martes, 19 de septiembre de 2023

O couto de Boyro, señorío e xurisdición dos Gómes de Riobóo

 

 
Os Gómez de Riobóo Vilardefrancos pertencían a liñaxe dos Pardiñas Vilardefrancos e eran donos e señores da torre de Pardiñas en San Martiño de Razo. O seu escudo tamén está presente na torre da Penela no lugar de Riobóo de onde toman o apelido e tamén na torre de Nogueira en Coristanco. Ámbalas dúas fortificacións controlaban o trazado da famosa vía XX per loca marítima ao seu paso por terras de Bergantiños. De feito dise que a familia Gómez Riobóo eran procedentes da torre da Penela en Cabana de Bergantiños e eran vasalos do conde de Altamira. A torre da Penela foi levantada por Lope Bermúdez emparentado coa liñaxe dos Altamira tralo seu casamento con Urraca de Moscoso, descendente esta última da familia dos Bermúdez de Trava.
Gomes de Riobóo, vasalo da casa de Altamira, acadou notoriedade tralo seu matrimonio con Berenguela Sánchez de Moscoso, filla do primeiro conde de Altamira, don Lope Sánchez de Moscoso, quen cedería a concesión do título, agora vitalicio, de conde de Trastámara ao fillo varón da súa tía Urraca de Moscoso.
Tralo casamento de Gomes de Riobóo con Berenguela Sánchez de Moscoso acabarían por se converter en señores do Allo no século XV e do pazo das Covadas no século XVII no lugar de Sorrizo no concello de Arteixo, e tamén chegarían a ser señores do pazo de Xornes en Buño no século XVIII. As torres do Allo, en Zas, constitúen o primeiro pazo existente en Galicia destas características.
Foi o fillo de Berenguela e Gómez de Riobóo, chamado Alonso Gómez de Riobóo, quen herdou as propiedades do Allo e comezou a construción da torre norte do pazo, coñecida como a Torre Viexa, a finais do século XV e comezos do século XVI e en estilo gótico e renacentista. Alonso Gomes de Riobóo Vilardefrancos, nado en 1460, foi o primeiro señor do Allo. Os traballos de construción da torre foron encomendados a un descoñecido arquitecto da escola de Enrique de Egás, que tamén deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela. No século XVII, Antonio Gomes de Riobóo casa con María das Seixas de Cabanas e o fillo da parella chamado Gomes de Riobóo Seixas Vilardefrancos constrúe a segunda torre e mailo corpo central que as une entre os anos de 1669 e 1689.
A capela de San Pedro do Allo foi ordenada construír por Gómez de Riobóo, alcumado "O Vello" e no ano 1607 aparece como filial de San Cremenzo de Pazos. O comezo da construción da igrexa de San Pedro do Allo levouse a cabo con toda probabilidade na segunda metade do século XVI, xa que hai datos que din que foi enterrado nela, en 1578, Gómez de Riobóo alias "O Vello". Porén a fachada non pode ser datada ata os primeiros anos do século XVII, que é cando seguramente se remate a obra. Xemelga á capela de San Pedro do Allo en Zas, era a capela de Santo Estevo en Malvares, no concello de Val do Dubra, rematada no ano 1607 e seguramente mandada construír polos Gómez de Riobóo. Por desgraza a capela orixinal foi destruída e vendida na súa totalidade a mediados do século XX polo cura local daquel tempo.
O couto de Boiro, formado polos núcleos rurais de Boiro e Malvares, conforma unha pequena Escocia na parte máis meridional de Europa, unha paisaxe de orixe glaciar entre os montes recios de Boiro e os montes de Moscoso. O núcleo de Malvares, co seu castro característico, atópase nunha pequena artesa glacial ou val pendurado coa súa típica sección en U, namentres que o núcleo de Boiro atópase na chaira de inundación ou val plano do que foi no seu tempo un lago glaciar coa súa "morrena" terminal de acumulación sedimentaria.
O couto de Boiro e a capellanía de Santo Estevo, como xurisdición independente da parroquia de San Vicenzo de Rial, foi unha especie de mini-estado para a familia Gómez de Riobóo pois residiron e ficaron na aldea de Malvares de xeito continuado alomenos durante os últimos catro séculos. Alonso Gómez de Riobóo "O Vello" (1515-1578), casado con Mencía de Andrade, foi pai de Gómez de Riobóo Vilardefrancos "O Mozo" (1550-1600), casado con Leonor Varela de Arijón. Foi o seu fillo Lorenzo Gómez de Riobóo e Vilardefrancos (1595-1684), casado con María de Luaces, o que se traslada a vivir a Malvares dende as torres do Allo, e foi enterrado en 1684 na parroquia de San Vicenzo de Rial á idade de 89 anos. O seu fillo foi Jacinto Gómez de Riobóo y Luaces, nado xa en Malvares e falecido no ano 1718 tamén en Malvares. Casado con Dominga García y de Vila, no seu parte de defunción tamén consta a data de morte do seu criado chamado Domingo de Nariño que morreu o 17 de xaneiro do ano 1700 e foi enterrado no adro da igrexa de Rial. Foi fillo deste matrimonio Don Nicolás Gómez de Riobóo y García (1701-1765) que xa aparece no censo de legos do catastro de Ensenada do ano 1763 relativo ó couto de Boiro como xurisdición independente da parroquia de San Vicenzo de Rial en Val do Dubra. 
No devandito catastro aparecen Don Manuel Gómez, Don Nicolás Gómez, Don Luís Gómez, Don Lorenzo Gómez, María Gómez, Don Miguel Gómez presbítero, Don Andrés Antonio Gómez cura do couto de Boiro, Don José Gómez presbítero e veciño do couto de Boiro, os tres últimos titulares da capellanía de Santo Estevo, e Don Juan Gómez de Riobóo presbítero trasladado na súa habitación á freguesía de San Martiño de Coucieiro e Francisco Gómez de Riobóo como cura de Santa Eulalia de Vigo en Boqueixón. No catastro de Ensenada figuran os asentos dos bens en Malvares de don Luís Gómez de Riobóo, fidalgo, idade 40 anos, dous fillos e unha filla e un criado chamado Francisco Cancela de 34 anos oriundo de San Pedro de Xallas de Castrís e unha criada chamada Jacinta Ferrol. De don Manuel Gómez de Riobóo, fidalgo, idade 52 anos, casado, ten na súa compañía a Don Miguel e Don José, os seus irmáns presbíteros e a súa irmá maior Dona Ana María, ten un criado chamado Bartolomé Camean, unha criada chamada dona María de Antelo e outra chamada Francisca Rodríguez oriundos de San Martiño de Cousieiro e outro criado e criada menores, era propietario de nove casas e pezas de terra na choupana, pitueira, gandarón, fieteira, xesteira da cubela, xesteira da devesa. Os bens de  Lorenzo Gómez de Riobóo, falecido, pasaron aos seus irmáns Don Manuel e Don Nicolás Gómez. Os bens de María Gómez pasaron ó seu irmán Francisco Gómez, presbítero. Don Nicolás Gómez de Riobóo, fidalgo, idade 60 anos, casado ten un fillo e cinco fillas, ten un criado chamado Antonio de 22 anos e unha criada oriundos de san Martiño de Cousieiro. O asento de don Nicolás Gómez en Malvares inclúe tres casas e edificacións auxiliares mais pezas de terra en fontebordelos, xesteira da debesa, unha peza de terra chamada do castro e outra peza de terra chamada da cubela e da choupana.
Dende finais do século XVI, XVII e XVIII a familia Gómez de Riobóo, señores do pazo de Xornes en Buño, mantén unha estreita relación que vai sospeitosamente parella cos movementos do clan dos Pombo polo territorio da comarca, estes últimos señores dos pazos de Vernes e de Vilar de Cidre na parroquia de san Martiño de Razo e do pazo de Gondreo na parroquia de Sorrizo, onde os Gómez de Riobóo posuían o pazo das Covadas ¿Por que?


Os condes de Trastámara teñen ás súas costas a "fundación" de dous países, primeiro foi Portugal e Brasil con Fernando Pérez de Trava, fillo do poderoso conde de Trava don Pedro Froilaz, e despois o mega-estado republicano da Gran Colombia de mans da liñaxe ou estirpe dos Moscoso-Condes de Altamira.









© Marcos Castro Vilas, arquitecto


No hay comentarios:

Publicar un comentario