lunes, 24 de abril de 2023

Ciencia en Santo Domingo de Bonaval

 
 
 
 
Durante a Idade Media a cidade de Santiago de Compostela foi protagonista dunha intensa actividade intelectual e científica gracias a labor levada a cabo por franciscanos e dominicos nos seus studia conventuales fundados en Santiago de Compostela en torno ó ano 1220 e coincidentes no tempo co inicio da mesma actividade por parte dos franciscanos no seu convento de Oxford, fundado en 1224 baixo a tutela de Roberto Grosetesta, e tamén coincidente coa que os dominicos comezaron no seu convento de Saint Jacques de París no ano 1218. Neste senso, a cidade de Santiago de Compostela demostrou un interese e unha tradición temperá polos estudos da ciencia e da filosofía natural, polo estudo das chamadas cousas naturais (metafísica, xeometría, astronomía-astroloxía, física, medicina e todo o conxunto de disciplinas que hoxe chamamos bioloxía). En Santiago de Compostela creouse ben cedo un núcleo de vida intelectual atento ás últimas novidades que comezaban a circular polos centros intelectuais da Europa cristiá. Na Europa de comezos do século xiii estábase a vivir unha grande e frenética vitalidade nos círculos intelectuais da época coa chegada masiva de textos e escritos científicos grecoárabes, como o corpus aristotelicum, que permitían ao home medieval acercarse á realidade e chegar a comprender a totalidade do cosmos, tanto do macrocosmos como do microcosmos. "Os escritos cosmolóxicos de Ptolomeo e dos seus comentaristas árabes Alfarabi e Algazel, os metodolóxicos, cosmolóxicos e biolóxicos de Aristóteles, da man de Avicena e Averroes, a xeometría grega de Euclides comentada polos árabes" favoreceron un campo de cultivo axeitado para crear as condicións necesarias para fomentar entre os intelectuais cristiáns o estudo e o interese polas chamadas cousas naturais, polos animais, as flores e polas árbores, pola reprodución e o crecemento, eran "todos eles fenómenos naturais capaces de ser coñecidos, comprendidos e, polo tanto, dominados polo home, coa nova ferramenta da razón debidamente adestrada nos novos métodos da lóxica aristotélica, das novas ciencias da matemática (astronomía-astroloxía), do "novo Aristóteles" que, dende o mundo grego e por vía dos árabes (e a escola de tradutores de Toledo), permitía acceder ao complexo e fascinante mundo que se agocha tralo adxectivo "natural", "as chamadas "cuestións naturais" (dende o arco da Vella, á choiva, dende a orixe da vida ao porqué da enfermidade e da morte, dende o proceso de xeración biolóxica ao tamaño do cosmos), ofreceranse coma unha nova fronteira do coñecemento ó intelectual europeo dos séculos xii e xiii. As propias relacións humanas podían mesmo ser melloradas e ordenadas socialmente se á lectura evanxélica se lle engadía a dos libros sobre a ética de Aristóteles aos que moi pronto se lle engadirían tamén os da Política do mesmo autor". Os novos libros naturais aristotélicos e árabes estiveron á disposición dos círculos intelectuais cristiáns dende a transición dos séculos xi e xii e xa de forma plena e masiva a partir dos anos centrais do século xii, no caso da península ibérica gracias ás traducións latinas que se fixeron dende o árabe e dende o grego, introducindo ciencias seculares como a aritmética, a xeometría, a astronomía, a medicina e a filosofía natural, a través da presenza de dominicos italianos no studium murciano moi próximo á realidade científica musulmá que perdurou en Murcia ata a revolta de 1267, tamén ao retorno dunha xeración de estudantes franciscanos e dominicos que se graduaron nas universidades europeas no último terzo do século xiii e que se familiarizaron coa difusión das cuestións naturais. O mesmo San Domingo de Guzmán, fundador da orde dos dominicos, formouse nas chamadas artes liberais no studium de Palencia, vencellado con Chartres, para despois pertencer ó cabido de Osma. No seu pensamento sempre estivo presente a idea de facer compatíbel a mensaxe da vida evanxélica centrada na pobreza coa vocación e o interese intelectual. Esta maridaxe entre aristotelismo e cristianismo que caracterizou aos intelectuais dos séculos xii e xiii está tamén presente na obra do franciscano zamorano Juan Gil que no prologo da súa obra Historia naturalis di o seguinte: "A codia protexe ás árbores, as plumas e o peteiro ás aves, ás escamas aos peixes. Deste xeito, a providencia do creador dotou a cada cousa segundo a súa función natural". "As follas e as súas formas...tódolos membros do corpo do home...todo iso está gobernado pola sabedoría divina". Do mesmo xeito este fragmento aristotélico recollido por Miguel Scoto na súa versión árabe-latina do texto De partibus animalium resume as inquedanzas dos filósofos naturais do século xiii por armonizar cristianismo e ciencia: "Debemos admirar as formas e alegrarnos no artífice que as realizou".
Pola volta do ano 1220, tres centros científicos e intelectuais destacaban en Santiago de Compostela naquela época, a propia sé episcopal e os studia dos franciscanos e dos dominicos no convento de Val de Dios e no convento de Bonaval. Neste senso debeu existir nos conventos franciscanos e dominicos de Santiago de Compostela unha intensa actividade intelectual conformando unha pequena comunidade de mestres e discípulos, membros dos seus respectivos studia e onde se ensinaba e cultivaba todo o material achegado pola ciencia árabe e polo saber do novo Aristóteles. As materias propias e tradicionais do trivium e do quadrivium van quedar desfasadas para dar paso á nova filosofía natural que pretende ofrecer unha visión máis global e máis compresiva da Creación conforme a outros centros intelectuais da Europa cristiá, especialmente a escola de Oxford e o convento parisino de Saint-Jacques. En consecuencia, a nova tradición aristotélica vai estar presente nos conventos de franciscanos e dominicos de Santiago de Compostela (Boecio, escritos naturais de Aristóteles, Avicena e Averroes, todos eles presentes nos studia de Val de Dios y de Bonaval, items 25-27,5,38,41-44 do Apéndice documental) que gozaban tamén da protección da orde bieita de San Martín Pinario. Deste xeito desenvolveuse en Santiago unha importante actividade intelectual baseada na utilización sistemática dos libros naturais do corpus científico greco-árabe, favorecida en parte pola actividade científica de Pedro Gallego no recentemente creado studium dominico situado na estratéxica rexión de Murcia e a súa máis que probábel relación coa actividade intelectual da corte do rei Afonso e os círculos intelectuais galegos que permitiron o acceso ás traduccións de Bartolomeo de Messina na corte do rei Manfredo de Sicilia. Ambas ordes gozaron tamén da protección do arzobispo de Santiago, que defendía que a renovación do clero pasaba polo estudo das Sagradas Escrituras armonizadas coa nova tradición aristotélica que buscaba a comprensión do mundo natural mediante o uso do razonamento lóxico e matemático. Xa en tempos de Xelmirez (1100-1140) establecérase unha escola catedralicia de primeiro nivel, enviando aos seus clérigos a París e a Bolonia, así como a presenza na súa corte de Roberto, médico de Salerno que introduciu as cousas naturais propias dos intelectualizados médicos salernitanos da época. Os posteriores arzobispos, Pedro Muñiz e Bernardo II, viron na colaboración coas novas ordes mendicantes un factor imprescindíbel na renovación intelectual do clero da súa diócese.
En resumo, a comunidade franciscana de Val de Dios e a comunidade dominica de Bonaval en Santiago de Compostela amosaron un interese especial cara o estudo da Sagrada Escritura pero tamén das matemáticas e das ciencias naturais en datas moi temperás, entre 1222 e 1230 e ao mesmo nivel que o célebre convento franciscano de Oxford ou o centro dominico de París, onde a lectura dos escritos naturais de Aristóteles, Avicena, Algazel ou Alfarabi e a realización de pequenos experimentos formaban parte da vida diaria. Dende moi cedo temos constancia da presenza de textos aristotélicos na península ibérica traducidos en Toledo (1217-1220) por Miguel Scoto antes da súa partida cara a corte normanda de Sicilia onde é probábel que se acometera a partir de 1227 a tradución do árabe ó latín do importante corpus filosófico natural de Averroes por un grupo de tradutores entre os que figuraba o propio Miguel Scoto. No caso de Galicia, gracias a un documento datado en 1222 existente na Biblioteca vaticana podemos coñecer o novo mundo intelectual de Santiago de Compostela nos comezos do século xiii a través dunha lista de libros da nova filosofía natural greco-árabe retirados da biblioteca arzobispal onde se atopaban acubillados, por parte dos estudantes Pedro Odoario, Martin Fernandez e Xohan Fernandez.


 
BIBLIOGRAFÍA:

-GARCÍA BALLESTER, LUIS: "Naturaleza y Ciencia en la Castilla del siglo XIII. Los orígenes de una tradición: los Studia franciscano y dominico de Santiago de Compostela (1222-1230). Artículo PDF, CSIC, Barcelona.


No hay comentarios:

Publicar un comentario