jueves, 3 de agosto de 2023

San Fins de Freixeiro, a parroquia montaraz de uces e queirogas onde naceu a Gran Colombia


 
No lugar ou na parroquia de San Fins de Freixeiro no concello de Santa Comba, amais da súa fermosa igrexa románica co escudo dos Bermúdez de Castro, atópase unha casa en ruínas construída con sillería de pedra de boa feitura onde se pode observar sobre o lintel da porta o escudo labrado dos Moscoso, a famosa cabeza de lobo coa lingua fora. Dona Urraca de Moscoso, quen fora señora do couto de Xallas, Dubra, Montaos e Cances e condesa de Altamira, era filla de Rodrigo Sánchez de Moscoso, tamén señor de Altamira, e Xoana de Castro. Casou con Pedro Álvarez Osorio, conde de Trastámara pola corte de Castela e tivo por fillos a Rodrigo de Moscoso e Osorio, importante líder a favor da revolta irmandiña, e a Álvaro Osorio de Moscoso e Osorio, bispo de Astorga. Dona Urraca de Moscoso foi unha destacada filántropa benfeitora do convento de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela e onde se conserva na actualidade o seu sepulcro e máis o do seu home. Nesa época Santo Domingo de Bonaval era un Estudo Xeral para rapaces pobres do couto de Xallas, Dubra e Montaos. A orde dominica e frei Diego de Deza, en particular, exerceron unha importante labor protectora e de defensa dos intereses de Cristovo Colón no seu proxecto de descubrimento das Indias dándolle acubillo no convento dos dominicos de Salamanca durante a súa estancia nesa cidade.
Namentres ao neto de Cristovo Colón, Luís Colón de Toledo (1522-1572) se lle nega por parte dos reis de España calquera dereito sobre a Terra Firme ou Terra de Gracia como a bautizou Cristovo Colón, a rama fidalga dos Pombo, orixinarios do Castro Pombo en San Fins de Freixeiro, e agora señores do pazo de Vilar de Cidre en Razo e de Gondreo en Arteixo, estaban a preparar o seu desembarco dende Galicia cara o virreinato da Nova Granada.
No Libro de Legos do catastro de Ensenada do ano 1760 pódese consultar a presenza dos apelidos Louzán, Pombo e Nariño na parroquia de San Fins de Freixeiro pola volta do século XVIII. No concello de Val do Dubra é moi común o apelido Pombo, o clan dos Pombo é considerado a familia máis "aristocrática" de Colombia. Neste senso, Manuel de Pombo y Ante asinou a acta de independencia da Gran Colombia do 20 de xullo de 1810 que comeza do seguinte xeito: "era necesario contar con la autoridad del actual Jefe del Exmo señor Don Antonio Amar, se mandó una diputación compuesta del señor Contador de la Real Casa de moneda Don Manuel Pombo, al doctor Miguel Pombo, y Don Luis Rubio, vecinos, á dicho señor Exmo haciéndole presente las solicitudes justas y arregladas de este pueblo". O seu irmán Ignacio de Pombo y Ante foi un destacado filántropo en Cartaxena de Indias promotor e autor do informe do canal do Dique do río Magdalena. O seu fillo Lino de Pombo O'Donnell foi o primeiro enxeñeiro e diplomático da Gran Colombia e o seu sobriño Miguel de Pombo Pombo foi tamén un destacado letrado autor dunha das primeiras traducións ó castelán da Constitución dos Estados Unidos da América e autor tamén dunha proposta federal para a nova república recentemente constituída. Por desgraza foi fusilado polo xeneral das tropas realistas Pablo Morillo. O seu irmán Antonio de Pombo Pombo foi un dos cinco oficiais que non abandonaron a Nariño na campaña do sur contra as tropas realistas en Pasto. 
 
 


Outro apelido presente no Libro de Legos do catastro de Ensenada de 1760 referente á parroquia de San Fins de Freixeiro é o apelido Nariño. Antonio Amador José Nariño Bernardo Álvarez del Casal é considerado o primeiro presidente da Gran Colombia e tamén autor da primeira tradución ao castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución Francesa, feito polo que foi duramente perseguido polo gobernador do virreinato da Nova Granada e extraditado a España polo rei. 





© Marcos Castro Vilas, arquitecto



No hay comentarios:

Publicar un comentario