![]() |
| Recreación da torre de San Pedro de Xallas de Castrís |
O concello de Santa Comba tivo ó longo da historia diferentes capitais administrativas ou centros de poder e unha delas foi Castrís, herdeira do poder político dun antigo destacamento militar romano de época xulio-claudia existente nese lugar. A torre medieval de Xallas ubicábase no lugar da actual igrexa parroquial de San Pedro de Xallas de Castrís. Bernal Yáñez de Moscoso foi un dos seus administradores durante as revoltas irmandiñas. Tamén Gonzalo de Figueroa e Pedro García o Vello, pertencente ou membro do clan dos García Vilardefrancos, e tamén Fernando de Malvares, segundo recolle o preito de Tabera-Fonseca de 1524-1534.
A outra capital administrativa de Santa Comba foi San Pedro de Ser. San Pedro de Ser debeu de ser un importante e estratéxico enclave durante a Alta Idade Media na terra de Xallas, non soamente de Santa Comba, senón de toda a Costa da Morte e o condado de Trastámara. Importantes camiños confluían en Ser para abranguer coma un abano toda a Costa da Morte, dende Malpica ata Fisterra. Pola toponimia actual sabemos que en Ser estiveron os suevos, os francos e os normandos. De feito Ser é unha importante raíz toponímica de orixe normanda que vén do latín "sedere" e que significa "asentamento". O lugar de Ser debeu de ser no seu tempo a capital interior dos normandos na provincia da Coruña cando estes tomaron toda a costa noroeste da Coruña.
O núcleo de Ser debeu de xogar un importante papel administrativo no ámbito da Costa da Morte dende a época dos suevos. Neste senso era semellante ao núcleo de Lestrobe en Trazo, onde se situaban os palacios de Lestrobe, capital da merindade de Montaos, e onde Fernando de Castro exercía a súa función de merino e xuíz da terra de Montaos e Vilaprego. O topónimo de Lestrobe vén do xermanismo "leisten" ou "last", co significado de "último" "o que renda dunha cousa", polo que debeu ser un lugar importante de recadación de rendas na terra de Montaos dende a época dos suevos e na Alta Idade Media. Tamén o topónimo de Xabestre é un xermanismo que vén do termo alemán "gebesteuer", co significado de "imposto", "gewerbesteuer", "gewerbsteuer", co significado de "imposto ás actividades comerciais", tamén de "gewebe" (tecido) "steuer" (imposto), co significado de "imposto aos tecidos". En Xabestre tiña a súa residencia Roi Palmeiro, recadador xudío de alcábalas na terra de Montaos pola venta de palmilla e outras mercadorías.
Neste senso, no núcleo de Ser tamén temos o lugar do Reguengo, lugar onde tradicionalmente os xudeos tiñan adxudicados os dereitos de explotación para a recadación das alcábalas reais. Durante o século XVIII, e anteriormente tamén, foi o lugar onde os García Figueroa e os Vilas, do lugar de Suevos, continuaron exercendo o seu oficio de escribáns de número da xurisdición de Xallas. Este transvasamento ou comunicación no tempo do poder político e administrativo entre San Pedro de Xallas de Castrís e San Pedro de Ser refléxase moi ben na xenealoxía de Don Pedro García de Castrís, señor rexedor e propietario da torre de Xallas de Castrís pola volta do século XVI, e que continúa no seu tataraneto Don Antonio García Figueroa falecido na torre de Castrís no ano 1726. Porén o seu fillo Miguel García Figueroa e Gómez de Riobóo xa reside no Reguengo pola volta do século XVIII e o seu fillo Don Joseph García Figueroa Riobóo Villardefrancos xa exerce o oficio de escribán de número da xurisdición de Xallas, tamén no lugar do Reguengo en Suevos, a finais do século XVIII.
Tamén
xunto a Ser atópase o importante núcleo de Freixeiro, cunha interesante igrexa
románica, e onde tiñan solar e casa as familias máis tradicionais da
historia de Galicia, como os Moscoso e os Bermúdez de Castro. O poder autóctono e céltico. Casas con
escudos destas familias perviven a duras penas na actualidade no lugar
de Freixeiro. E En Vilar de Céltigos coa capela da Virxe da Merced, una cristianización de Santa Columba e Santa Bríxida, atopábase o poder da xurisdición relixiosa do arciprestado.
Na actualidade a sede do consistorio do concello de Santa Comba atópase no lugar de Santa Catalina, un lugar máis centrado entre San Pedro de Ser e San Pedro de Castrís.
Do mesmo xeito que a torre de Randulfe, situada entre Boaña e Ser e fortaleza de Ulfo o galego, era a capital normanda de Santa Comba e de Galicia. O núcleo de Mira, xunto a lagoa de Alcaián, era a capital sarracena de Galicia.
A unidade mínima de información en Galicia é a aldea, se noutras partes de Europa ou de España tes unha vila cun casco histórico importante ou impresionante onde deixaron a súa pegada xermanos, normandos, sarracenos ou xudeos, en Galicia tes unha aldea cun nome xermano, a do lado herdou o nome normando, a de máis acolá cun nome sarraceno e a daquí cun nome xudeu. Así, por exemplo, Ser sería un asentamento normando, Faxín un asentamento árabe, Suevos un asentamento xermano, Freixeiro e Castro un asentamento céltico-tradicional, da nobreza local, e o Reguengo e Vilarnovo serían asentamentos xudeus.
No caso de Xallas de Castrís, Boaña sería o asentamento normando, A Mostaza e Mira o asentamento sarraceno, Xallas o asentamento céltico-tradicional, da nobreza local, e Castrís o asentamento tardorromano-xermano, e que finalmente constata da importancia histórica de senllas áreas de poboación.
En Galicia todo pasa pola aldea, a forma de referencia de ocupación do territorio é a aldea, pero iso non lle resta valor como centro de poder político fronte a un burgo consolidado castelán ou árabe. É máis, Galicia era un territorio moi goloso e prioritario para os árabes pola presenza dos normandos, mesmo atreveríame a dicir que en Galicia intercambiaban cos normandos os seus dirham de prata presentes nos tesouros vikingos. Uns baixaban do norte e outros subían do sur como na época do Bronce Final. Todo xurdiu por seguirlle a pista aos normandos e darme de conta que tiñan aos sarracenos por veciños de forma intencionada e deliberada, mesmo colabaraban entre eles. Por exemplo a comarca de Bergantiños está inzada de asentamentos residenciais de madeira de orixe normanda, Buño, Boaña, Ser, Cillobre, As Quenllas, Cereo, Sergude, Corcoesto, Xornes, Cances...porén o que trascendeu coma centro de poder político dos normandos en Galicia era a aldeíña-torre-cutre de Randulfe en Santa Comba, onde Ulfo o galego exercía o seu poder político. Pois moi preto de Ulfo, en Mira, estaban os sarracenos nunha especie de moi interesada asociación-simbiose política e comercial.
© Marcos Castro Vilas, arquitecto



