martes, 30 de septiembre de 2025

Os árabes da Qalisiya




É moi probable que o apelido Caamaño ou Calamaño teña unha orixe árabe, da raíz "cala", co significado de "fortaleza", e da raíz normanda "maño", co significado de "grande" polo que o apelido Caamaño signifique "fortaleza grande".
Aliados dos normandos, hai constancia noutras partes da península que tanto sarracenos coma vikingos estableceron alianzas de colaboración mutua, de aí a famosa liñaxe dos García Caamaño, señores fundadores de Vilagarcía, na ría de Arousa, ou cando non notorios escribáns nas vilas de Muros e Noia.
Con porto base no castro de Caamaño, en Porto do Son, e no castelo de Penafiel en Carnota, os Caamaño, ensarillados cos vikingos, tamén estableceron casa forte nas terras baixas dos normandos, no lugar de Cereo Vello en Coristanco, na comarca de Bergantiños.
No lugar que ocupaba o gran castelo circular de Penafiel consérvase unha enigmática inscrición de excomuñón que ten tamén a curiosidade de estar escrita de dereita a esquerda, xustamente do mesmo xeito a como escriben os árabes. O topónimo Quilmas vén da raíz árabe "qil'a", que significa "fortaleza", e da raíz normanda "mas" "maz" "mans", do latín "ma(g)is", co significado de "grande" "destacado". No lugar atópase tamén a Pedra Quitina, do normando "quite", co significado de "liberada".
Os Caamaño sempre estiveron moi vinculados á ría de Noia e aos concellos de Porto do Son, Muros, Noia e Carnota, unha maneira de controlar a estratéxica desembocadura do Xallas e do Tambre, pois usaron a ría de Noia e o Tambre como porta de entrada na cidade de Santiago de Compostela. Deste xeito ascenderon río arriba ata Negreira e ata a Ponte Maceira para conquistar así as xenuinas terras dos galaicos en Santa Comba e tamén para establecer unha delegación representativa no mítico monte Medulio dos galaicos, lugar tradicional e simbólico do poder político dos célticos supertamaricos e dos suevos na Gallaecia, e de pasada tamén arrasar e saquear as múltiples riquezas da próxima cidade do Apóstolo. Se a torre de Randulfe, a fortaleza de Ulfo o galego, entre Boaña e Ser, é a capital normanda de Santa Comba e de Galicia, o lugar de Mira, xunto á lagoa de Alcaián, é a capital sarracena de Santa Comba e de Galicia. Pódese afirmar incluso que houbo un pequeno "estado" normando e un breve "estado" sarraceno con capital nas terras altas de Santa Comba, por algo sería.
Mesmo semella que Galicia foi o lugar escollido por vikingos e sarracenos para intercambiar os seus dirham de prata, convertendo a Galicia nun importante e fundamental nodo de intercambio comercial entre o mediterráneo e o norte de Europa.
Por este motivo nas terras altas da terra de Xallas e da terra de Montaos temos tamén, xunto a normandos e suevos, unha considerable toponimia de orixe árabe que debullamos a continuación. 
Así no concello de Tordoia temos lugares como:
Anxeriz, do xermanismo Anserico ou ben do árabe "ansar", co significado de "anexo", "auxiliar", "axudante", "apoio" ou "defensor" ou "vitoria", Alborin, do árabe "būr", co significado de "terreo baldío", Alborís, tamén do árabe "bor", co significado de "terreo improductivo", Albagueira, do árabe "al-baqara", co significado de "vacariza", Vilasal, do árabe "salla", co significado de "orar", "rezar", e finalmente Arabexo en Val do Dubra, co significado de lugar próximo ás terras dos árabes.
No concello de Santa Comba temos lugares como:
Mira, do árabe "emir", co significado de "príncipe", "comandancia", A Rabadeira, do árabe "rabad", co significado de "barrio", "suburbio", Arijón, do árabe "arij", co significado de "frescura", Alcaián, do árabe "al-kayan", co significado de "entidade política", "estado", Mostaza , do árabe "mustashfá", co significado de "hospital" ou do árabe "mustashar", co significado de "escribán" "asesor", Chafarís, do árabe "safarig", co significado de "canal de auga", Baçar, do árabe "basha" e do turco "pasha", co significado de "gran xefe" ou "señor", Faxín, do árabe "faj", co significado de "camiño entre montañas", Almozara, co significado de "chaira destinada a exercicios militares" ou ben "campo de trigo", Alqueidón en Brión, do árabe "al-qaidun", co significado plural de "líder" ou "comandante", Adoufe e Tafín tamén en Brión, do árabe tafona, co significado de "muíño", Bertamiráns do árabe "barr" co significado de "campo", Cirro da raíz "ṣirr" co significado de "xeada", e Almáciga en Santiago, co significado de "campo de regadío".
Os sarracenos tamén fixeron importantes incursións nas Rías Baixas, no sur de Galicia, na Lanzada e no importante atallo ou paso do Oitavén, co fin de acadar as terras de Ourense. Segundo a lenda, no lugar de Anceu en Fornelos de Montes atópase a tumba do derrotado xeneral musulmán Al-Malik (malik é rei en árabe) e por este motivo os reis de Castela levantaron poderosas fortificacións en pedra en Baiona, na Lanzada ou en Soutomaior, tamén se pensa que a famosa liñaxe dos Soutomaior ten a súa orixe neste proceso defensivo  das costas do sur de Galicia levado a cabo polos reis de Castela para protexerse do constante ataque dos sarracenos. 










© Marcos Castro Vilas, arquitecto




No hay comentarios:

Publicar un comentario