miércoles, 16 de octubre de 2019

A curiosa etimoloxía do Berbés





O Berbés é un coñecido barrio mariñeiro do casco vello da cidade de Vigo. O topónimo do Berbés componse de dúas raíces etimolóxicas claramente diferenciadas:

Por unha banda temos a famosa raíz "ber" ou "bar". A raíz "bar" é unha famosa raíz etimolóxica de orixe fenicia moi abondosa na costa de Galicia. Está presente en topónimos coma Barra, Barbanza, Baroña, Barizo ou Bares. Significa mar, costa, porto, refuxio ou pousada marítima. "Bar" en lingua semítica significa mar. Outra posibilidade etimolóxica é a suposta raíz indoeuropea "var" co mesmo significado de auga ou ourela. Desta raíz derivarían palabras coma "vera" ou "beira".

Por outro lado temos a raíz "bes" con outro significado totalmente diferente. A raíz "bes" está presente en palabras coma "veso", "vesar", "bisel" ou "bies". "Beso" en galego significa "virar" ou "xirar", o "veso" era o arado de ferro, unha peza metálica en bisel empregada para xirar ou voltear a terra. A palabra "bisel" comparte a mesma orixe e vén do francés "biaiseau" co significado de "dirección oblicua". Todas as palabras anteriores proceden a súa vez do termo latino "biaxis" co significado de oblicuo ou sesgado.

Polo tanto, e rematando, o topónimo Berbés significa costa oblicua que mira ó solpor, lugar onde a costa xira para adoitar unha dirección sesgada en contraposición a un tramo rectilíneo previo. O Berbés sería, en definitiva, un refuxio marítimo, un porto de mar situado nun tramo de costa oblicua que xira para arrostrarse directamente ó solpor. 
Noutro senso, a raíz "bes" pódese interpretar coma unha adaptación, corrupción ou evolución fonética da palabra "baixo", e polo tanto o topónimo Berbés viría a significar algo así como "ribeira baixa".







Marcos Castro Vilas, arquitecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario