martes, 24 de octubre de 2023

Grandimirum, a gándara dos xefes



-Mir ou -mil é un sufixo xermánico de orixe indoeuropea que significa "destacado" ou "sobresaínte", deste sufixo derivan palabras coma "emir" ou "almirante" ou mesmo a casa de Altamira, señores do condado de Trastámara. Tamén a voz inglesa "more" ou "meer" en alemán co significado de "máis", ou "maire" "mairie" en francés co significado de "alcalde" ou "alcaldía", e "meiro" en galego co significado de "maior". "Mor" é grande en gaélico escocés, "mawr" é grande en galés e "maha" é grande, poderoso e forte en sanscrito. Neste senso para un mesmo significado temos dúas variantes ou alternativas, por un lado "destacado" significa "grande" e por outra banda "destacado" significa "xefe" ou "poder".
A cadea montañosa do Cáucaso amais de ser unha barreira natural tamén constitúe unha costura que permite a mestura e a permeabilidade cultural entre dous mundos antagónicos como son o norte e o sur e deste xeito existen moitas palabras indoeuropeas que regan ou son compartidas polas linguas árabes e semíticas, é o caso da palabra burg que significa "torre" en lingua árabe e que deriva da voz indoeuropea brig, do mesmo xeito tamén temos a palabra emir que significa "xefe" en árabe e que deriva dunha raíz europea mir co significado que explicamos con anterioridade.
Por outra banda temos gándara ou granda, unha palabra de orixe prerromana que define as chairas de erosión de escaso valor agrícola e de vexetación baixa e pobre existente entre as montañas, unha gándara sería unha penichaira ou charneca en portugués. A localización dos campos de mámoas segundo Florentino López Cuevillas responde ao seguinte esquema: "se encuentran con preferencia muy acusada las mámoas en lugares no aprovechados por la agricultura, tales como las gándaras o las llamadas terminales de las montañas o sierras...la mayoría de las necrópolis se hallan emplazadas en llanos altos o en gándaras...las mámoas que se ven con mucha más frecuencia en las planicies terminales que en las laderas".
Xa que logo ou daquela, o Grandimirum romano, a mansio romana da famosa vía xx per loca marítima do itinerario de Antonino, que uns sitúan en Brandomil e outros situamos con máis acerto no lugar do Hospital en Xallas de Castrís, sería a gándara por excelencia ou a terra dos xefes, unha meseta entre montañas onde se atopaba o mítico monte Medulio das crónicas de Tito Livo e que chegaron a nós a través dos textos de Floro e Orosio. Os famosos montes de Moscoso, mons Coso, referenciados no catastro de Ensenada como os montes de Portochán, que estremaban ó sur coa parroquia de San Martiño de Cousieiro no Val do Dubra e ó norte coa parroquia de San Miguel de Couso no Coristanco. A casa nobiliaria dos Moscoso era unha das liñaxes máis importantes da Galicia medieval herdeira do poder dos Trava, como señores do condado de Trastámara, e tiveron a súa continuidade na casa nobre de Altamira, da raíz -mir (xefe) e do latín altus (outeiro, altozano), a máis intitulada das casas nobiliarias de Galicia e de España con 9 ducados.



Distribución do apelido Mouro


"mawr" é unha palabra galesa que significa "grande" "forte" "poderoso", tamén en gaélico escocés, unha lingua céltica anterior ás invasións bárbaras dos pobos xermánicos, dise "mor".
 
A mesma etimoloxía redundante e residual atopámola nese mesmo lugar no nome do río Mira e na parroquia xalleira de Baçar que se localizan precisamente no corazón da gándara de Grandimirum. O topónimo de Baçar está relacionado co termo éuscara "buruzagi" ou "buzari" e co termo húngaro "vezet", co significado de "líder" "guiar" ou "gran xefe". Coa mesma raíz temos a palabra inglesa "boss", co significado de xefe e procedente do antigo alemán "baas" e do protoxermánico "baswo", co significado de mestre. Tamén en lingua árabe "basha" significa "gran xefe" igual que a voz turca "pasha" e de onde vén a palabra "bajá". En proto-turco, turco, turcomano, azerí, karajaní, persa-khalaj ou tartar de Crimea, o termo "bash" fai referencia a "cabeza" ou "liderado". Polo que o topónimo Baçar co significado de "gran xefe" ben pode ser, cando menos, un nome de orixe xermana ou árabe para designar unha zona de moito poder político.

 


© Marcos Castro Vilas, arquitecto



Malvares, Paleolítico e Neolítico

Os montes recios de Boiro, montes de Malvares, de uces e queirogas, son unha pequena Escocia ou Cumbria galega. A paisaxe máis meridional de xeos perpetuos da última glaciación durante o Paleolítico, de cando os glaciares cubrían practicamente a totalidade de Irlanda e Reino Unido.

 

 


 

 

Lake District, Cumbria

 


 



E a paisaxe de Malvares durante o neolítico; asentamento dos primeiros agricultores e gandeiros, construtores no gandarón de mámoas e medorras, en cor vermella;






© Marcos Castro Vilas, arquitecto