Algúns estudosos do tema da toponimia fan derivar o hidrónimo Xallas dunha raíz "salia" "sal", co significado de "corrente de auga" "auga en movemento", mais o nome do río Xallas na antigüidade era Eçaro, un hidrónimo que procede dunha antiga raíz indoeuropea "isaro", co significado de "impetuoso" "vigoroso" e que fai referencia a súa violenta desembocadura en forma de catarata no mar.
Para resolver a controvertida orixe do nome do río Xallas soamente nos queda acudir ata a, dende fai pouco, descoñecida compoñente normanda en terras de Santa Comba. É sabido agora que os normandos ocuparon núcleos como Boaña en Castrís ou Ser en Santa Comba. Tanto o núcleo rural de Boaña como o de Ser comparten certas semellanzas urbanísticas, fronte ás aldeas tradicionais de natureza compacta, tanto Ser como Boaña desenvólvense exteriormente arredor dun anel que fica baleiro, semella como relembrando o recinto de madeira do asentamento normando. Tamén temos moi preto a estratéxica torre de Randufe que tamén semella facer referencia ao temible vikingo "Ulfo o galego".
En nórdico antigo, o termo "hǫll/höll/hall" provén dunha raíz moi antiga que significa algo así como "lugar cuberto ou protexido" "refuxo pechado" e foi evolucionando ata significar "salón", especialmente un lugar de importancia social ou ritual para unha comunicade, como Valhalla (o salón dos caídos na batalla).
Tamén compartindo a mesma orixe etimolóxica, e quizais a orixe de todo, temos o termo nórdico "hallr" ou "hall", co significado de "chaira rochosa". En nórdico antigo "hallr" pode significar "pedra" "rocha" ou "chaira rochosa", "lousa" ou "enlousado". Deriva do proto-xermánico *halluz que tamén se relaciona con superficies duras e rochosas e planas. Esta raíz tamén aparece en outras linguas xermánicas como o anglosaxón "heall", co significado de "rocha" ou "pedra" e o gótico "hallus". A idea de chaira rochosa podería ser unha extensión da idea de superficie plana e dura e de salón. En nórdico antigo a palabra "hella", tamén escrita como "hjalla" ou relacionada con "hallr" ten un significado asociado a "lousa rochosa", "pedra plana", "plataforma rochosa". A rexión de Halland en Suecia é unha penechaira de erosión de paisaxes suaves e ondulantes. Tamén Helleland na illa de Baffin foi nomeada polos vikingos como a terra das "pedras planas". Neste senso, tamén Holland podería ter un significado semellante.
O anterior redundaría na idea de "gandarón", como unha penechaira rochosa de especial importancia política e social, e que xa recolle o topónimo romano de Grandimirum ou "gándara dos xefes". A penechaira de Xallas de Castrís debeu ser un lugar xeográfico moi importante dende un punto de vista político e social, un lugar poderoso onde ubicar o mítico Monte Medulio das crónicas romanas.
Xunto aos normandos, aquí tamén deixaron a súa pegada tamén os árabes. Así a lagoa de Alcaián, no río Mira, deriva do termo árabe "al-kayan", un termo usado para definir unha "institución", "unha entidade política" ou "incluso unha nación" con "identidade propia" e "estrutura nacional", un "estado". Neste senso moi preto de Castrís temos o topónimo de Mostaza, tamén do árabe "mustashfá", co significado de "hospital" ou ben do árabe "mustashar", co significado de "escribán" ou "asesor". Tamén o topónimo de Faxín, do árabe "fajj", co significado de "camiño", "porto", "desfiladeiro", "paso entre montañas ou outeiros". E Faxilde ou Faílde, do árabe "fajj" e o xermanismo "hilde", co significado de "desfiladeiro do combate" ou "val do combate", ou Almozara, co significado de "chaira destinada a exercicios militares ou campamentos militares". Tamén a Rabadeira do árabe "rabad", co significado de "barrio" ou "suburbio" e Arijón do árabe "arij", co significado de "fragancia" "aroma" ou "frescura". Tamén Mira e o Chafariz.
Por último e xa que falamos do mítico Monte Medulio ao que fai referencia o topónimo de Portomedal na parroquia de Cousieiro, moi preto de Portomedal e no límite dos contrafortes montañosos da penechaira xalleira atópase o pequeniño núcleo rural de Lal, en primeira liña de batalla do hipotético foxo de 23 km (15 millas) que recollen as crónicas romanas formando parte do Monte Medulio e da devandita penechaira xalleira. O topónimo de Lal pode vir de "leal" (de alí>dalí, de aquela>daquela), en referencia ao pobo que morreu heroicamente por defenderse e ser fiel aos seus ideais irredentos, ou ben ser un hipocorístico "lalo" de "Gonzalo" ou "Gundisalvo", un nome de orixe xermánica que significa "o que loita", "disposto para a loita" ou "preparado para a loita".
Na
zona de Padreiro tamén temos un interesante topónimo Vilardante, do
normando "danter" "dant", co significado de "dominus" ou o verbo inglés
"to daunt" co significado de "subxugar", "dominar", e tamén un Alvarín,
do vikingo "hall" e "var", co significado de "guardián da pedra", e
Vilartide, co significado de vilar de Titus.
Xa para rematar e cambiando un pouco de tema, tanto "a illa" "o illó" "o ulló" son topónimos que fan referencia a un lugar húmido ou encharcable, e responden ao proceso urbanizador de abandono paulatino dos castros polas zonas baixas dos vales. E Çiçere pode vir de Çesare (libro do subsidio_1500), do latín vulgar "sessare", co significado de "asentarse".
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
No hay comentarios:
Publicar un comentario