miércoles, 20 de noviembre de 2024

Vilar de Gómez e Vilar de Andrade

 

O 19 de Maio de 1506, co gallo do seu pasamento, Cristovo Colón testou en Valladolid que a décima parte das rentas  anuais de morgado obtidas nas novas Indias descubertas pasasen aos seus parientes máis próximos. Con eses cartos o clan dos Pombo de San Fins de Freixeiro adquiriu o fundo ou quinta de Vilar de Gómez en Fafia e mais o fundo ou quinta de Vilar de Andrade (Terroal) e mais o lugar e debesa de Campañon en Castro na devandita parroquia montaraz de San Fins de Freixeiro no concello de Santa Comba, arciprestado de Dubra. E tamén podemos afirmar que a construción das torres do Allo en Zas e a reconstrución das torres de Mens en Malpica custeáronse coa liquidez das rentas vitalicias que cada ano os descendentes de Cristovo Colón transferían aos seus achegados máis próximos en función das directrices recollidas no antedito testamento.
En Fafia, na freguesía de San Fins de Freixeiro existe un casal ou fundo de grandes dimensións coñecido nos arquivos históricos polo nome de Vilar de Gómez. Deste xeito no Arquivo Histórico da USC existe un documento onde Juan Neto de Malvares (alias Juan Pombo) dispón dos montes de Vilar de Gómez e no AHDS aparecen Ana María Louzán e María Louzán como residentes en Fafia pola volta de comezos do século XVIII. Juan Pombo era irmán de Martín Pombo e ámbolos dous fillos de María de Companon do lugar do Terroal, outro fundo ou casal de grandes dimensións coñecido nos arquivos como Vilar de Andrade ou Vilar de Andeade. Pola súa parte Juan Neto de Malvares (alias Juan Pombo) era cuñado ou sogro de María Nariño casada con Domingo Neto, o seu irmán ou o seu fillo.
Seguindo coa historia ou relato anterior, cos cartos da venda de Vilar de Gómez en Fafia ao clan dos Pombo, Alonso Gómez de Riobóo fillo de Gomes de Riobóo e de Berenguela Sánchez de Moscoso sufragou os gastos de construción da torre medieval do Allo en Zas, unha práctica que se sostería e se repetiría no tempo coa venda de terreos e propiedades aos Pombo en Razo e Sorrizo, soar primixenio dos Pardiñas e Villardefrancos no coto de Cambrelle. Esta rama dos Pombo de Razo e Sorrizo emigraría a comezos do século XVIII ao virreinato da Nova Granada e tanto Manuel de Pombo como o seu sobriño Miguel de Pombo e Pombo encabezarían a acta de independencia da Gran Colombia (Terra Firme colombina) xunto co seu familiar e veciño Antonio Nariño, primeiro presidente da Gran Colombia.
Cos cartos da venda de Vilar de Andrade (Terroal) pagáronse os gastos da reconstrución das torres de Mens en Malpica. Rodrigo Osorio de Moscoso e a súa muller Teresa de Andrade sufragaron os gastos da reconstrución das torres de Mens, destruída polos irmandiños. Rodrigo Osorio de Moscoso, conde de Altamira, era fillo de Urraca de Moscoso e Castro e primo de dona Berenguela Sánchez de Moscoso, muller de Gomes de Riobóo.
Deste xeito estableceuse de por vida unha estreita relación entre os Pombo do Terroal e Fafia e as familias nobiliarias dos Moscoso e Gómez de Riobóo, condes de Altamira e señores do Allo, respectivamente, e que se consumou no lugar de Malvares (Val do Dubra) co matrimonio entre Jacinto Gómez de Riobóo y Luaces e Dominga García y de Vila e tamén novamente entre os Moscoso e os Gómez de Riobóo co matrimonio de Nicolás Gómez de Riobóo e Dorotea Romero de Moscoso Prego de Montaos, tamén no lugar de Malvares.
Froito desta alianza estratéxica entre os Moscoso e os Gómes de Riobóo cos familiares e parentes próximos de Cristovo Colón deu comezo o ascenso, auxe e apoxeo das dúas casas nobiliarias galegas chegando, no caso dos Osorio de Moscoso, condes de Altamira, a converterse na nobreza máis intitulada de España.
 
Mentres na escola un gris e aburrido mestre de literatura galega explica os tamén grises e tristes séculos escuros, dáse a paradoxa que durante os séculos xvi, xvii e xviii, nunha pequena e montaraz aldea galega, unha rama perdida de Pipino o Vello e Hugo Capeto e de Pedro Fróilaz de Traba, conde de Trastámara, estaba a argallar novamente a construción dun imperio tan grande coma o carolinxio, un anaco de paraíso, á outra beira do Atlántico chamado agora república da Gran Colombia ou Terra de Gracia colombina.

Resumo: Vilar de Gómez correspóndese co casal de Fafia onde e segundo os documentos do Ahds residían pola volta do século xviii Ana Louzán e Ana María Louzán. Pero tamén sabemos gracias a documentos do Ahus que a comezos do século xvii Juan Neto de Malvares, irmán de Martín Pombo e fillo de María de Companon (Castro de Freixeiro) residente no casal do Terroal (Vilar de Andrade), dispoñía dos montes de Vilar de Gómez.
 
 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
 
 
 

martes, 19 de noviembre de 2024

As Torres do Allo, de torre medieval a pazo cos cartos do clan familiar de Cristovo Colón

 
 
 
 
Antecedentes históricos: Comezos do século XV, dúas fillas da poderosa casa do conde de Lemos casan coa arisca e hostil nobreza trastamarista herdeira do famoso Pedro Froilaz de Traba, pai de Fernando Pérez de Traba que foi marido de Teresa de León, nai de Afonso Henriques o primeiro rei de Portugal. Xoana de Castro faino con Rodrigo Sánchez de Moscoso, señor de Altamira, e a súa irmá Leonor de Castro faino con Pedro Bermúdez o Vello, señor de Montaos.
Ao mesmo tempo Gomes de Riobóo, da torre dos García Pardiñas de Razo e aio dos Moscoso, casa con Berenguela Sánchez de Moscoso ou Monscoso e funda o vínculo e morgado das Torres do Allo en Zas. O seu irmán García Pardiñas, aio de Fernando de Castro merino maior dos pazos de Lestrove, casa con María de Caión Bermúdez de Castro e funda o vínculo e morgado do pazo de Vilardefrancos en Sofán (Carballo).


Pero continuemos a historia onde a habiamos deixado. Temos unha demanda de fidalguía remitida ao concello de Dubra avalada polos RR.CC datada no 8 de novembro de 1491 no Real de la Vega de Granada a nome de Rodrigo Louzán. Por un documento existente en GMH sabemos que era Rodrigo Louzán de Vilas, por ser os seus ancestros procedentes do lugar de Vilas en Brión.

Tamén sabemos que o morgado de Cristovo Colón inclúe unha disposición testamentaria onde otorga o 10% dos beneficios das Indias aos seus parentes máis próximos. No mesmo senso os RR.CC proporcionan aos familiares de Colón unha casa e solar no lugar de Campañón ou Compañón en San Fins de Freixeiro (Santa Comba), despois coñecido como o Reguengo. Cos cartos da herdanza colombina os Louzán de Vilas, agora fidalgos, compraron para os seus descendentes a quinta de Fafia, Vilar de Gómez nos documentos (ACS) (Ahus), e a quinta do Terroal, Vilar de Andrade nos documentos (ACS) (Ahus), sitas nos dous ramais da Vía Céltica ao seu paso pola parroquia de San Fins de Freixeiro, concello de Santa Comba, arciprestado de Dubra. Coa venda da quinta de Fafia os Gomes de Riobóo reedificaron a torre medieval do Allo e a converteron no primerio pazo de Galicia e coa venda da quinta do Terroal os Romero de Moscoso reedificaron as Torres de Mens en Malpica. Deste xeito os Gomes de Riobóo e os Romero de Moscoso pasaron a formar parte da familia.

Á quinta do Terroal ou casal dos Pomboleiros, como é coñecido vulgarmente e que inclúe un pequeno castro nos seus lindes chamado o Castropombo, foise a vivir María de Compañón ou Campañón, nai de Xoán Neto de Compañón (ACS), alias Xoán Pombo, que casaría para o lugar de Malvares, e de Martín alias Pombo que marcharía para Razo-Sorrizo. Xoán Neto de Compañón casado con Mariña Guardado, era cuñado de María de Nariño, irmá de Xoán de Nariño (ACS) que veu de criado a traballar na casa dos Gomes de Riobóo de Malvares. Pola outra banda Martín Pombo sería a orixe do clan familiar dos Pombo de Razo e Sorrizo que a comezos do século XVIII emigrarían cara o virreinato da Nova Granada e onde Manuel de Pombo e o seu sobriño Miguel de Pombo Pombo encabezaron e firmaron a acta de independencia da República da Gran Colombia e cuxo primer presidente sería curiosamente tamén Antonio de Nariño. Deste xeito os dereitos sobre a Terra Firme que se lle negaron a os parentes ilustres de Colón (os Toledo) conseguíronos os parentes "aldeanos" de Cristovo Colón.

Simultaneamente continuaría prologándose no tempo a entente entre os Gomes de Riobóo-García Pardiñas Vilardefrancos e os Pombo coa súa política de venda de propiedades nos lugares de Razo, Buño e Sorrizo, de tal xeito que os Pombo se converterían en señores do pazo de Vernes en Razo así como señores do pazo de Gondreo na finca Galea en Sorrizo, xunto ao pazo das Covadas, propiedade de Pedro Gomes de Riobóo, como se pode comprobar nun documento de 1642 a nome de Xoán Pombo existente no ARG. Os Pombo compraban propiedades e cos cartos os Gomes de Riobóo e os García Vilardefrancos reedificaban suntuosos pazos como o de Vilardefrancos ou o de Pallas en Carballo ou o devandito das Covadas en Sorrizo que teñen nos seus escudos un pendón co cáliz símbolo de Galicia.

A quinta de Fafia tamén incluía un pequeniño núcleo rural nos seus lindes chamado O Pombal e nun documento existente no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS) pódese comprobar que nela residían pola volta do século XVIII Ana e María Louzán.  Tamén nun documento existente no Ahus e datado no ano 1617, Xoán Neto de Malvares (alias Xoán Pombo) cedía o uso dos montes de Fafia a Francisco de Figueroa. Ao mesmo tempo o casal orixinario do Reguengo-Compañón, entre Suevos e Ser, convertiríase co paso do tempo no emprazamento onde os García de Figueroa e os Vilas acabaron exercendo o seu oficio de escribáns de número da xurisdición de Xallas, moi preto da aldea de Vilarnovo onde os Louzán enlearan ao comezo desta xenealoxía, pola volta do século XV, cos Palmeiro e cos Pacheco, apelidos de suposta  orixe sefardita, pero desto xa hai menor constancia pola súa distancia no tempo.


Fontes: Ahus, ARG, AHDS, ACS, GMH
 
 
 

 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto. O tempo non é un instante é un ancho de banda.
 
 
 
 
 
 

lunes, 18 de noviembre de 2024

A verdadeira idade de Cristovo Colón

 

 

En base aos numerosos escritos que nos deixou o mesmo Cristovo Colón e tamén ás informacións que nos achegaron os seus coñecidos, con datas e datos precisos, resulta cando menos bastante sinxelo intentar especular ou establecer unha data precisa de nacemento para o xenial navegante e mesmo bosquexar unha pequena cronoloxía precisa da súa intensa e interesante, ao mesmo tempo que descoñecida, traxectoria vital. Vexamos de seguido algúns destes documentos imprescindíbeis para coñecer a enigmática vida de Cristovo Colón.
O máis importante é, sen nengunha dúbida, o documento do cronista Andrés Bernáldez que afirma que Colón finou arredor dos 70 anos de idade, o cal nos leva a fixar unha data de nacemento de Colón arredor do ano 1435:

"Andrés Bernáldez, Cura de la villa de Los Palacios (Sevilla), en sus Memorias del Reinado de los Reyes Católicos nos dejó la única nota necrológica sobre el fallecimiento del Almirante". 

"El cual dicho Almirante don Cristóbal Colón, de maravillosa e honrada memoria (…), estando en Valladolid el año de mil quinientos seis, en el mes de mayo, murió inventor de las Indias de edad de setenta años: Dios le ponga en Gloria".
 
Outro dato importante referente a súa vida aparece nas tres versións da carta de Xamaica e máis en dous memoriais de Colón, e di así:

"Como quyera que desde hedad de veynte e ocho años syrvió en la dicha empresa e conquista de dichas Yndias".
 
"E de todo lo susodicho le mandaron dar sus cartas e  prevylegios e provysiones  y confirmaçiones de que faze presentaçión y Como quyera que desde hedad de veynte e ocho años syrvió en la dicha empresa e conquista de dichas Yndias en que fizo a vuestra Alteza tan grande e señalado serviçio sin gasto de su patrimonio real".
 
Quérenos sinalar con isto que á idade de 28 anos, máis ou menos, comezou o seu labor investigador e a adicarse en corpo e alma ao proxecto descubridor, é dicir, Cristovo Colón trasladouse a Portugal arredor do ano 1460 cando tiña 25 anos de idade.
Outro texto salientábel e fundamental que nos indica o tempo que Colón residiu de forma estable en Portugal preparando o seu proxecto investigador e coñecendo en profundidade mediante a navegación o océano Atlántico é o seguinte:

"Yo he andado veintitrés años en la mar, sin salir della tiempo que se haya de contar, y vi todo el Levante y Poniente, que dice por ir al camino de Septentrión, que es Inglaterra, y he andado la Guinea". (Diario de Abordo Primer Viaje 21 de Diciembre 1492).

É dicir, dende 1460 ata 1483, ou ben dende 1462 ata 1485, Colón reside de maneira estable en Portugal, durante alomenos 23 anos, e navega con certa frecuencia á Guinea e a Thule. Pola contra da súa estancia en Castela intentando vender o seu proxecto descubridor aos Reis Católicos dan conta os seguintes documentos:

"Señores: Ya son diez y siete años que yo vine á servir estos Príncipes con la impresa de las Yndias: los ocho fuí traído en disputas, y en fin se dio mi aviso por cosa de burla". (Folla solta en papel a man do Almirante escrita por volta de 1500 cando o trouxeron preso), (9 anos dende 1483 e 8 anos dende 1492).

"Siete años, dice, pasó aquí en su Real Corte disputando el caso con tantas personas de tanta autoridad y sabios en todas artes, y en fin concluyeron que todo era vano, y se desistieron con esto dello: después paró en lo que Jesucristo Nuestro Redentor dijo"
. Fai alusión ó lapso de tempo comprendido entre 1485-1492.

"20 años que he servido con tantos trabajos y peligros que no tengo en Castilla ni una teja". A carta está datada no ano 1503, é dicir, Colón entrou en Castela no ano 1483.

Para finalmente facer un resumo de toda a súa actividade descubridora durante máis de 40 anos no seguinte texto, unha carta aos Reis de Castela escrita en Cádiz ou en Sevilla no ano de 1501:

"Muy altos Reyes: De muy pequeña edad entré en la mar navegando, e lo he continuado fasta hoy. La mesma arte inclina á quien le prosigue á desear de saber los secretos deste mundo. Ya pasan de cuarenta años que yo voy en este uso. Todo lo que fasta hoy se navega, todo lo he andado". 
 
Isto retrotráenos ó ano 1460, cando Cristovo Colón chegou a Portugal con 25 anos e comezou os seus estudos investigadores para preparar o proxecto colombino que o faría mundialmente famoso. Cristovo Colón descubriu América ós 56 anos de idade, en plena madurez e con tempo suficiente para elaborar un proxecto de tal envergadura que lle permitiu acadar un profundo bagaxe cultural, intelectual e marítimo que amosou nos seus numerosos escritos, non foi, nin moito menos, unha cousa improvisada de un día para outro, Cristovo Colón tivo tempo en Portugal de coñecer con fondura tódolos segredos do Atlántico.

Xa que logo podemos elaborar un resumo da traxectoria vital do noso protagonista. Cristovo Colón naceu no ano 1435 nun lugar agora xa ben determinado da Galiza e tras rematar os seus estudos "universitarios" en Santo Domingo de Bonaval foise a traballar a Portugal, onde residía a elite náutica de finais da Idade Media en Europa. A Portugal chega no ano 1460, cando tiña 25 anos. No ano 1462 únese o seu irmán Bartolomeo Colón (nado en 1437 e dous anos máis novo que o propio Cristovo Colón), por aquel entón Colón tiña 28 anos e o seu irmán 25 anos. Xuntos deciden arrendar en 1462 un pequeno almargem, un alpendre cun prado nunha veiga e cuns poucos animais, no chamado Vale dos Poços en Torres Vedras e preto da quinta onde residía a súa muller Felipa Moniz, a nome dun tal Joham Louzam (cunha grafía claramente castelá). Dende 1462 ata 1483 ou 1485 Cristovo Colón e o seu irmán residen de forma estable en Portugal, intentando embarcarse en calquera proxecto de navegación previsto no Atlántico a custa de mesturarse coa florinata exploradora portuguesa que posuían as súas fermosas quintas de lecer e esparcimento no soveral termo de Torres Vedras. Durante estes 20 anos ou 23 anos Cristovo Colón adquire tódolos coñecementos náuticos sobre a navegación no océano Atlántico, navegando con asiduidade á Guinea e ao Septentrión. Porén ó ser incapaz de convencer ó rei de Portugal por razóns obvias, decide entrar en Castela no ano 1483-1485 coa intención de probar sorte e vender a súa empresa descubridora aos Reis Católicos máis ocupados na conquista de Granada. Son nove anos de continua disputa e desgaste ata o ano de 1492 en que descubre América á idade de 56-57 anos, despois de atesourar unha fonda experiencia náutica e cartográfica sobre o Atlántico. Así e todo, en 1490 cando mellora sustancialmente a súa posición económica e social en Castela adquire para si e como é debido un casal de pan e viño no Termo de Torres Vedras no mesmo lugar inicial onde alquilaran aquel pequeno almargem portugués pola volta de 1462, do mesmo xeito que o resto de familias ilustres de navegantes e exploradores portugueses do termo de Torres Vedras como eran os Correia, Moniz, Melo, Vaz Teixeira, Perestrello, Alarcao ou Zarco. Cristovo Colón faleceu en Valladolid en 1506 á idade de 70-71 anos tal e como nolo trasladou o cura dos Palacios, Andrés Bernáldez.




© Marcos Castro Vilas, arquitecto