ABEGONDO e BERGONDO: do britónico ou céltico "condo", "condate", co significado de confluencia "unión de ríos" "onde as augas conflúen e se encontran". A raíz indoeuropea "awe" significa "fluír", "auga que flúe", e por extensión "val" polo que sería unha reiteración. A raíz "ber" pode ser un xermanismo e significar "oso".
AMES: O concello de Ames pertence á comarca de Santiago, ocupa o val que forma o río Sar na chamada depresión meridiana. O río Sar é un río entre dous ríos, o Tambre ó norte e o río Ulla ó sur. Neste senso o topónimo Ames vén do latín "interamnis fluminis" que significa río que discorre entre dous ríos, "amnis" é unha palabra latina que significa tamén río e da que derivan palabras como "amieiro" ou "ameneiro". Ames comparte etimoloxía con Entrimo en Ourense e Teramo en Italia.
ARANGA: O topónimo de Aranga comparte campo semántico cos nomes de outros concellos próximos, como son Toques, Sobrado, Monfero ou As Somozas e que fan fronteira coas terras altas da cordilleira dorsal galega que separa as provincias da Coruña e de Lugo. Curiosamente é un topónimo de orixe éuscara, onde o termo "arango" significa "as alturas dun val".
ARTEIXO: O topónimo de Arteixo pode vir da palabra "artesa", e facer referencia a un val costeiro, ou ben facer referencia á tribo prerromana dos ártabros "os do norte" ou "da Osa maior".
ARZÚA: O topónimo de Arzúa está relacionado co termo celta "arz" e co aínda máis antigo termo, de orixe éuscara, "artz", co significado de oso. Debeu ser unha zona oseira, con presenza de osos na antigüidade ou, cando menos, sinalar o comezo dunhas terras onde xa era posíbel albiscar ó oso, e había que andar con coidado. Neste senso, está á mesma altura que Oseira e o monte Faro en Ourense, onde está documentada a presenza de osos na idade media.
A BAÑA: A Baña é un concello pertencente á comarca da Barcala. O topónimo da Baña fai referencia a unha concavidade con auga, a unha cunca. Segundo o dicionario da RAG, a palabra baño fai referencia a un recipiente con auga, tamén é a parte escavada das zocas.
BARBANZA: do fenicio "bar", co significado de "costa" e o termo latino "pantia", co significado de "panza" ou "ventre abultado". O Barbanza sería, polo tanto, unha costa panzuda.
BETANZOS: A cidade de Betanzos é a capital da comarca homónima de Betanzos. A vila de Betanzos sitúase nun antigo castro ou outeiro entre os ríos Mendo e Mandeo chamado castro de Untzia. A comarca de Betanzos estaba habitada en época romana e prerromana pola tribo dos Bedios ou Baedy, logo Betanzos sería Baedy-Unzia> Betunzia>Betanzos.
BOIMORTO: O concello de Boimorto pertence á comarca de Arzúa. Polo concello de Boimorto pasaba a vía romana XIX ou polo menos unha variante norte da vía XIX como o demostra a existencia dun fermoso miliario romano atopado no lugar de Vilanova. Boi é unha palabra de orixe xermánica que significa camiño romano ou rastro ou sinal dun camiño vello. A palabra boi está emparentada etimoloxicamente co vej danés e co way inglés ou co weg alemán. É unha palabra endémica da provincia da Coruña onde a presenza sueva foi máis intensa, e parece ser que os suevos chamábanlle boi aos camiños romanos que se atoparon á súa chegada á Gallaecia. Neste senso o topónimo Boimorto significa camiño romano en desuso, camiño morto. Ás veces xogábase coa ambigüidade semántica do termo, boi tamén é macho da vaca en galego, e así cando un camiño romano atravesaba o pico dunha montaña dicíase que era o Corno do Boi.
BOIRO: O topónimo de Boiro indica lugar encharcable, fondeira ou depresión inundable. Da raíz indoeuropea "bhodh" ou "bhedh", co significado de "escarvar" ou "cavar". Neste senso comparte etimoloxía con Bueu, como terreo pantanoso, que podería derivar dos termos galegos "boedo", "buedo", do latín "bodetu", "bodum" e "vau" (charco), relacionado a súa vez co termo latino "budam" e o vocablo céltico "bedu" ou "budu", que significa espadanal, xunqueira ou lugar encharcado. Mesmo sería posible defender xunto a "boo>bo" a correspondente evolución en "poo>po". De tal xeito que o hidrónimo do río Po en Italia úsase para designar unha hondanada, unha depresión encharcable do terreo. Comparte campo semántico co topónimo de Rianxo.
BOQUEIXÓN: O topónimo de Boqueixón parece proceder do termo "boca", facendo unha clara alusión á característica e peculiar abertura rochosa que fai o río Ulla en ponte Gundián, un tallo entre dous fíos rochosos.
BRIÓN: O topónimo de Brión fai alusión a "musgo", planta da familia das briofitas, do termo bryon en grego. En idioma céltico-córnico "bryjyon" significa "to boil", "bulir", "ferver", o cal pode facer referencia a un curso de auga dun río, tamén pode significar "brotar" e facer referencia de xeito figurado ao "musgo". En todo caso o topónimo de Brión é un topónimo de orixe céltica que fai referencia a un lugar moi húmido con numerosos cursos de auga con plantas briofitas.
CABANA DE BERGANTIÑOS: O topónimo de Cabana de Bergantiños fai referencia, cando menos, a un asentamento esóxeno de cabanas de madeira construídas nese lugar por navegantes procedentes do norte de Europa nalgún momento da prehistoria. Con todo, o máis probable e plausible é que faga referencia ás cabanas de madeira dalgún asentamento vikingo no lugar de Canduas, cuxa etimoloxía relaciónase co termo ou raíz "Scandia", da que proceden palabras como "cándido" e nome co que Plinio se refería a península de Escandinavia e aos seus habitantes. O núcleo de Canduas, coa fortaleza vikinga de Sinde, únese deste xeito a outros asentamentos vikingos lendarios na zona como son Arou e Camelle. No concello de Cabana situábase a mansión romana de Atricondo, do britónico "condo", co significado de "confluencia de augas", neste caso na confluencia de tres augas ou vales. O río Allones vén do latín "alius", co significado de "outro", polo que o río Allones sería o río "dos estranxeiros".
CABANAS: Ten a mesma orixe que o topónimo de Cabana de Bergantiños e fai alusión a un probable asentamento vikingo con cabanas construídas con madeira.
CAMARIÑAS: defendeuse con frecuencia para o topónimo de Camariñas unha orixe clara na deturpación por similitude sonora co fitónimo da planta costeira chamada "caramiña" e de onde vén o topónimo da Pobra do Caramiñal. Con todo, eu defendo unha orixe na raíz danesa "kam", co significado de "peite", coa finalidade de destacar a característica forma recortada da súa costa, con numerosos e pequenos entrantes e saíntes rochosos que se espallan de xeito continuado e en horizontal coma un peite, e de onde vén tamén o topónimo do lugar de Camelle.
CARBALLO e CERCEDA: Carballo e Cerceda son dous concellos que exemplifican o choque entre a política urbanizadora romana e o urbanismo indíxena dos castros que habitaban os outeiros a media ladeira dos vales. Coa chegada dos romanos se favoreceu ou promocionou o asentamento da poboación no fondo dos vales, lugares húmidos e fríos de abondosa vexetación. Esta nova maneira de ocupar o territorio chocaba de fronte co urbanismo dos castros. Un xeito de ridiculizar con retranca o urbanismo romano era chamarlle de forma vexetal ás novas capitais "municipais", pois no fondo dos vales soamente medraban carballos ou calquera outra clase de árbore frondosa.
CARIÑO: O topónimo de Cariño procede da famosa raíz prerromana "Kar", co significado de "pedra", "rocha" ou "dureza".
CARNOTA: Do termo prerromano "Kar", co significado de "pedra" ou "rocha" e o termo latino "notare", co significado de "destacado". Xa que logo, lugar que destaca pola cantidade de pedra.
CEDEIRA: Do normando "sedeir", da raíz normanda "seer", que deriva do latín "sedere", co significado de "asentamento", "to set", "settlement".
COIRÓS: O concello de Coirós sitúase nunha crista rochosa ou montañosa que se erixe entre os ríos Mendo e Mandeo polo que é verosímil que o topónimo de Coirós teña relación co termo "coiraza", coma a coiraza dun sapoconcho.
COMPOSTELA: A cidade de Santiago de Compostela ocupaba un lugar estratéxico no sistema viario romano da Gallaecia, por Santiago de Compostela pasaba a vía XIX que unía Braga con Lugo. Lugar de paso para o porto da Coruña, en Santiago de Compostela desembocaba a vía romana, que procedente de Ourense, se dirixía á Coruña. Deste xeito, Compostela era un lugar ben composto e así aparece nas crónicas medievais, na crónica de Sampiro de 1150 dícese "Compostella, id est bene composita". Compostela era, xa que logo, a capitalidade da cristiandade de Occidente e tamén da Gallaecia.
CORCUBIÓN: O topónimo de Corcubión procede do termo "corcova" como acumulación da famosa raíz prerromana "cor", que significa "rocha" ou "dureza", e a raíz latina "curvus", co significado de "curvo". Unha "corcova" é unha lomba formada pola curvatura convexa dunha montaña que se adentra no mar.
CORISTANCO: O concello de Coristanco pertence á comarca de Bergantiños, é o concello que ten o topónimo máis arcaico e prerromano de todos, está formado pola raíz Cor- que significa pedra, pola raíz -stan- que significa estaño e o sufixo prerromano -anko que significa "lugar de". Polo tanto Coristanco sería o lugar da pedra do estaño. Neste senso comparte campo semántico coa palabra "barranco".
A CORUÑA: A cidade da Coruña ocupa un saínte rochoso que se adentra no mar semellante a Caión, Laxe ou Malpica. O topónimo Coruña procede da raíz prerromana Car- ou Cor- que significa dureza, rocha, palabras como carcasa, carballo ou coraza incorporan a raíz cor- car- co significado de dureza. O topónimo Coruña vén do latín Caronium ou Caranico, así nomeada no Itinerario Antonino da vía romana XX. O sufixo latino -nium derivou en -uña.
CULLEREDO: Culleredo é un concello da comarca da Coruña que ocupa un fermoso val formado polo río Valiñas. O monte Xalo axuda a conformar este fermoso val cunha característica ladeira ou aba en forma de cuncha ou culler en latín, e de aí o nome de Culleredo. "Culler" sería o termo galego para designar un "circo" de probable orixe glaciar na aba do monte Xalo.
CURTIS: O topónimo de Curtis procede do latín "cohortis" e fai referencia ao campamento militar romano existente no lugar de Ciadella, onde se asentaba a Cohors I Celtiberorum.
DODRO: O topónimo de Dodro procede do termo xermánico "dodder", da raíz proto-xermánica "dodro", que significa da cor amarela, alaranxada ou dourada en alusión á cor que adoptan os carrizos do Ulla en outono ó secarse.
DUBRA: O topónimo Dubra ten a súa orixe nunha palabra de orixe céltica co significado de auga. Neste senso dwfr (pronunciado duvr) é unha forma alternativa galesa co significado de auga. O concello de Dubra ou Val do Dubra, na provincia da Coruña, comparte orixe etimolóxica coa cidade inglesa de Dover. Dover, históricamente en castellano Duvres, ten a súa orixe no idioma celta Brythonic, onde Dubras significaba As Augas: From Old English Dofras, from Latin Dubris, from Brythonic Dubras “the waters”, from Proto-Celtic dubros “water”.
DUMBRÍA: O concello de Dumbría atópase moi preto do cabo de Fisterra e do monte Pindo, chamado altar ou ara dos celtas. O topónimo Dumbría componse, polo tanto, da raíz "Don" que fai referencia ou alusión á alta divindade e a raíz "briga", que é unha palabra de orixe celta para "fortaleza" ou "castro", co resultado final de fortaleza ou castelo do Señor. O río Ézaro vén dunha raíz indoeuropea "isaros", co significado de "rápido", "impetuoso", "vigoroso". En sánscrito "isiráh" co mesmo significado. A palabra "isara" figura na etimoloxía doutros moitos nomes de ríos en Europa.
FENE: Concello da comarca de Ferrol, do danés "fin", co significado de "bonito" ou "fermoso".
FERROL: O topónimo de Ferrol deriva dunha raíz nórdica "ferr" "føre" "ferje" ou "ferian", co significado de "transportar ou atravesar nun bote", e da cal derivan palabras como "ferry". En sentido figurado e dende a óptica do porto de Mugardos como primer porto da ría, o Ferrol sería o lugar ou a beira a cal se accede necesariamente cruzando nun bote. Dunha raíz proto-indoeuropea "per", co significado de "atravesar", Ferrol comparte orixe etimolóxica con "fiordo", "ferþuz" en proto-xermánico. Ferrol vería a significar polo tanto fiordo.
FISTERRA: Do latín "finis terrae", co significado de "fin da terra". Lugar sagrado dos celtas, na parroquia de Duio atópase o lugar de Denle que vén do celta "denladh" ou "dyn-laddiad", co significado de "sacrificio humano".
IRIXOA: O nome do concello de Irixoa, chamado Ecclesiola na documentación medieval, é un diminutivo que deriva do latín "ecclesiola" que significa "igrexa pequena" e que se repite noutros topónimos galegos como Grixoa.
A LARACHA: O concello da Laracha pertence á comarca de Bergantiños. Na época dos romanos era un importante nó viario da comarca que daba acceso ás terras de Curtis, A Coruña, Ordes, Tordoia e Santa Comba. Foi por este motivo que os romanos situaron neste lugar o importante municipium de Flavium Brigantium ou Brigantium Flavium. Brigantium era a capital de Bergantiños na época dos romanos que chamaban Vir ou Ber ao río Anllóns. Bergantiños eran as xentes que habitaban o val do río Anllóns-Vir-Ber. Por ser un importante nó viario era o lugar dos lares viais e de aí o topónimo da Laracha. Tamén pode facer referencia a proliferación de moitas casas ou lareiras promocionadas pola labor urbanizadora do emperador Flavio. Do celta leur co significado de solo, chan ou superficie plana, lara-cha, axeitado para desenvolver a actividade urbanizadora de Roma.
LAXE: O topónimo de Laxe procede dunha raíz céltica "llech" (galés) ou "leac" (gaélico), co significado de pedra de grandes proporcións e superficie lisa que en galego chamamos laxa.
MALPICA: Da raíz "mole" co significado de "masa", "pedra" e de onde derivan palabras como "muelle" (mole en danés), "malecón" ou "moa". E tamén da raíz xermana "pik", co significado de picar ou aguillón. Malpica vería sendo pois un saínte rochoso. Neste senso comparte campo semántico co núcleo próximo de Caión, co significado de saínte rochoso ou dureza. No concello de Malpica tamén se atopa o lugar de Mens, do danés "mogens", pronunciado "mœns", co significado de "poderoso".
MAÑÓN: De "mallón": faixa de terreo inculto que bordeaba unha finca de labradío. Confín ou linde dunha terra de labradío. De "maraño": fileira de herba que deixa o traballador trala sega, "marallo" en leonés. Del galés "mân" (fino), del córnico "mann" (pequeño, poco), del bretón "moan" (delgado, esbelto). En galego "mañoca" (lombriz).
MAZARICOS: O zarapito real é un paxaro que no verán se acubilla nas landas rasas, unha terra chaira onde abondan as plantas silvestres cheas de queirogas e silvas ou pradeiras turbosas. É unha ave que no verán nidifica no norte de Europa e nas illas británicas. No seu tempo debeu manter, como únicas áreas máis meridionais de nidificación na península ibérica, o concello de Mazaricos e a Terra Chá. Na actualidade mantén unicamente unha ocupación permanente no tempo na illa de Irlanda.
MELIDE: Nomeada Milierata en Terra de Abeancos, o seu topónimo relaciónase con "miliario". Neste senso por Melide pasaba a vía romana XIX que unía Iria Flavia con Lucus Augusti.
MESÍA: O topónimo Mesía vén do sufixo latino meso- que significa medio. Realmente as terras de Mesía ocupaban un espazo intermedio entre as comunicacións viarias que ían de Santiago a Lugo, de Santiago a Coruña e da Coruña a Lugo.
MIÑO: O topónimo Miño procede dunha raíz "min", latín "minus", inglés "mynus", do proto-indoeuropeo "mi-nu" "mei", co significado de "pouco" "pequeno" ou "menos" e da que derivan palabras como "minguar" ou "diminuto". Neste caso ten o significado de "calmo" e fai referencia a un mar tranquilo de fondo de ría. Tamén pode proceder da raíz céltica-córnica "min" "minyon" "minow", co significado de "boca" e aludir á desembocadura dun río. En bretón "min" tamén significa "boca". En irlandés "min" significa "suave" "liso" y en galés "min" significa "borde" ou "límite" e tamén "boca".
MONFERO: O topónimo de Monfero está composto polo termo "monte" e o adxectivo "fero", co significado de "bravo". Terras montesías e estremeiras.
MUGARDOS: do noruegués "mugg", co significado de "mofo", "alga", "esvaradío", dunha raíz indoeuropea "meug", co significado de "esvaradío" ou "viscoso", polo que o topónimo Mugardos pode significar "lugar lamacento".
MUROS: Na documentación medieval aparece sempre en singular como Muro, sancti Petri de Muro. Do bretón "mor" e o céltico "mori", pronunciado /ˈmoːr/ "mur", co significado de "mar". En Muros, na parroquia de Louro no alto dun monte atópase o lugar de Taxes, do danés "tage", co significado de "brétema".
MUXÍA: O topónimo de Muxía parece derivar de "monxe" ou "monge" en francés, en referencia ao importante mosteiro de frades do lugar de Moraime. En algúns documentos antigos aparece como Mongia ou Mungia. O topónimo de Moraime semella ser un xermanismo formado polos termos "mor" "meer", co significado de "mar", e o termo tamén nórdico ou noruegués "eim", do proto-xermano "aimaz", co significado de bafo, cheiro do mar.
NARÓN: Concello da comarca de Ferrol, o noso fiordo máis xenuino. O topónimo de Narón, ao igual que Neda, Fene, Ferrol ou Mugardos, ten unha orixe nórdica, do danés "nær", co significado de "cerca" ou tamén "estreito", en alusión á forma da ría de Ferrol nesa zona.
NEDA: Concello da comarca de Ferrol, o noso fiordo galego, o topónimo de Neda ten unha orixe nórdica, do danés "ned", co significado de "abaixo", "cara ó sur".
NEGREIRA: do latín "niger" "nigrum", co significado de "cor negra" coma a morte. Se Dodro fai alusión á cor amarela e Rois fai alusión á cor parda. Negreira fai alusión a cor negra da morte.
ORDES: Polo concello de Ordes pasaba un camiño francés de peregrinación xacobea coñecido na actualidade como o camiño inglés, era paralelo a outro camiño francés que, con semellante trazado, discorría polo concello de Tordoia e chamado a vía sueva. En San Xián de Cabaleiros, nun punto intermedio do camiño, existía un hospital de peregrinos baixo a advocación de San Xulián, santo protector dos peregrinos e un dos santos máis importante da Orde dos pobres cabaleiros de Cristo e do Templo de Salomón, tamén coñecidos como templarios. É de esperar logo que no trazado que pasa por Ordes ocorrese algo semellante, e de aí veña, en resumidas contas, o topónimo de Ordes.
OUTES: As terras altas da ribeira norte da ría de Noia e Muros deron lugar ao topónimo da chamada Serra de Outes. De "outo", co significado de "alto" e este do latín "altus", termo do que deriva a palabra "outeiro".
OZA DOS RÍOS: O concello de Oza dos Ríos, chamado Ocia nos documentos medievais, deriva dunha voz latina "occa", "occare", que significa facer sucos na terra cunha grade. Esta mesma raíz deu palabras como "oquedad" en castelán ou "oco" en galego. Cárcava, gabia ou escavación profunda feita no terreo polas correntes de auga.
O PINO: A igrexa do Pino atópase á beira dun camiño moi empinado que comunicaba os dous principais camiños ou ramais que pasaban polo concello, que era o camiño medieval de Santiago que viña de Lugo e o camiño medieval, que procedente de Mesía e Curtis, pasaba por Ponte Carreira.
PONTECESO: Do verbo latino "cedere" cuxo participio supino é "cessum" e o participio futuro é "cessurus", co significado de "ir", "marchar", "avanzar", "pasar". Hai que lembrar que por Ponteceso pasaba a vía romana xx per loca marítima como continuación da mesma vía romana que pasaba por Pontecesures.
O PORTO DO SON: O topónimo do Porto do Son, escrito Porto Dozón ou Porto Doçón no rexistro histórico, deriva tamén da palabra latina "occa" que orixinou "oquedad" en castelán ou "oco" en galego. Fondeira costeira con moita pendente arrodeada e xerada polas montañas da serra do Barbanza cando lambe o mar e onde se atopan na actualidade as parroquias de Noal e Nebra.
RIANXO: Topónimo relacionado con "río". Rianxo sería, xa que logo, o espazo ou a depresión xerada por un río na súa desembocadura.
ROIS: O topónimo de Rois fai referencia ao carácter montañoso do concello. O concello de Rois, aínda que non o pareza, é bastante montañoso na meirande parte da súa extensión. O topónimo Rois fai referencia, xa que logo, ás cores pardas e apardazadas das terras bravas e montesías azoutadas polo vento. Rois procede de "ruzo", de cor parda, un termo que vén de russeu>roixo>roxo.
SADA: Do latín vulgar e medival "salata", co significado de "salgada" ou "salada", por perda do -l- intervocálico, como "Petra Salata" en Coímbra. Porén o máis pausíbel é que proceda do danés "saet", co significado de "establecerse" ou "asentamento". Neste senso temos os topónimos próximos de Mera, do normando "meer", co significado de "mar", e tamén o topónimo de Lorbé, da raíz éuscara "lar", co significado de "largo" e "extenso" e da que derivan palabras como "larregi" (demasiado en vasco), "largus" en latín, "lorgh" (vara en céltico e tamén en alemán), "lur" (instrumento escandinavo moi alongado en forma de trompeta), e mais a raíz "bae", co significado de "baía", polo que o topónimo Lorbé fai referencia a unha baía moi longa ou con forma de trompeta como é a ría de Betanzos.
SANTA COMBA: no concello de Santa Comba atopamos o lugar de Cícere e Circe era, segundo a Odisea de Homero, a meiga que habitaba a illa Eoa e que lle indicou a Ulises o camiño cara o inframundo dos gregos, o Hades. Santa Comba foi a máis famosa das meigas galegas que se converteu ao cristianismo, herdeira de meiga Morgana da lenda do rei Arturo.
SOBRADO: do latín "superato", fai alusión á planta superior ou elevada dunha vivenda. Comparte campo semántico co topónimo de Toques que deriva de "tectum", como cuberta dunha vivenda. Ámbolos dous nomes describen as terras altas ou montañas que separan a provincia da Coruña de Lugo.
AS SOMOZAS: do latín "sub montia", co significado de "ao pé dos montes".
SONEIRA: vén do termo latino "subneria", aos pés dos nerios, en referencia ás terras baixas e do outro lado das montañas da tribo dos nerios, na comarca do Xallas, chamado territorio nerio polos romanos.
TOQUES: O nome do concello de Toques, chamado Toccas na documentación medieval, deriva da palabra latina "tectum" para definir a parte superior que cobre unha casa. Neste senso unha "toca" é unha peza de roupa que se usa para cubrir a cabeza. Úsase de novo o significado da palabra "teito" para sinalar unha zona montañosa e limítrofe, semellante ao caso de Sobrado.
TORDOIA: Tordoia é un concello da comarca de Ordes. A presenza sueva neste concello foi moi importante, son abondosos os topónimos de orixe xermánica como Bardaos, Aldemunde, Restande, Leobalde ou Anxeriz. Pódese considerar a Tordoia a capital oficiosa dos suevos e das suevas de Galicia. Neste senso o topónimo de Tordoia ten unha orixe xermánica, Torden é trono en danés e Tordon é trono en sueco. O deus Thor era unha das divindades principais do panteón xermánico e nórdico. Son algúns os concellos de Galicia que fan referencia a divindades como Larouco, Bande...e Tordoia fai referencia á divindade principal dos suevos. Outra opción plausible é que derive dunha torre do oiar ou torre de vixilancia.
TOURO: é plausíbel que o nome faga referencia a un lugar de venda de gando ou de intercambio de gando.
TRAZO: Trazo é un fermoso val da comarca de Ordes. O concello de Trazo ocupa na súa totalidade unha antiga terraza fluvial ou terrazo que se orixinou polo esforzo do Tambre para atravesar as montañas que delimitan a depresión meridiana e que conformou un profundo canón entre a Ponte Alvar e Portomouro. É moi plausíbel, polo tanto, que o nome de Trazo veña de terrazo, ou terraza fluvial que orixinou o embolsamento ou lago de auga do Tambre nos seus intentos por atravesar as montañas que bordean a depresión meridiana. Topograficamente o concello de Trazo ocupa as terrazas fluviais dun gran lago que se formou polo río Tambre no seu discorrer cara o mar e os diferentes obstáculos que se foi atopando no camiño. Neste senso é algo semellante á comarca do Bierzo. No concello de Trazo, en Benza, atopábanse os "palacios de Lestrove", capital xuridicional da terra de Montaos e onde posiblemente tiña lugar a recadación de tributos na zona, semellante ó lugar de Suevos-Ser-Reguengo para a comarca de Xallas. Etimoloxicamente Lestrove deriva da raíz xermánica "leisten" co significado de contribuír ou pagar e o sufixo -obre ou -bri co significado de "fortaleza ou castro". "Leisten" tamén significa "rendir unha máquina" e está relacionado co termo "lesen" co significado de "vendimar ou recoller" e tamén co termo danés "laest" co significado "o último, o que resta, o que renta ou rinde unha cousa". Neste senso explícase o termo inglés "last" co significado de "o que queda, resta ou produce unha cousa".
TEO: O concello de Teo pertence á comarca de Santiago de Compostela, lugar de paso de importantes vías de comunicación como a vía romana XIX e a vía romana XX, na actualidade camiño portugués de peregrinación. O topónimo de Teo fai alusión á posible presenza dun asentamento dunha guarnición militar romana no lugar de Firmistáns en O Sebe. Neste senso o topónimo de Teo vén do latín statio legio ou parada de lexión romana. Statio legio derivou en Taleo, e Taleo derivou en Teo por perda do -l- intervocálico no galego. Nas crónicas antigas medievais aparece como Santa María de Talegio, 1032 e Sancta María de Teeio, 1400, o que corrobora a miña hipótese.
VALDOVIÑO: O concello de Valdoviño ocupa un fermoso val na comarca de Ferrol onde se sitúa o núcleo de Aviño. Realmente o topónimo de Valdoviño é unha redundancia pois a raíz indoeuropea "awe" significa "fluír", "auga que flúe", e por extensión "val".
VIMIANZO: procede da palabra "vime", co significado de "vimbio", planta da familia das salicáceas que se usa para facer cestos e que medra en terreos moi húmidos nas beiras dos ríos, e mais do sufixo -anzo que procede do sufixo latino -antia e que expresa unha cualidade.
ZAS e CEE: Zas e Cee son topónimos que se explican dende a corrección do seseo, un rasgo lingüístico característico do galego da Costa da Morte. Realmente Zas é Sas, que vén do xermánico "salas" ou "habitáculos". E Cee que pode vir de "sé", do normando "sé", "seer", a súa vez do latín "sedere", co significado de instalarse, de lugar preeminente ou destacado dentro da ría, ou ben ser tamén un xermanismo "zee", co significado de "mar".
© Marcos Castro Vilas, arquitecto