade situada aparentemente na periferia do Imperio e moi lonxe do perigo que supoñían as famosas invasións terrestres dos pobos bárbaros do século V d.C.

 




Los reyes suevos de Galicia de Benito Vicetto


A importancia da presencia sueva na provincia da Coruña ponse de manifesto na existencia nesta provincia, e únicos en toda Galicia, de catro lugares chamados "Suevos", isto é; Suevos en Arteixo, Suevos na Baña, Suevos en Mazaricos e Suevos en Ames. Pero tamén podemos atopar o rastro dos suevos no estudio da antroponimia, no estudio dos nomes propios das persoas na actualidade gracias a útil ferramenta desta páxina web: https://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=es&ruta=onomast/nomes.jsp

Así, no caso dos nomes de muller de orixe xermánica podemos observar como estes se concentran fundamentalmente no interior da provincia da Coruña, nas comarcas de Xallas e de Ordes, como é o caso do nome de Dorinda e Adolfina. É ben sabido que as mulleres, por cuestións sociais, culturais e antropolóxicas, sempre foron máis estables dende un punto de vista xenético e territorial, pola contra os homes sempre se moveron moito máis polo territorio tanto de forma individual ou colectiva como de forma pacífica ou violenta.






Froito desta maior movilidade masculina, no caso dos homes tamén podemos observar un patrón territorial con algunha pequena ou grande diferenza. Deste xeito repítese a preponderancia de nomes masculinos de orixe xermánica no interior da Coruña pero desta vez cunha maior presenza de nomes xermánicos tamén na provincia de Lugo e Pontevedra e en moita menor medida na provincia de Ourense. Este modelo de esparexemento obedece como dixemos con anterioridade a unha maior movilidade do acervo xenético masculino que dende A Coruña desprazouse cara as capitais conventuais de Lucus Augusti e Bracara Augusta para construíren a arquitectura territorial do futuro e novo reino suevo de Galicia. Neste senso é paradigmática a distribución de nomes como Álvaro, Gonzalo ou Xermán.

 

 


 

No caso dos homes é curioso o nome xermánico de Herminio. Herminio significa soldado, guerreiro, home armado, e ten a súa maior incidencia nos concellos de Santa Comba, A Baña, Coristanco e Negreira onde eu sitúo persoalmente o mítico Monte Medulio. As crónicas antigas relatan a incursión de Xulio César no golfo Ártabro na procura e perseguimento dos Herminios.  




Porcentaxe de apelidos rematados en *sende e Tordoia ocupando o primeiro posto no ranking










Patronímico derivado do nome altomedieval Suero ou Sueiro, segundo algúns estudosos é un nome de orixe xermánica relacionado coa cidade xermana de Schwerin


Do danés "ramme" co significado de "marco" ou "golpear"




 

  


No caso das mulleres é curioso o nome xermánico de Adolfina. Adolfina é un nome que significa "muller de alta nobreza" e ten a súa maior distribución nos concellos de Ordes, Tordoia e Santa Comba. Tamén podemos observar como os nomes paradigmáticos de Dorinda e Hermosinda se circunscriben ao interior da provincia da Coruña. Alcira é un nome de orixe xermánica que significa "orgullo de los nobles". 

Como dato curioso, dicir que, no concello de Tordoia, como feito diferenciador doutros concellos da contorna, ata hai ben pouco celebrábase unha "comida" dos familiares tralo funeral do defunto semellante á tradición xermana do "banquete do cadáver" ou Leichenschmaus, un ritual funerario que o rexistro arqueolóxico tamén atopou nos enterramentos dos visigodos como por exemplo o de Alquería de Rubio en Gandía.








Un nome realmente curioso é o de Blandina. Blandina é un nome de muller pouco común, frecuente na súa forma masculina Blandinus en contextos altomedievais xunto a nomes claramente xermánicos. É un nome de muller que pervive todavía en Francia e tamén no concello de Santa Comba, particularmente na parroquia de Xallas de Castrís, onde se transmitía de xeración en xeración. De posible orixe xermánica, de brand co significado de espada. A etimoloxía de brand-espada non está clara, posiblemente do proto-xermánico blandan  co significado de mesturar ou amalgama metálica que brilla, a súa vez dunha raíz indoeuropea bhlend co significado de brillar ou brillante, de onde procede a palabra blonde co significado de amarelo brillante ou blenda co significado de brillo metálico. En sentido figurado algo que brilla é algo que cega á visión, de aí que blind sexa cego en inglés. Blanding en danés é mestura. Blondine como unha posible variante de Blandina. Outros nomes con menor presencia son Leonila, Malbina e Elisardo.

 


 

 © Marcos Castro Vilas, arquitecto.

 
 
 

jueves, 11 de febrero de 2021

A significación dos parapetos nos castros

 
  

                                                       Castro de Saa

                                     Castro de Castromaior

Con relación ó significado dos parapetos nos castros en Galicia hai que dicir o seguinte; os celtas eran un pobo moi dado á fachenda, e as murallas desproporcionadas e as entradas excesivamente elaboradas non respondían a sociedades belicosas ou guerreiras, todo ó contrario, eran un símbolo de hospitalidade e intercambio social cos castros veciños e da contorna, unha maneira presumida e fatua de sorprender aos hóspedes nunha sociedade patriarcal, coma un coche de gran potencia, unha moto de gran cilindrada, un topete esaxerado no pelo ou mesmo un casoplón de hoxe en día:

"...as murallas e o foso do castro de Baroña significan varias cousas...hospitalidade, ociosidade e traballo físico de carácter colectivo, e presenza esporádica de estranxeiros hostís...non todos ían ser amigos..."

Para evitar a endogamia no propio castro, os habitantes dos castros veciños visitábanse os uns ós outros, algo semellante o que pasaba fai uns cantos anos cando os nosos pais ían mocear ás aldeas da contorna, e ter unhas murallas potentes ou unha entrada maxestosa era unha boa carta de presentación para os mozos casadeiros do castro...máis ou menos como ocorre na actualidade. A participación na construción da muralla era como facer a "mili" ou ir ó ximnasio, era unha especie de servizo militar. A construción das murallas era unha actividade iniciática de carácter eminentemente masculino e tamén de empregabilidade do excesivo tempo de ocio no asentamento e polo tanto unha actividade física para mellorar a condición física e reservada para os máis mozos do poboado. En definitiva, unha actividade colectiva para reforzar os lazos da comunidade, como antes foron a construción das medorras.
Moitos castros, como San Cibrán de Las, tiñan unha croa, a croa era o salón do castro, nela levábanse a cabo festas, cultos sagrados, casamentos, romerías, intercambio de gando, recolleitas de gran coma nas eiras das casas labregas, ou era o lugar de reunión política dos habitantes dos castros veciños que conformaban unha gentilitas ou castellum, tamén banquetes célticos pantagruélicos. O sentido festivo, sagrado e de reunión da croa dos castros conservouse durante a Idade Media e tamén na actualidade e é moi común por tanto a construción nela de capelas e igrexas onde celebrar romerías e rituais sacros, así como tamén torres e castelos que representaban o poder e a organización política do castellum correspondente a un número de castros determinado en relación a unha área xeográfica concreta coma un val. 
Neste senso o nome de Dactonium dado polos romanos para Monforte de Lemos vén do céltico-indoeuropeo "duc", co significado de dirixir, ou de  "dál", co significado de "prado", "veiga", "asemblea", "reunión", "tribo", "dividir" ou "repartir" e a raíz indoeuropea "ton", co significado de "colina" ou "outeiro".

 



 





© Marcos Castro Vilas, arquitecto

  


jueves, 22 de octubre de 2020

Miguel de Pombo e Pombo

 

                                                 Miguel de Pombo e Pombo

  

Descendente da liñaxe dos Pombo (con orixe en Dubra no lugar do Castropombo) asentados na parroquia de San Martín de Razo e señores das casas de Vilar de Cidre, en Carballo, e Gondreo, en San Pedro de Sorrizo en Arteixo, Miguel de Pombo e Pombo era neto de Don Esteban Pombo, un home que foi bautizado en San Pedro de Sorrizo no ano 1721 e que emigrou a América en compaña do seu sobriño ou primo Juan Antonio, radicándose en Popayán no Novo Reino de Granada, onde desempeñou varios cargos importantes, entre eles o de Tenente Gobernador e Xustiza maior, designado polo virrei D. Pedro Mesía de la Cerda. En Popayán, Don Esteban Pombo casou con Doña Tomasa de Ante e Valencia, matrimonio de onde nacería Doña Agustina Pombo e Ante que casaría co seu primo segundo, o devandito Juan Antonio Pombo, nado en Galicia en 1742. Deste último matrimonio naceron cinco irmáns; María Antonia, o noso Miguel de Pombo e Pombo, María Tomasa, Joaquina e Francisco Antonio Pombo. O seu irmán Francisco Antonio Pombo, nado en Popayán no ano 1787, é tamén recoñecido por ser un valoroso prócer da independencia de Colombia. Fixo a chamada campaña do sur co seu íntimo amigo e tamén paisano Antonio Nariño (oriúndo de Dubra) e foi un dos cinco oficiais que non abandonaron a Nariño tralo repregamento do exército patriota na localidade de Pasto, ante o acoso das tropas realistas.  
Miguel de Pombo e Pombo, Popayán 16 de novembro de 1779, é considerado un dos próceres máis importantes da independencia de Colombia. Se Antonio Nariño é famoso por ser o primeiro tradutor ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán emanada da Revolución francesa de 1789 e tamén por ser recoñecido como o primeiro presidente da Gran Colombia, Miguel de Pombo e Pombo pasou a historia pola súa tradución ó castelán da Constitución dos Estados Unidos, dos artigos da Confederación e da Declaración de Independencia norteamericana, todos eles publicados en forma de libro en 1811. Neste libro insertou un "Discurso preliminar" de 120 páxinas no cal defendía o principio federativo na organización do país. O "Discurso Preliminar" é considerado un dos textos chave no desenrolo da incipiente república do virreinato da Nova Granada.
Miguel de Pombo e Pombo naceu no seo dunha familia prominente de Popayán. Estudou xurisprudencia no Colexio Rosario de Bogotá e pasou unha tempada en Europa. Foi un destacado abogado e desempeñou como tal na Real Audiencia. Aínda que non hai moitos textos de Pombo, son coñecidos algúns escritos inéditos como un discurso político no que defendía a eliminación do tributo indíxena e do estanco de tabaco e outro no que tamén se opuxo á concentración da propiedade da terra. Tamén foi representante do Colexio de Santafé e Secretario da Xunta Principal de Vacuna entre 1805 e 1808. Polo seu amor á ciencia foi nomeado investigador da Expedición Botánica na que foi discípulo de José Celestino Mutis.
Dende o primeiro momento Miguel de Pombo e Pombo abrazou o movemento pola independencia de Colombia a partir do ano 1810 cando foi membro da Xunta de Santa Fé, e a acta de Independencia leva a súa firma. Neste senso, foi Tenente Gobernador de Bogotá no ano 1811, ano no que tamén desempeñou o cargo de Fiscal do Tribunal de Goberno e de Facenda e entre 1812 e 1813 foi deputado polo Congreso. Porén "logo da entrada de Pablo Morillo en Bogotá durante a Reconquista Española, El Pacificador apresouno e fusilouno o 6 de xullo de 1816". Miguel de Pombo e Pombo tiña 36 anos. 
Na relación que elaboraron as autoridades españolas acerca dos crioulos fusilados durante o proceso de independencia describiron a Pombo como "autor de moitos escritos revolucionarios que contiñan máximas heréticas e sediciosas, de Constitucións para o Estado, e un dos máis tenaces e sustentadores da Independencia e inimigo do Rei". A este sobresaínte prócer tamén se lle atribúe a frase "os tiranos perecen, os pobos son eternos".
 
A difusión do apelido Pombo coincide co trazado da vía XX per loca marítima ou vía céltica, os señores de Pombo tiñan casa señorial no Terroal en Santa Comba, no pazo de Vilar de Cidre en Razo e no pazo de Gondreo en Arteixo. A familia Pombo é considerada a familia máis "aristocrática" de Colombia, Manuel de Pombo y Ante asinou a declaración de independencia da Gran Colombia, o seu sobriño Francisco Antonio de Pombo y Pombo, irmán de Miguel de Pombo, foi o único que non abandonou a Antonio Nariño na batalla do Cauca, Lino de Pombo O'Donnell foi o primeiro enxeñeiro e diplomático da Gran Colombia, José Ignacio de Pombo y Ante foi un recoñecido filántropo e benfeitor da cidade de Cartaxena de Indias promovendo a construción do canal para unir a cidade co río Magdalena.


Cartografía do apelido Pombo na provincia da Coruña

    

                     

BIBLIOGRAFÍA:
 
- POSADA CARBÓ, EDUARDO: "Miguel de Pombo, mártir de 1816". Artigo publicado no periódico ELTIEMPO de Colombia (12/05/2016). 
- "Pombo. Origen y linaje del apellido" en www.xenealoxía.org
- "Miguel de Pombo" en www.wikipedia.org/wiki/Miguel_de_Pombo
 
 
 



Deceso de Jesús Nariño Gómez

 

 

O día 8 de Outubro de 2020 faleceu, a idade de 83 anos, Jesús Nariño Gómez, na súa casa de Portocarreiro (Santa Comba). Será enterrado no cemiterio da Igrexa parroquial de San Fins de Freixeiro no concello devandito de Santa Comba. Era primo segundo da nosa familia, de Concepción Vilas. D.E.P. 




martes, 14 de julio de 2020

O miliario romano de Portomouro (Val do Dubra)





A rúa de Entrepontes debe o seu nome porque a súa traza discorre entre a ponte que cruza o río Tambre e a ponte que cruza o río Dubra. A rúa de Entrepontes, en Portomouro, no concello de Val do Dubra, concorda exactamente coa antiga mansión romana de Ad Duos Pontes, pertencente ó trazado da famosa e misteriosa vía XX per loca marítima e, xusto alí, localízase un miliario en granito silvestre de 2 metros de altura, 50 centímetros de base e 60 centímetros de diámetro coa seguinte inscrición "Ad Duos Pontes, mansio viaria da via XX per loca marítima" e, a continuación, unha detallada enumeración das diferentes mansións que compoñen a devandita vía con cadansúa distancia en millas.













© Marcos Castro Vilas, arquitecto