lunes, 27 de mayo de 2024

The mummers, as mascaradas de inverno nas illas británicas

 

 
Na localidade de Padstow en Cornualles consérvase unha tradición chamada Darkie Day ou Mummer's Day. É unha celebración tradicional que acontece ou ten lugar no Boxing Day (26 de decembro) ou ben no día de Aninovo. Consiste en disfrazarse ou vestirse con farrapos e coas caras pintadas de negro ou usando máscaras e participando nunha especie de danza de disfraces con música. Era unha forma de festexar o solsticio de inverno.
 




Tamén en Irlanda festéxanse os chamados "mummers", sobre todo na metade norte do país, no Ulster e no condado de Leitrim, e tamén nalgunhas partes do leste do país como o condado de Fingal. Os mummers irlandeses vestíanse con traxes e máscaras feitos de palla e cos rostros ocultos, traxes farrapentos e un pao na man, os mummers ían de casa en casa con cantos, rimas, bailes e música, pedindo comida e bebida pero sobre todo aterrando á xente nas súas casas. Sen previo aviso os mummers entraban nunha casa e pedían actuar. Algúns veciños dábanlle unha calorosa benvida mais outros botábanos fóra de mala maneira por aterrar aos seus fillos e eles ameazaban con roubar os animais do dono da casa e arrastralo cara o inframundo dos mortos, pois eles eran os espíritos do inverno. Tamén facían unha pequena representación teatral que simbolizaba a loita do ben contra o mal mediante diferentes personaxes de heroes irlandeses como San Patricio, King George ou figuras diabólicas como Belzebú, Oliver Cromwell ou o Cabaleiro Turco. A representación consistía nunha pelexa a morte e que remataría en sangue entre dous destes personaxes, un representaba o ben e outro representaba o mal. Entón chega o personaxe do médico ou curandeiro que resucita e revive  o personaxe morto, simbolizando o renacer da natureza cada ano despois do inverno.
 

 

 
As representacións de mummers en Inglaterra consisten en grupos de homes disfrazados que fan unha pequena representación teatral. Disfrazados visitaban casa por casa pedindo cartos ó cambio. A temática da representación normalmente consistía nunha loita, sendo o perdedor revivido polo personaxe do médico. Nalgúns festexos tamén ían acompañados dunha danza de espadas. Por norma xeral os chamados "Mummer's Play" tiñan lugar durante o ciclo de Nadal, tamén en Pascua ou no Plogh Monday e máis raramente en Halloween ou na festividade das almas difuntas. Compasados con rimas, os personaxes principais eran un heroe (San Jorge, Robin Hood ou Galoshin en Escocia) e o seu principal oponente, o Cabaleiro Turco ou Belzebú. En Escocia os festexos dos mummers coincidía co Hogmanay e os personaxes principais eran chamados Galoshins. En Gales, nestas datas, sacaban un cabalo branco chamado Mari Lwyd.



A festividade dos mummers nas illas británicas ten paralelismos cos mamuthones na illa de Sardeña durante a festa de carnaval da Mamoiada. Representan figuras infernais do inframundo que desfilan polas rúas simbolizando os espíritos do mal que dan paso ao bo tempo da primavera e propician boas colleitas. Vestían máscaras de madeira negra con pelicas de ovella negra e chocas de diferentes tamaños no lombo.


Tamén en Rusia había mascaradas de inverno chamadas Maslenitsa. En Letonia estes festexos chámanse Metenis ou Metei. O Metei é unha antiga festa de benvida da primavera e a morte do inverno. Metenis ou Metei celebrábase no mes de febreiro ou principios de marzo. Durante o Metei letón a xente bebe e come todo o que lle da a gana. Canto máis tempo se celebraba o Metei mellor eran as colleitas no tempo de verán. Para despedir o inverno queimábase unha serpe alegórica ou un dragón, tamén monecos de palla ou troncos cuxas cinzas eran espalladas polas leiras para que o novo ano fora frutífero.