A razón de ser da cidade de Compostela é un cruce de camiños, "Compostella, id est bene composita". Por Santiago de Compostela pasaba a famosa vía romana XIX que unía as cidades romanas de Braga e Lugo e tamén saía o camiño cara o porto da Coruña, pero, sobre todo, a principal razón de ser de Compostela, o motivo real polo que se escolleu ese lugar polo que pasaba a vía XIX, era porque nese lugar preciso desembocaba a vía romana procedente de Ourense e de Chaves. Casualmente estas mesmas variables dábanse en Carboeiro, por Carboeiro pasaba un importante camiño que acortaba considerablemente a distancia ou a ruta entre a corte asturiana de Oviedo e as terras do actual Portugal, amais de ser, ao igual que Compostela, o lugar de paso da importante vía romana que procedía de Ourense e de Chaves. A Estrada sempre foi un importante cruce de camiños ou de vías romanas.
Dise que a construción do chamado mosteiro de Carboeiro foi promovido ou promocionado pola corte de Asturias para reforzar ou fomentar esta importante vía de comunicación peninsular e terrestre entre o incipiente reino asturiano e as terras de Portugal e dalgunha maneira tamén recompensar ou agasallar aos camiñantes que se vían na obriga, ó transitar por ela, de desviarse da cidade de Santiago de Compostela. No mosteiro de Carboeiro traballou o mesmo taller de mestres canteiros franceses que traballaron na catedral de Santiago. Con todo, coa proclamación da independencia de Portugal e o nacemento de reino de Portugal trouxo consigo a perda de funcionalidade desta importante vía de comunicación que unía con Asturias e que pasou a ter un caracter residual. Caeu en desuso e o proxecto de Carboeiro foi abruptamente abandonado pola monarquía asturiana e tivo que ser rematado daquela maneira polos canteiros galegos do país.
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
